Unha plantación de 543 hectáreas de eucaliptos en terreos de Endesa nas Pontes busca “maximizar o rendemento económico”

En vermello os terreos de Endesa nas Pontes nos que se impulsa a plantación de eucaliptos © Xesforest Ingeniería

A documentación ambiental a trámite ante a Xunta admite que “o maior risco é a ocorrencia dun incendio forestal” pero asegura que a actuación será fragmentada con “áreas de conservación” de frondosas autóctonas

A Consellería de Medio Ambiente ten a exposición pública para a avaliación do seu impacto ambiental desde o 12 de maio, antes de que entrase en vigor a moratoria para novas solicitudes, un proxecto para unha “plantación de eucaliptos de 543 hectáreas” en varias parroquias das Pontes de García Rodríguez en terreos propiedade de Endesa arrendados á empresa Plafor SA para a súa explotación forestal. A propia documentación facilitada polo promotor do proxecto sinala que o “obxectivo prioritario” nas zonas con potencial forestal será a produción de Eucalyptus nitens “buscando maximizar o rendemento económico e conseguir unha produción sostible das masas arbóreas”.

Descrición do proxecto de plantación de eucaliptos nas Pontes © Xesforest Ingeniería

Segundo a exposición do proxecto, Plafor xestiona un total de 945,32 hectáreas propiedade de Endesa nas parroquias de Espiñaredo, Goente, Seoane, As Pontes e Vilavella. Os terreos están repartidos en tres zonas, a máis grande ao norte da vila das Pontes e do lago artificial creado na antiga mina cando Endesa decidiu deixar de explotala, e as outras dúas ao oeste, arredor do depósito de entullos. O proxecto establece tres tipos de superficies: con potencial forestal -que é onde irían os eucaliptos-, con carácter protector e de servizos. 

Das 945 hectáreas arrendadas por Endesa a Plafor, o obxectivo é reforestar unhas 210 e forestar outras 333 en terreos principalmente ocupados por matogueira. 

A superficie de servizos correspóndese coas vías de acceso e cortalumes. A superficie de carácter protector coas zonas nas que se buscará “a conservación, protección e potenciar ecosistemas nativos, por medio de masas arbóreas compostas por especies de frondosas autóctonas”, e aínda que tamén se sinala que “pode concedérselle un certo matiz produtivo”, este será “en todo caso moi controlado e de baixa intensidade”. É no primeiro tipo de zonas, a superficie de explotación forestal, no que se sinala que o “obxectivo prioritario” é “a produción forestal por medio de masas da especie Eucalyptus nitens, buscando maximizar o rendemento económico e conseguir unha produción sostible de masas arbóreas". Nesa superficie de explotación forestal prevese reforestar unhas 210 hectáreas e forestar outras 333 en terreos principalmente ocupados por matogueira

Zona da plantación de eucaliptos, co lago artificial da antiga mina das Pontes ao fondo, nunha imaxe do proxecto a exposición pública © Xesforest Ingeniería

O propio documento sometido a avaliación ambiental, que detalla os distintos graos de impacto do proxecto na fauna, flora ou paisaxe, sinala como principal risco “a ocorrencia dun incendio forestal”, pero asegura a continuación que “o risco de propagación dun incendio forestal na repoboación sería, na fase de execución, menor que no estado anterior de matogueira, pois o desbroce da vexetación preexistente e a creación de cortalumes de protección rachan a continuidade horizontal do combustible forestal”.

O documento sinala que se compartimentarán as zonas de repoboación de máis de 50 hectáreas "en caso de que poida darse tal condición"

O proxecto tamén xustifica que “co obxecto de fomentar a biodiversidade na superficie, e en caso de que poida darse tal condición, as zonas nas cales as repoboacións superen as 50 hectáreas compartimentaranse, mediante faixas ou áreas de defensa contra os incendios forestais, acompañadas estas con zonas accesorias de repoboacións con especies arbóreas (especies secundarias) ou outro tipo de vexetación (herbácea e/ou arbustiva)”.

Fragmento do proxecto de plantación de eucaliptos nas Pontes © Xesforest Ingeniería

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.