O alto tribunal non admite a trámite por falta de fundamentación e de interese casacional os recursos da Xunta e a empresa promotora contra a suspensión do parque Lagoa II por parte do TSXG mentres este analiza a súa legalidade
O Tribunal Supremo vén de facer pública unha provindencia na que inadmite a trámite os recursos de casación presentados pola Xunta e pola empresa promotora do parque eólico Lagoa II, en Zas e Santa Comba, Engasa Lagoa SL, contra a decisión cautelar do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de suspender temporalmente o permiso do parque mentres analiza a súa legalidade. O Supremo considera que os recursos nin están fundamentados nin teñen interese casacional para resolver ningunha suposta discrepancia con posicionamentos previos do propio alto tribunal.
A suspensión cautelar do parque Lagoa II foi decretada en xuño de 2023 polo TSXG por entender que a súa execución suporía un dano "asegurado" ao medio ambiente se despois a súa autorización por parte da Xunta fose anulada por ilegal polo propio tribunal. Ante ese risco, o tribunal optou por paralizar esa autorización mentres analiza o fondo da cuestión sobre a súa legalidade.
Tras esta paralización de xuño de 2023, desde comezos deste 2024 o TSXG suspendeu xa outros 59 parques eólicos con similar argumentación do risco irreversible que suporía a súa construción para o medio ambiente se posteriormente os tribunais consideran que as súas autorizacións foron ilegais. Unhas paralizacións cautelares, á espera da análise do fondo da cuestión, que veñen criticando de xeito reiterado tanto o Goberno galego e o PP como empresas do sector. Porén, agora é o Tribunal Supremo o que con esta decisión ratifica a paralización cautelar.
Rueda non ve "inseguridade xurídica" nas súas sucesivas modificacións da lei eólica galega, 12 veces xa en 15 anos e agora novamente cos orzamentos de 2025
Fronte ás críticas da Xunta de que as suspensións cautelares ditadas polo TSXG supoñen "inseguridade xurídica" para o sector, este luns o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, foi preguntado polas súas reiteradas modificacións da lei eólica galega. Aprobada en 2009, a norma xa foi mudada 12 veces en 15 anos e vaino ser novamente agora a través da lei de acompañamento dos orzamentos para 2025.
Porén, para o presidente Rueda esas mudanzas reiteradas da lei non supoñen inseguridade xurídica porque se veñen facendo "seguindo un procedemento de modificación", en referencia á lei de acompañamento, que se vén repetindo todos os anos. Desta volta, defende o presidente, faise para adaptar "un sector moi cambiante" ás prioridades do goberno galego que optan por repotenciar parques eólicos xa instalados.