O tribunal galego adapta os seus criterios para decidir suspensións cautelares mentres non se pronuncie sobre a legalidade final de cada proxecto
O pasado decembro o Tribunal Supremo revogou unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulara a autorización da Xunta a un parque eólico porque supostamente incumprira os prazos de alegacións. Desde que o TSXG emitira aquela sentenza en xaneiro de 2022 e ata a revisión do Supremo que considerou o contrario o tribunal galego aplicara o mesmo criterio para suspender cautelarmente outros parques. Pero tras a sentenza do Supremo o TSXG tivo que reavaliar as súas decisións cautelares e agora vén de divulgar un balance que di que desde a resolución do alto tribunal estatal acordou 16 novas suspensións de parques eólicos porque neles tamén eran de aplicación outros criterios distintos do anulado en decembro. Pola contra, cos novos criterios o tribunal rexeitou a paralización cautelar doutros dous parques eólicos.
O TSXG informa de que tras a sentenza do Supremo de decembro adaptou os seus criterios "á hora de decidir sobre medidas cautelares respecto a parques eólicos". Medidas de suspensión que lembra que non son definitivas senón só temporais mentres analiza o fondo da cuestión, se a autorización dos proxectos cumpriu coa lei. Unhas suspensións cautelares que pretenden "evitar que o lapso de tempo que transcorre ata que recae un pronunciamento xudicial firme supoña a perda da finalidade do proceso" xudicial.
O TSXG salienta que hai máis criterios para acordar a suspensión cautelar dun proxecto ademais do desbotado polo Supremo, en particular o dos posibles danos concretos irreversibles que poida causar
O Supremo desbotou na súa sentenza que o xeito que tiña a Xunta de tramitar as alegacións e a exposición pública dos parques fose motivo de nulidade dos mesmos. Así que ese deixou de ser un criterio do TSXG para suspender cautelarmente os parques, o que ata o momento provocou que o tribunal non admitise esa medida cautelar nos parques Vilartoxo (na Baña e Val do Dubra) e Neboada (A Rúa, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Vilamartín de Valdeorras, Quiroga e Ribas de Sil).
Porén, o TSXG salienta que hai máis criterios para acordar unha suspensión cautelar e que o feito de non ter en conta o criterio invalidado polo Supremo "non obsta a que a Sala analice nos autos, tal e como fixo noutras resolucións emitidas antes da sentenza do Tribunal Supremo, outros aspectos á hora de pronunciarse sobre as medidas cautelares".
Nesa liña, o TSXG di ter en conta tamén o posible dano concreto que poida causar o inicio da construción dun parque aos bens protexidos que poida afectar. Para iso, nos seus autos o tribunal galego salienta "a prevalencia dos principios de cautela, prevención e precaución en materia ambiental, así como a preponderancia que teñen sobre a captación e transporte de enerxía eléctrica, salvo que se acredite o interese xeral que para o sistema eléctrico teña a execución e funcionamento do parque eólico analizado en cada caso concreto". E para apreciar ese risco de posible dano o TSXG di que tivo en conta "información obxectiva provinte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, o cal delimitou áreas non recomendadas para a instalación da enerxía eólica, así como informes sobre hábitats prioritarios e de interese comunitario".
Con eses criterios, e desbotado xa o criterio da exposición pública anulado polo Supremo, o TSXG decidiu a suspensión cautelar, á espera de pronunciarse sobre o fondo da cuestión, de 13 proxectos: Monte Neme (Carballo e Malpica de Bergantiños), Zamorra (Agolada), Touriñan III-2 (A Estrada, Cuntis e Campo Lameiro), Pico Seco (Lalín e O Irixo), Figueiras (Mondoñedo, Alfoz e Valadouro), Reboiro (Baralla, Castroverde e O Corgo); Rodeira (Vila de Cruces e Lalín), O Cerqueiral (Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba), Chao do Marco (Becerreá), Felga (Aranga, Coirós e Oza-Cesuras), Serra do Faro (Rodeiro, Dozón, San Cristovo de Cea e Piñor), Monte Peón (A Lama) e As Encrobas (Cerceda, Carral e Ordes).
[Unha primeira versión desta nova sinalaba que o TSXG reavaliara suspensións previas á sentenza do Supremo, pero non é así senón que as suspensións son novas e dítanse sobre parques non analizados ata agora pola xustiza. Ademais, o TSXG incluíu na súa lista o parque de O Cerqueiral ao mesmo tempo como suspendido e como non suspendido cando o correcto é que está suspendido. A explicación é que o tribunal rexeitou unha petición de suspensión dunha entidade ecoloxista porque non estaba ben fundamentada e aceptou outra solicitude doutra organización que si o argumentara adecuadamente, prevalecendo esta última a efectos prácticos].