Varios proxectos eléctricos en Asturias interpóñense en zonas de posible expansión do oso pardo a Galicia

Varios exemplares de oso pardo nunha imaxe da Fundación Oso Pardo, que ten en marcha varios proxectos para facilitar a súa expansión por Galicia © Fundación Oso Pardo

Dous dos encoros, no concello asturiano de Ibias, a tres quilómetros de Navia de Suarna, sitúanse xunto coa súa liña eléctrica en zonas de distribución actual e potencial da especie e a medio camiño entre a reserva integral de Muniellos e Galicia

Hai agora dez anos o Ministerio de Medio ambiente tombaba o intento de construción, amparado nunha concesión franquista de 1951, dun cuarto encoro no río Navia aguas arriba dos tres xa existentes. Situado entre o concello galego de Navia de Suarna e o asturiano de Ibias, suporía unha barreira para a posible expansión cara a Galicia das poboacións de oso pardo existentes en Asturias. Unha década despois a actual eclosión de novos proxectos de produción eléctrica volve ter esa zona entre os seus obxectivos, agora con iniciativas de menor envergadura pero con emprazamentos que novamente se interpoñen entre as actuais poboacións de oso pardo en Asturias e a súa posible expansión cara a Galicia.

Emprazamentos dos proxectos eléctricos que veñen de iniciar a súa tramitación ambiental e áreas de distribución actual (en laranxa) e pontencial (verde) do oso pardo CC-BY-SA Praza Pública

Fronte ao cuarto encoro hidroeléctrico que se pretendía construír hai unha década no Navia, agora os proxectos que veñen de iniciar a súa tramitación ambiental ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica propoñen centrais reversibles ou de bombeo. É un tipo de instalación que durante as horas de pouca demanda eléctrica eleva a auga empregando precisamente a electricidade máis barata a un depósito superior para, nas horas de maior demanda, soltala ata o inferior e que ao seu paso por unhas turbinas esa caída produza enerxía eléctrica que poder vender con máis rendibilidade económica. 

Nos concellos asturianos lindeiros con Galicia hai actualmente a exposición pública nesa fase inicial de tramitación ambiental ante o ministerio tres proxectos distintos de hidroeléctricas reversibles. Dous deles contemplan a construción dos novos depósitos superiores un a cada lado do terceiro encoro actual do río Navia, o de Salime, cuxa auga bombearían e cuxa subestación eléctrica de Pesoz sería empregada para evacuar a enerxía producida. 

O proxecto situado ao oeste do encoro actual, xunto á subestación eléctrica, estaría a uns 6 quilómetros do límite con Negueira de Muñiz, tería unha potencia de 265 MW e está impulsado pola empresa Magtel, que tamén tramita outro proxecto similar de bombeo nas Pontes de 250 MW. O proxecto situado ao leste do encoro, impulsado por Saltos del Navia, de 800 MW, tería o seu depósito superior a uns 10 quilómetros ao oeste da área de distribución actual do oso pardo e a uns 7 quilómetros da súa área potencial.

Emprazamentos dos depósitos superiores dos dous proxectos que se promoven xunto ao encoro de Salime, un ao oeste e o outro ao leste do mesmo, os dous aproveitando a subestación eléctrica de Pesoz © Magtel e Saltos del Navia

Pero se no caso deses dous proxectos a propia existencia actual do encoro de Salime xa é a principal barreira existente para o oso pardo, un terceiro tamén a tramitación situado máis o sueste, o denominado Torga, de 1.580 MW, suporía implantar novas infraestruturas mesmo en zonas consideradas de presenza actual para a especie. Impulsado por Desarrollos del Valdetesinos, contempla a construción dun encoro nun afluente do río Ibias e dun depósito superior ao seu oeste, a tres quilómetros do límite co concello de Navia de Suarna e a uns 17 quilómetros da súa capital municipal.

Neste proxecto Torga tanto o encoro no río como o embalse superior emprázanse os dous dentro da actual área de distribución do oso pardo. Están nunha zona a medio camiño entre a Reserva Integral Natural de Muniellos, considerada un santuario do oso pardo, e o límite con Galicia, nas proximidades da zona dos Ancares galegos na que tamén se vén rexistrando a presenza do animal, mesmo de camiño ao Courel.

Única referencia que fai a documentación a exposición pública do proxecto Torga sobre a presenza do oso pardo na zona © Desarrollos del Valdetesinos

O documento a exposición pública limítase a constatar que o proxecto está emprazado dentro da área de distribución actual do oso

Malia ese emprazamento, o documento agora a exposición pública por parte da empresa limítase a dar unha información limitada sobre o posible efecto do proxecto sobre o oso pardo, que debería ser ampliada en posteriores estudos. “A zona de implantación do proxecto está catalogada como Área de distribución actual desta especie, fóra da Área crítica, limítase a dicir.

Pero o proxecto non só contempla a construción do encoro e o embalse superior dentro da zona de actual distribución do oso pardo senón que a electricidade que produza sería evacuada a través dunha nova liña de alta tensión de 37 quilómetros ata a subestación de Pesoz existente xunto ao actual encoro de Salime. 37 quilómetros de tendido eléctrico que discorrerían paralelos á fronteira entre Asturias e Galicia, nun punto intermedio entre a mesma e as actuais áreas de distribución do oso.

Un oso pardo nos Ancares, en imaxes gravadas por axentes forestais en 2018 © Aprafoga

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.