O Ministerio para a Transición Ecolóxica emite unha declaración ambiental desfavorable dos proxectos Ralea, Eco e Umbrío, emprazados principalmente en León pero con efectos sobre os Ancares e o Courel
O Ministerio para a Transición Ecolóxica publicou este mércores no BOE a declaración de impacto ambiental desfavorable de tres parques eólicos que a empresa Green Capital pretendía implantar fundamentalmente en León pero que terían efectos tamén sobre Lugo, sobre os espazos protexidos dos Ancares e o Courel. O ministerio considera que os proxectos podería ter efectos negativos sobre diversas especies protexidas, entre elas o oso pardo e a pita do monte.
Hai un ano o ministerio tamén tombou outros parques eólicos de tramitación estatal próximos ao Courel polo seu posible impacto sobre o oso pardo, cuxo último censo sinala a presenza en Galicia de 11 exemplares.
Os parques eólicos agora invalidados ambientalmente, denominados Ralea, Eco e Umbrío, tiñan 138, 72 e 114 MW de potencia. Deles o ministerio salienta "a potencial afección ao oso pardo" e que "aínda que a especie está presente na totalidade do territorio que abarca o proxecto, concretamente o Parque Eólico Eco emprázase a menos de 2 quilómetros" dunha área crítica de recuperación nos Ancares.
O ministerio di na súa resolución que "os relevantes efectos negativos sobre a fauna, a vexetación e os hábitats de interese comunitario e os efectos sobre a paisaxe, así como os antecedentes de declaracións de impacto ambiental desfavorables de parques eólicos, unido á imposibilidade de asegurar que as actuacións non vaian causar un prexuízo á integridade dos espazos Rede Natura próximos, fai concluír que os parques eólicos Eco, Umbrío e Ralea, xunto co resto de infraestruturas asociadas ao proxecto, nas súas configuracións orixinal e final, non se consideren ambientalmente viables". Unha conclusión á que chega fundamentalmente tras un informe negativo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Junta de Castilla y León.
A resolución do ministerio baséase fundamentalmente nun informe da Junta de Castilla y León que considera que os eólicos "suporán cambios no uso do espazo" por parte do oso pardo e "un risco para a súa supervivencia"
O documento castelán e leonés sinala que en concreto o parque Eco e as úsas instalacións "suporán cambios no uso do espazo" por parte do oso pardo e "un risco para a súa supervivencia". O mesmo informe sinala que os aeroxeradores "poderían xerar un impacto indirecto sobre a Rede Natura 2000 ao afectar a especies obxecto de conservación dos mesmos, como a pita do monte (Tetrao urogallus), o oso pardo (Ursus arctos), o voitre leonado (Gyps fulvus) ou a aguia real (Aquila chrysaetos) as cales non permanecen estáticas senón que se desprazan en busca de alimento ou durante a reprodución, polo que a instalación do parque eólico suporá unha ameaza severa para a súa supervivencia.
O ministerio sinala na resolución publicada este mércores no BOE que tamén recibiu un informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta que solicitaba "o retranqueo de todos os elementos dos parques eólicos que puideran sobrepoñerse aos espazos protexidos da Rede Natura 2000" nas zonas de especial conservacións (ZEC) e de especial protección de aves (ZEPA) dos Ancares e do Courel.