Feijóo gábase do silencio do seu goberno “durante un ano” sobre unha empresa chinesa que di que quere instalar unha fábrica de pneumáticos nas Pontes cunha altura na súa construción que “non é menor”
Nas últimas xornadas varios medios veñen facéndose eco da comunicación por parte da empresa chinesa Sentury Tire aos mercados do seu país da súa intención de instalar unha fábrica de pneumáticos nas Pontes cun investimento de 500 millóns de euros. O pasado xoves o presidente Feijóo asegurou que o seu Goberno leva en conversas coa empresa “practicamente un ano” e gabouse de que o “compromiso de confidencialidade” por parte da Xunta fixese que non se soubese nada do proxecto ata agora. Tamén revelou que ese “compromiso de confidencialidade” esténdese a outros proxectos doutras empresas que non revelará ata que esas firmas o consideren “oportuno”.
Mentres tramita os permisos para concretar a súa decisión de pechar e demoler a central térmica das Pontes, Endesa puxo en marcha un proceso de busca de alternativas industriais para a comarca mesmo de mans de empresas alleas que poidan aproveitar as infraestruturas alí xa existentes. Sen concretar se o proxecto agora desvelado pola chinesa Sentury Tire forma parte desa iniciativa de Endesa ou non, o xoves Feijóo si confirmou que o seu Goberno leva “un ano practicamente” en conversas coa firma.
“Trasladáronnos os requirimentos técnicos, a necesidade de altura, que non é menor, desa factoría”, dixo, e sinalou que a Xunta comunicou á empresa “as necesidades ambientais que teñen que cumprir”. Porén, nada fixo público o Goberno galego ata agora desas conversas por respecto ao “compromiso de confidencialidade” coa empresa.
Feijóo di que hai outros proxectos en Galicia dos que "por cuestións de confidencialidade non damos información ata que a empresa o considere oportuno”
“Como verá, durante un ano nós non falamos nunca desa iniciativa”, salientou Feijóo, que engadiu que “unha vez que ese compromiso de confidencialidade xa non está vixente, imos seguir co mesmo rigor traballando nese proxecto e noutros proxectos industriais que neste momento hai en Galicia que por cuestións de confidencialidade non damos información ata que a empresa o considere oportuno”.
Feijóo mesmo engadiu, a respecto da iniciativa chinesa, que confía en que saia adiante pero que “o que non podemos confirmar, porque non é o noso capital, é se é unha decisión definitiva ou non”. Pola contra, cando hai medio ano unha empresa cuxo capital si é propiedade parcialmente da Xunta, Reganosa, fixo pública a súa intención de construír un encoro tamén nas Pontes, Feijóo negouno e asegurou que a empresa respondía aos “seus propios intereses”.