Xa son 40 os parques eólicos suspendidos cautelarmente polo TSXG en 61 concellos polos seus posibles efectos ambientais

Concellos con parques eólicos suspendidos cauterlamente polo TSXG CC-BY-SA Praza Pública

Entre os últimos proxectos paralizados está un a petición do Concello de Cerdedo-Cotobade, do PP, formación que viña criticando este tipo de decisións do tribunal

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) divulgou este martes varios autos con novas decisións sobre suspensións cautelares de parques eólicos logo de adaptar os seus criterios sobre ese tipo de medidas temporais ao establecido polo Tribunal Supremo na súa sentenza do pasado decembro na que validou a tramitación dos proxectos que estaba a facer a Xunta. Cos novos autos agora coñecidos xa son 40 os proxectos suspendidos de xeito cautelar polo seu posible risco ambiental á espera de que o tribunal analice o fondo da cuestión e se as súas autorizacións cumpriron coa legalidade. 

Os 40 parques paralizados ata o momento están distribuídos por toda Galicia, nun total de 61 concellos, varios dos cales albergarían varias desas instalacións.

Entre os proxectos agora paralizados está o do parque eólico Dos Cotos, en Cerdedo-Cotobade, suspendido cautelarmente a petición de varias comunidades de montes e do propio Concello, gobernado polo PP. Ata agora os populares, xunto coa Xunta e a patronal, viñan criticando este tipo de decisións cautelares do TSXG cargando especialmente contra un dos varios maxistrados que as veñen adoptando por unanimidade, o ex-portavoz de En Marea Luís Villares. 

No caso do parque suspendido en Cerdedo-Cotobade, o TSXG salienta que baseou a súa decisión nos informes achegados polo Concello que apuntan á "protección da saúde e do benestar do ser humano" e non só do medio natural

No caso do parque dos Cotos, o TSXG basea a súa suspensión no contido dos informes achegados polo Concello, dos que infire que as instalacións se situarían "tanto a escasa distancia de elementos que contribúen á calidade paisaxística da zona como a unha escasísima distancia de núcleos de poboación", pois na contorna dos aeroxeradores residen 424 persoas en 13 entidades de poboación diferentes. 

Neste caso trátase, segundo os maxistrados, non só da protección do medio natural, senón "da protección da saúde e o benestar do ser humano que habita na zona". 

Fronte aos 40 parques suspendidos cautelarmente, o TSXG permitiu ata o momento a continuidade de catro proxectos ao desestimar neses casos as peticións de paralización formuladas por organizacións ecoloxistas.

Ademais de adaptar os seus criterios para decidir sobre as peticións de suspensión cautelar de proxectos, o TSXG vén de preguntar ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea se a lexislación estatal e galega -e a decisión do Supremo que a avalou- é correcta.

Un dos varios autos cos que o TSXG vén relativizando a demora que suporán as súas suspensións cautelares de parques CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.