O presidente di que o anuncio da compañía, con varios altos cargos da Xunta no consello de administración, responde aos "seus propios intereses" e que cando presente formalmente o proxecto “miraremos o cumprimento da normativa ambiental”
“Non se trata de facer un encoro, se trata de aproveitar a auga do lago para facer unha balsa e facer un circuíto integrado da auga e producir enerxía hidráulica”. Así describiu este xoves o presidente da Xunta o proxecto que vén de anunciar Reganosa, en alianza con EDP Renováveis, para instalar nas Pontes e sete concellos da contorna catro parques eólicos e “un novo encoro”, como o cualifica a propia empresa, cos que xerar enerxía para producir hidróxeno. Un encoro ao que se bombearía a auga do lago artificial actual en función da demanda e rendibilidade de xerar enerxía hidráulica nun ou noutro momento e que se situaría ao norte, nunha zona na que xa está en tramitación ante a propia Xunta outro proxecto para plantar eucaliptos en terreos que son propiedade de Endesa.
A Xunta ten unha cuarta parte de Reganosa, cuxa creación impulsaron os gobernos de Fraga e Aznar hai dúas décadas outorgándolle varios permisos de xeito ilegal, como certificou o Tribunal Supremo
A Xunta é accionista de Reganosa, da que posúe unha cuarta parte, tras impulsar a súa creación hai dúas décadas o goberno de Manuel Fraga outorgándolle, xunto co central de José María Aznar, diversos permisos de xeito ilegal, como rematou certificando o Tribunal Supremo. Malia esa participación na empresa, de cuxo consello de administración forman parte varios altos cargos da Xunta e que levou ao propio Feijóo a protagonizar un vídeo propagandístico da compañía, este xoves o presidente minimizou o anuncio a efectos da administración.
“Estamos ante proxectos e manifestacións de interese que fan as empresas enerxéticas, que fixeron á Xunta de Galicia desde hai tempo e que están publicitando de acordo cos seus propios intereses comerciais, estratéxicos e empresariais”, dixo. Para impulsar eses diversos proxectos que as empresas están a presentar para obter fondos europeos de recuperación económica a Xunta creou unha empresa público-privada na que participa co 40% do capital e da que tamén forma parte Reganosa, co 12% (xunto co 38% de Abanca e o 10% de Sogama, tamén participada á súa vez co 51% pola Xunta).
Feijóo chegou a participar nun vídeo publicitario de Reganosa, que tamén forma parte da empresa público-privada creada pola Xunta para impulsar proxectos que aspiran a fondos europeos
Sobre o control por parte da Xunta do proxecto en si, Feijóo remitiu ao momento en que se presente formalmente a tramitación -a propia Reganosa admitiu que está condicionado “á poxa de capacidade [enerxética] pendente de celebración” por parte do Goberno de España-. “No caso de que se presente, que non se presentou”, dixo Feijóo, “miraremos o cumprimento da normativa ambiental, o impacto, e no seu caso a autorización ou denegación total ou parcial a este ou calquera outro proxecto”.