O enclave industrial do norte do país asiste a unha sucesión de propostas empresariais en ocasións incompatibles das que tamén pode acabar dependendo a reactivación de Alcoa, necesitada de enerxía barata
En 2019 Endesa anunciou que a central térmica de carbón das Pontes, que se comezara a construír en 1972 e arredor da cal foi medrando todo un polo industrial no interior do norte do país, xa non lle sería rendible e que iniciaba o proceso para pechala. Empresa e administracións prometeron buscar alternativas industriais para a comarca, e a chegada da pandemia fixo paradoxalmente que se abrisen novas oportunidades cos anuncios de fondos europeos de recuperación NextGenerationEU ligados á descarbonización da economía.
Máis de dous anos despois o plan de futuro máis concretado ata o momento para a zona é o da demolición da central, que suporá un investimento de preto de 50 millóns de euros. O resto de proxectos que se veñen anunciando están en distintas fases preliminares de avaliación. Son futuros posibles para As Pontes que repasamos.
Os futuros da propia Endesa
A propia Endesa prevé investir 50 millóns na demolición da central ata 2027, e promete parques eólicos de potencia similar, un centro loxístico para ese sector e unha planta de produción de hidróxeno
Xunto coa tramitación do peche da central de carbón, Endesa e a súa matriz Enel puxeron en marcha o denominado plan Futur-e “para a transición xusta”, con programas de formación e recolocación de empregados. Ademais de prever que os propios traballos de demolición da central se prolongarán ata 2027 e polo tanto seguirán supoñendo emprego e investimento na zona, a empresa anunciou a súa intención de instalar parques eólicos na zona que sumen uns 1.500 MW -cifra similar ao que supón a central térmica que desaparecerá- cuns 1.500 millóns de euros de investimento. Unha electricidade que en parte quere empregar para, cunhas novas instalacións, producir hidróxeno como recurso de almacenamento enerxético.
Ademais, a empresa di querer instalar na zona un centro loxístico e de mantemento de pezas de parques eólicos. E ao tempo puxo en marcha unha consulta internacional en busca de posibles empresas doutros sectores que puidesen estar interesadas en instalarse na zona e aproveitar os espazos ou recursos que queden dispoñibles co peche da central.
Os futuros enerxéticos
Ademais de múltiples parques eólicos de diversas empresas, hai dúas propostas distintas de centrais hidroeléctricas con novos encoros a maior altura que o lago artificial, pero coinciden nos seus emprazamentos con outros proxectos para un eólico e unha plantación de eucaliptos
A instalación de parques eólicos, sexan de Endesa ou doutras empresas, está condicionada tanto á súa avaliación ambiental como á posible autorización alternativa doutros parques propostos por outras iniciativas competidoras. Sexan de Endesa ou doutras empresas, en favor de novos parques no norte do país -a zona na que máis hai xa, o que non impide que Vestas xa non considere rendible seguir alí- veñen pronunciándose tanto a Xunta como o Goberno central ligándoos dalgún xeito ás necesidades de enerxía máis barata que ten a planta de Alcoa en San Cibrao para poder reactivar a súa produción.
Tanto o executivo galego como o central prometeron xa medidas para facilitar a instalación de novos parques eólicos con ese fin, pero as avaliacións ambientais que requiren, as ilegalidades que vén cometendo a Xunta na tramitación deste tipo de iniciativas e a falta de planificación por parte do Estado para os proxectos mariños -como os que Iberdrola quere facer fronte a Ortegal con preto de 1.000 MW sacando a electricidade por Xove, nas proximidades de Alcoa- engaden indefinición á súa concreción futura.
Pero para a zona das Pontes non só se están a propoñer parques eólicos senón que hai iniciativas doutras empresas que tamén queren aproveitar a existencia do lago artificial que deixou a antiga mina con propostas de centrais hidroeléctricas reversibles ou de bombeo, un tipo de instalación que durante as horas de pouca demanda eléctrica eleva a auga a un depósito superior para, nas horas de maior demanda, soltala ata o inferior e que ao seu paso por unhas turbinas esa caída produza enerxía. No caso das Pontes o depósito inferior sería o lago, pero o superior habería que construílo, e para iso hai varias propostas.
O grupo andaluz Magtel vén de iniciar a tramitación ambiental ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica dunha central reversible de 250 Mw que tería o seu depósito superior ao oeste do lago artificial, nunha zona xa transformada na que está o depósito de entullos da antiga mina. Porén, nese sitio é xusto onde Enel Green Power propón situar un dos varios parques eólicos que propón para a zona, o denominado Tesouro, de 60 MW.
Similar idea de hidráulica reversible, pero co depósito superior ao norte do lago, nunha zona non transformada na que tería que crear un encoro, foi lanzada tamén por Reganosa en sociedade coa multinacional de orixe portuguesa EDP Renováveis. O proxecto cuantifica en 570 MW a potencia da hidroeléctrica reversible, á que suma catro parques eólicos na contorna con outros 270 MW, enerxía que empregaría para, como tamén quere facer Endesa, producir hidróxeno como recurso de almacenamento de enerxía.
No norte do país, algo máis afastado, a uns 30 quilómetros en liña recta das Pontes, aínda hai outro proxecto similar máis na mesma tramitación inicial ambiental ante o ministerio, o dunha central hidroeléctrica reversible denominada Xistral de 936 MW impulsada por Desarollos del Malache SLU que construiría dous depósitos entre O Valadouro e Ourol e que captaría a auga do río Ouro.
Pero o proxecto de Reganosa e EDP nas Pontes non só competiría co de Endesa na produción de enerxía para á súa vez producir hidróxeno senón que o espazo no que quere instalar o novo encoro superior coincide á súa vez cunha zona na que xa se está a impulsar unha gran plantación de eucaliptos en terreos propiedade de Endesa que a empresa arrenda a outra empresa, Plafor SA, para a súa explotación forestal.
Os futuros industriais
Agora o Estado vén de apuntar o posible traslado de Ence e a Xunta está a buscar un emprazamento no norte de Lugo para unha fábrica de fibras vexetais para a industria téxtil
Para a zona non só se propoñen novas plantacións de eucalipto senón tamén industrias para a súa transformación, aínda que como en todos os proxectos anteriores aínda en fases moi iniciais de formulación. Se o Estado vén de apuntar ás Pontes como posible lugar de traslado de Ence tras a anulación xudicial da súa concesión na ría de Pontevedra, un dos proxectos que a Xunta quere priorizar como destino de fondos europeos é unha planta de fabricación de fibras vexetais para a industria téxtil impulsada pola portuguesa Altri, competidora de Ence, para a que está a buscar emprazamento nalgún lugar do norte de Lugo.
Unha empresa chinesa fixo público un proxecto para unha fábrica de pneumáticos, e ao confirmalo a Xunta vén de revelar que ten compromisos de confidencialidade con varias empresas supostamente interesadas en instalarse en Galicia
Pero aínda hai máis proxectos industriais que aspiran a beneficiarse dos recursos da zona, sexan o vento e a auga, os eucaliptos ou o solo empresarial baleiro. Ás ideas de Endesa ou Reganosa de producir hidróxeno e da primeira de crear un centro loxístico do sector eólico vén de engadirse nas últimas xornadas o proxecto da chinesa Sentury Tire de instalar unha fábrica de pneumáticos. Sería cun investimento de 500 millóns de euros, segundo comunicou á bolsa chinesa de Shenzen, e contaría co apoio da Xunta, que vén de recoñecer que leva un ano en negociacións coa empresa para facilitarlle un emprazamento nas Pontes.
E todo apunta a que estes non serán os últimos proxectos empresariais que se coñecerán. O propio presidente Feijóo, ao admitir as conversas da Xunta coa firma chinesa, revelou que a Xunta ten compromisos de confidencialidade con varias empresas supostamente interesadas en instalarse en Galicia. Mentres, As Pontes e con ela toda a industria do norte do país pregúntase cal de todos estes futuros posibles vai ser o seu futuro.