O tribunal permitiu ata o momento a continuidade de cinco proxectos ao desestimar neses casos as peticións de paralización formuladas por ecoloxistas ou veciñanza
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) divulgou este luns varios autos con novas decisións sobre suspensións cautelares de parques eólicos autorizados pola Xunta que supoñen a paralización doutras 7 instalacións polo seu posible risco ambiental. Con estas novas decisións xudiciais, xa son 59 os parques eólicos suspendidos cautelarmente en 74 concellos de toda Galicia, mentres que noutros cinco casos o tribunal permitiu continuar a tramitación.
O novo balance foi feito público polo TSXG no mesmo momento en que a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, comparecía na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta para criticar o tribunal galego. A conselleira viaxou a pasada semana a Bruxelas para defender a tramitación galega dos parques eólicos ante a UE e o seu Tribunal de Xustiza, con sede en Luxemburgo. E este luns deu conta desa viaxe lamentando que "os esforzos da Xunta chocan coa determinación do TSXG", que ao seu ver "está provocando unha demora importante" na implantación en Galicia de máis enerxías renovables.
O TSXG está a suspender cautelarmente ducias de parques eólicos pola posibilidade de que o dano ambiental que provoquen sexa irreparable se seguen adiante e finalmente a xustiza determina que a súa tramitación por parte da Xunta foi incorrecta. Ademais, despois de que o Tribunal Supremo rexeitase algúns dos argumentos empregados polo TSXG para tombar parques eólicos, o tribunal galego elevou unha pregunta ao Tribunal de Xustiza da UE sobre se a lexislación estatal e galega -e a decisión do Supremo que a avalou- é correcta.
No balance feito público este luns o TSXG informa de que suspendeu tamén a tramitación dos parques Suime, Monteagudo, Serra da Piñeira, Serra de Liñares, Neboada, San Cristovo e Paraño Oeste. A de paralización cautelar do parque Neboada xa fora analizada en febreiro a petición de Ecoloxistas en Acción Galiza e daquela o TSXG permitira a súa continuidade por non ver argumentos suficientes para suspendelo. Pero agora o tribunal si valida unha argumentación distinta achegada por Adega e decide suspendelo.
Pola contra, pola mesma falta de argumentos suficientes para a súa paralización cautelar, o TSXG avala a continuidade dos parques Solpor e Picato, co que de momento son cinco os que proseguen a súa tramitación.