Un documento excepcional. As imaxes nocturnas nas que se ve un oso pardo atacando un conxunto de colmeas na parroquia de Seceda convértense no testemuño gráfico máis completo e claro sobre esta especie en Galicia, ademais de ser a primeira proba documentada en vídeo da presenza do animal na zona. No país, hai escasos precedentes de vídeos nos que se poidan ver estes exemplares e non se sabe de ningún nos que se vexan atacando colmeas.
"É a primeira vez que en Galicia se grava un oso pardo atacando colmeas"
No vídeo principal, duns 45 segundos, vese con claridade como o oso pardo accede ás colmeas e atácaas na procura de comida. Foi gravado na madrugada do pasado 8 de agosto. Noutras imaxes, xa de día, pódense comprobar os danos que o exemplar provocou na zona. "É a primeira vez que en Galicia se gravan imaxes de vídeo dun oso pardo dentro dunha abellariza e facendo estes danos, pero tamén é das poucas gravacións que hai deste animal", destaca Pedro Alonso, biólogo que colaborou na captura de imaxes a través da técnica do vídeotrampeo.
"A excepcionalidade está tamén en que se confirma a presenza do oso pardo no Courel; ademais, parece que hai máis dun exemplar porque houbo avistamentos de dous exemplares cara ao Cebreiro hai dous meses e comprobáronse máis danos en colmeas na parte noroeste do Courel e na zona sureste, xa en León", explica Alonso, que confirma que é precisamente nesta última área leonesa onde se cre que hai crías.
O incremento demográfico do oso pardo nos últimos anos provoca que se amplíe tamén a súa área xeográfica
Nos últimos cinco-dez anos, como insisten os expertos, está a haber un importante incremento demográfico do oso pardo no noroeste peninsular. "E este incremento demográfico vai acompañado dunha ampliación da área xeográfica que ocupan", explica Pedro Alonso, que cre que estes ataques ás colmeas, así como os avistamentos, semellan "os prolegómenos dunha propagación" do oso pardo cara a diversas zonas das montañas orientais galegas.
O hábitat do Courel é propicio para a propagación do oso, ao contar con alvarizas e refuxios naturais para a hibernación
"O hábitat no Courel -tal e como explica Alonso- é bo para eles porque está inzado de alvarizas, hábitats de alimentación e cantidade de refuxios naturais para a hibernación". Hai castañas e landras que lles permiten tamén pasar o inverno. Non obstante, o biólogo advirte de que, "aínda que hábitat sexa propicio", debería acompañarse dunha serie de "medidas de xestión" que permitan "a convivencia entre o aproveitamento económico que se fai da zona, a través das colmeas, e a presenza do animal". "De non facerse nada, poderíase xerar un conflito social e aparecer o furtivismo; se estamos polo labor, hai que tomar medidas para que se poida convivir", asegura.