"Sería absurdo que a Administración fixese de peor condición aos seres humanos que aos animais", di o tribunal, que aplica a un parque a menos dun quilómetro de núcleos de Vila de Cruces o criterio de 2 quilómetros que a Xunta usou coa granxa de Mesía
"Sería absurdo que a Administración fixese de peor condición aos seres humanos que aos animais". Con ese argumento o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir un novo auto de paralización cautelar dun parque eólico autorizado pola Xunta a menos dun quilómetro de tres núcleos habitados de Vila de Cruces. Á espera de analizar o fondo da cuestión sobre a legalidade do permiso, o tribunal ten en conta para a súa suspensión cautelar que a propia Xunta invalidou hai un ano outro parque eólico en Mesía polo risco que suporía para o benestar das vacas da granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda, situada a menos de dous quilómetros.
Tras suspender cautelarmente 40 parques eólicos en 61 concellos polo risco que a súa construción podería supoñer para o medio ambiente ou as persoas se agora son executados e despois resultan anulados, entre eles o denominado Cunca en Vila de Cruces, o TSXG acepta agora un novo argumento de paralización proposto pola asociación Petón do Lobo que solicitaba a medida cautelar.
En xaneiro do pasado ano a Xunta rexeitou un parque eólico denominado Gasalla a carón da granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda, en Mesía, porque "a implantación dun parque eólico na zona dunha explotación agrogandeira de produción ecolóxica podería afectar ao benestar animal e á maior protección que debe darse a estes métodos produtivos". Aquel proxecto, como lembra agora o TSXG citando a resolución negativa da Xunta, contemplaba "catro dos seus aeroxeradores a menos de 2 quilómetros das ditas instalacións (concretamente, entre 1,32 Km e 1,96 Km".
En Xanceda a Xunta dicía que o benestar animal "non pode ser garantido coa instalación do parque eólico a algo máis de 1 km de distancia", pero autorizou o parque de Vila de Cruces a menos distancia de vivendas e agora o TSXG suspéndeo
O Goberno galego tivo en conta para anular aquela iniciativa un informe da Consellería de Medio Rural que dicía que "o impacto ambiental provocado polos parques eólicos pode afectar ao nivel de tensión nos animais", con catro posibles alteracións: ruído de baixa frecuencia e parpadeo de sombras, infrasóns, campos magnéticos de frecuencia extremadamente baixa e radiacións electromagnéticas de alta frecuencia.
O "benestar animal", dicía a Xunta daquela, "non pode ser garantido coa instalación do parque eólico a algo máis de 1 km de distancia".
Porén, no caso do parque agora suspendido en Vila de Cruces, denominado Cunca e impulsado por Green Capital Power, habería aeroxeradores de 200 metros de altura ata a punta das pas situados a 511, 613 e 706 metros de núcleos habitados e granxas de animais de produción.
O TSXG salienta no seu auto de paralización que a Xunta "gardou silencio a respecto do diferente tratamento realizado para as distancias" entre o caso de Xanceda e o agora anulado
O TSXG salienta no seu auto que no proceso para decidir a medida cautelar en Vila de Cruces "a Administración gardou silencio a respecto do diferente tratamento realizado para as distancias no caso do proxecto de Gasalla e o que aquí nos ocupa". E engade que "dado que consta que para o gando vacún en ecolóxico a Xunta considerou suficiente unha distancia inferior a 2 km para considerar significativamente perturbado o benestar animal, entendemos que sería absurdo que a Administración fixese de peor condición aos seres humanos que aos animais".
Por iso, o tribunal considera "suficientemente acreditado que os ruídos que pode ocasionar un proxecto como en concreto se considera no parque eólico Cunca poden ocasionar perturbacións significativas no benestar e a saúde das persoas, e constitúe un dano susceptible de ser considerado en sede cautelar como de difícil reparación".
Ademais deste novo argumento, o tribunal repite no seu auto outros motivos de paralización cautelar xa empregados en autos anteriores, como que a normativa de distancias a vivendas foi actualizada pola propia Xunta -reducíndoa a cinco veces a altura dos aeroxeradores, o que no caso dun aparello de 200 metros de altura deixaría o límite nun quilómetro-, e non se entendería que seguisen adiante parques máis próximos polo feito de que a súa tramitación fose iniciada antes da mudanza legal.