O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) volve suspender o aval da Xunta a un parque eólico. Neste caso, a Xustiza tomba as autorizacións administrativas e de construción que outorgara no pasado mes de abril a Naturgy para o seu proxecto As Encrobas, nos concellos de Cerceda, Carral e Ordes, un proxecto asociado ao plan de transición xusta na zona tras o peche da central térmica de Meirama no verán de 2020.
O TSXG volve suspender cautelarmente a autorización para o parque eólico 'As Encrobas', asociado ao plan de transición xusta tras o peche da central de Meirama
A sección terceira da sala do contencioso-administrativo do TSXG acolle así a demanda de Ecoloxistas en Acción e suspende cautelarmente a execución da resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, dependente da Consellería de Economía, que daba o visto e prace da Xunta ao requisito necesario antes de comezar os traballos de construción.
O parque constaría de catro aeroxeradores de 200 metros de altura cada un, ademais dunha torre meteorolóxica de apoio e outras infraestruturas, e nel tiña previsto Naturgy investir 20 millóns de euros. Unha instalación, agora cos trámites paralizados, cunha potencia de 20MW para producir anualmente 68GWh, segundo relataba a compañía enerxética, que obtivera tamén a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable por parte da Xunta hai pouco máis dun ano.
É un dos proxectos eólicos de Naturgy asociados ao plan de transición xusta na área afectada polo peche da central térmica, xunto con outro, o Meirama, de 44,5 MW.
O Superior galego volve paralizar así un parque eólico malia o ditame de Supremo do pasado mes de decembro que, contrario ao criterio do TSXG, validaba dous dos procedementos da Xunta na validación dos parques que adoitan impugnar entidades sociais ou ecoloxistas. Neste caso, son outros motivos os que levan a Xustiza a suspender cautelarmente as licenzas.
No seu auto, os maxistrados aluden ao informe dunha bióloga presentado por Ecoloxistas en Acción, do que advirten que, malia que os seus datos e conclusións sobre as "afeccións negativas" do parque eólico "son en gran parte xenéricos", non "na súa totalidade". Así, o TSXG centra en tres afectacións os argumentos para tombar provisionalmente o permiso: que na análise da experta "si que se mencionan distancias próximas ao polígono" da instalación, "pero, sobre todo", recalca, que facilita tamén "a información obxectiva provinte do Ministerio para a Transición Ecolóxica" que impediría darlle o visto e prace aos aeroxeradores.
O auto advirte que o informe presentado por Ecoloxistas en Acción achega "información obxectiva" do Ministerio para a Transición Ecolóxica que impide dar o visto e prace ao parque
"Por unha banda", explica o auto, "a inclusión dunha gran parte das infraestruturas do parque eólico As Encrobas dentro da área non recomendada para a instalación da enerxía eólica debido á súa máxima sensibilidade ambiental pola súa proximidade a diversos núcleos de poboación do termo municipal de Carral". Por outra, continúa, pola "afección severa á avifauna e especies catalogadas". Destas dúas informacións, din os maxistrados, derívase que se "tivese acreditado o periculum in mora determinante da suspensión interesada". Xa que logo, a necesidade de ter en conta o risco de males maiores e irreversibles que tería atrasar ou non tomar a decisión cautelar de suspender a execución das obras.
Así o explica o propio auto, que alude aos principios de "cautela, prevención e precaución" do Dereito da UE para advertir da prevalencia da suspensión da execución dunha actividade que poida producir un "dano irreparable ou de moi difícil ou incerta reparación" por riba dos intereses dunha promotora para executar de forma inmediata o proxecto autorizado.
O TSXG paraliza o parque pola súa proximidade a diversos núcleos de poboación e pola "afección severa" a aves e especies catalogadas
O auto deixa así no aire, polo momento, a construción deste parque eólico que en xaneiro recibiu a DIA favorable por parte da Xunta, que en abril outorgou as autorizacións administrativas e de construción. A avaliación ambiental recibira arredor de medio milleiros de alegacións, mentres que a veciñanza directamente afectada presentara máis de 180 recursos de alzada pola perda de valor das súa propiedades, o dano irreversible á paisaxe e a contorna ou polos graves efectos sobre a súa saúde.
Entre as alegacións presentadas estaban as do Concello de Carral, que non considera o parque eólico compatible coas afectacións á reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo ou a especies como o lobo e a ave escribente das canaveiras. O Concello de Cerceda advertía do fraccionamento do proxecto, postura semellante ao de Ordes, que pedía avaliar o impacto conxunto de todas as instalacións na área natural protexida.
Máis alá do ditame do Supremo
Respecto da posible fragmentación indebida dos parques eólicos, os maxistrados advirten que é "unha cuestión fáctica" que só poderá resolverse "cando se dite a sentenza" e sexa "examinada a documentación que obra no expediente administrativo".
Ademais, e en canto ao feito de que non se dera vista completa dos informes sectoriais no trámite de información pública, os maxistrados lembran que, aínda que noutras sentenzas da mesma sala foi causa para aplicar a suspensión cautelar, desta vez "non será o caso". Arguméntano aludindo á sentenza do Supremo que, en contra do criterio previo do TSXG, considerou que o feito de que a Xunta, noutro caso, reducise o seu prazo de alegacións e fixese esa exposición ao público antes de ter os informes sectoriais das administracións implicadas non supoñía unha actuación incorrecta. Todo malia que tras o ditame do Supremo, a propia Xunta decidira volver a ampliar os prazos de exposición pública.
Xa que logo, e a pesar de que Xunta, empresas e patronal acolleron aquel ditame do Supremo sobre a repotenciación do parque eólico de Corme co convencemento de que suporía a fin do que consideran un "bloqueo" do sector a través das sentenzas que paralizan cautelarmente proxectos, o TSXG segue a atender recursos e demandas de grupos ecoloxistas ou colectivos sociais.
Foron máis dunha ducia as sentenzas que tombaron varios parques eólicos, poñendo o foco na política para o sector por parte da Xunta: por infrinxir a normativa europea, por fragmentación indebida ou por falta de información, fundamentalmente. Neste último caso, o de Naturgy, as causas esgrimidas polos maxistrados son a proximidade da instalación a diversos núcleos de poboación e pola súa afectación "severa" a aves e especies catalogadas.