- DOCUMENTO | Estratexia España 2050
O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, presentou este 20 de maio a denominada Estrategia España 2050. Tratase dun amplo documento que, ao longo de máis de 600 páxinas, debulla "fundamentos e propostas" para unha "estratexia nacional a longo prazo". Foi elaborado por máis dun cento de persoas expertas en diversos ámbitos, entre elas a catedrática de Análise Económica da USC María García Loureiro, o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Xabier Labandeira e o profesor de Política Económica da Universidade da Coruña José Atilano Pena.
A área da Estratexia dedicada á transición ecolóxica centra un dos seus apartados na "redución do risco de incendios forestais" e na "mellora da xestión adaptativa e sostible dos bosques"
O presentado por Sánchez como un "diagnóstico rigoroso" sobre os "desafíos no medio e longo prazo", os "riscos" e as "oportunidades" de fenómenos como "o cambio climático, o envellecemento demográfico ou a transformación dixital" divídese en nove grandes eixos. Un deles é o relativo á transición ecolóxica, que fixa como "desafío" a conversión "nunha sociedade neutra en carbono, sostible e resiliente ao cambio climático".
Dentro dese apartado, o documento sinala como unha das "frontes" a abordar a "redución de risco de incendios forestais" e a "mellora da xestión adaptativa e sostible dos nosos bosques". E neste punto sinala o Banco de Terras de Galicia, como unha das ferramentas para lograrlo. Faino tomando como referencia a formulación orixinal do Bantegal, a creada en 2007 polo Goberno de coalición PSdeG-BNG con Alfredo Suárez Canal como conselleiro do Medio Rural.
Así, a estratexia enuncia grandes obxectivos como "reducir a cantidade de a conectividade do combustible forestal" ou "fomentar o desenvolvemento da economía silvícola". Neste segundo punto, resalta que cómpre "adaptar a regulación da explotación dos bosques" e "ofrecer saídas comerciais aos produtos forestais e outros produtos complementarios como setas, mel, fibras vexetais ou plantas aromáticas e medicinais".
O documento recomenda "xeneralizar" os bancos de terras para "fomentar o desenvolvemento da economía silvícola" e "ofrecer saídas aos produtos forestais e outros complementarios" e toma como referencia un estudo da USC sobre o Bantegal elaborado en 2010
Para logralo, agrega, "conviría xeneralizar os programas de certificación sostible de bosques" e o "fomento de figuras de intercambio de parcelas ou bancos de terras abandonadas, xa utilizados nalgunhas comunidades autónomas". Acto seguido, o propio documento evidencia que toma como referencia o Banco de Terras creado en Galicia na primeira década do século.
"Un Banco de Terras -explica- é un instrumento para facilitar os contratos de arrendamento de fincas rústicas entre propietarios e explotadores agrícolas" para "mitigar o abandono das terras de cultivo". "Comunidades autónomas como Galicia, Aragón ou Asturias xa contan con este instrumento", evidencia antes de ofrecer, como referencia para obter "máis detalles" ao respecto, un estudo elaborado en 2010 por Diana Santiago Iglesias, profesora da Universidade de Santiago, sobre o funcionamento do Bantegal.
O Banco de Terras é agora asumido polo actual Goberno da Xunta, aínda que o PP na oposición o presentou como parte dunha estratexia de "sovietización encuberta"
O Banco de Terras é agora unha figura asumida polo actual Goberno da Xunta. Tanto é así que o PP vén de sacar adiante no Parlamento a lei de recuperación da terra agraria, que amplía as capacidades do Bantegal para, entre outros aspectos, facerse cargo de terras abandonadas. Esta actitude a respecto do Banco de Terras contrasta coa do propio PP durante a súa etapa na oposición ao Goberno galego de coalición PSdeG-BNG, cando consideraron o Bantegal como expoñente dunha política de corte "comunista" e parte dunha "sovietización encuberta" de Galicia, con "incautacións de terras" de "consecuencias gravísimas".