A publicación este venres no DOG da Lei de recuperación da terra agraria fixa unha moratoria da especie ata o 31 de decembro de 2025 que comeza a contar dentro de 30 días hábiles tras semanas de alertas sobre o seu efecto chamada para plantacións sen control
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a Lei de recuperación da terra agraria, aprobada polo Parlamento o pasado 11 de maio co voto a favor do PP, a abstención do PSdeG e o voto en contra do BNG. A norma establece unha moratoria para as novas plantacións de eucalipto ata o 31 de decembro de 2025, prazo que poderá ser revisado e que comezará a contar a partir do vindeiro 2 de xullo, último día no que estarán permitidas.
A confirmación da data prodúcese despois de semanas de alertas por parte de todo tipo de entidades ecoloxistas e de defensa do patrimonio sobre novas plantacións descontroladas aceleradas ante a inminencia da moratoria, que tería actuado cun efecto chamada. Ao tempo, viveiros de toda Galicia e mesmo de Asturias confirmaron a elevada demanda de novas plantas.
A lei fixa a súa entrada en vigor ao día seguinte da súa publicación, este sábado 22, e sinala que o prazo para a execución das novas plantacións que se realicen co xénero Eucalyptus “finalizará aos 30 días da entrada en vigor desta lei”. A lei de procedemento administrativo común das administracións públicas establece desde 2015 que sempre que non se exprese doutro xeito, cando os prazos se sinalen por días, "enténdese que estes son hábiles", sen contar sábados, domingos e festivos, mentres que para que fosen días naturais deberían declararse así de xeito específico. Isto sitúa no 2 de xullo a última data permitida para esas plantacións.
O efecto chamada foi negado no Parlamento polo conselleiro de Medio Rural, José González, que afirmou que "non aprecia" o incremento no número de plantacións e solicitudes denunciado e que "en todo caso, a tempada de primavera é a época ordinaria para realizar plantacións".
Condicións que fixa a lei
A moratoria aos eucaliptos permite as plantacións onde xa os houbese, as que estivesen en tramitación ou as que 'compensen' con outras especies
A suspensión "transitoria" das novas plantacións de eucalipto ten unha duración máxima de catro anos e medio, ata o 31 de decembro de 2025, pero a data "poderá ser obxecto de revisión" atendendo aos datos do inventario forestal continuo de Galicia e á "revisión das medidas establecidas no Plan forestal de Galicia 2021-2040".
Este veto limítase a aquelas zonas nas que o eucalipto non fose plantado con anterioridade, aínda que son posibles as "repoboacións que, en superficie, sexan equivalentes a outras xa existentes e que teñan unha ocupación dominante de individuos do xénero Eucalyptus, e cuxos titulares decidan transformalas noutras formacións específicas, sexan masas de coníferas ou de frondosas caducifolias".
Esta nova superficie de repoboación "pertencerá ao mesmo titular e non poderá superar aquela que foi obxecto de transformación". É dicir, se un propietario decide substituír nos seus terreos o eucalipto por outras especies, a cambio poderá plantar unha superficie equivalente de eucalipto noutro lugar.
No caso das reforestacións "unicamente estarán permitidas cando a ocupación anterior do terreo obxecto da reforestación constituíse unha masa pura ou mixta dominante deste xénero".
Viveiros de eucalipto confirman o auxe nas plantacións nas semanas previas á aplicación da moratoria
Tal e como explica o texto da lei, entenderase por dominante aquela ocupación que, "dentro da mesma parcela catastral, supoña unha porcentaxe de pés maiores do xénero Eucalyptus superior ao 50 % do total da masa" considéranse pés maiores aqueles que presenten "un diámetro normal igual ou superior a 7,5 centímetros". No caso de que a ocupación do eucalipto sexa superior ao 50 % e inferior ao 80 % do total da masa, "será necesaria autorización previa emitida polo órgano territorial competente en materia de medio rural onde radique o monte ou terreo forestal".
Tamén se permitirán as plantacións cuxa solicitude de aprobación fose aprobada antes da aplicación da lei ou estivera en tramitación, casos nos que se aplica o antedito prazo do 2 de xullo para realizar as plantacións. A introdución dese prazo na norma xa en tramitación a comezos de marzo estaría a provocar nos dous últimos meses un incremento nas plantacións de eucaliptos e na tramitación de solicitudes, polo que o anuncio da moratoria (adiantada polo conselleiro de Medio Rural a finais de febreiro) estaría xerando un "efecto chamada" que leva o eucalipto a zonas onde chegara anteriormente, como denunciaron ADEGA ou o Sindicato Labrego Galego e as forzas da oposición.
Dentro das excepcións inclúese tamén a posibilidade de solicitar autorización para as parcelas con eucaliptos que estean a ser xestionadas consonte a adhesión a modelos silvícolas orientativos para a produción de "madeira para serra, chapa ou bateas en quendas superiores a 25 anos".