Menos eucalipto e máis funcións das brigadas contra incendios, entre as reformas do Plan de Recuperación estatal

Unha brigada estatal de loita contra os incendios forestais (BRIF) nunha imaxe de arquivo nunha zona de eucaliptos CC-BY-SA Brif Laza

Os apartados dedicados á conservación da natureza do documento remitido polo Goberno de España á UE din apostar por “garantir o uso público” do mar e a costa pero non din nada de recuperar concesións

O Plan de Recuperación que o Goberno de España vén de presentar á UE para recibir os fondos comunitarios extraordinarios habilitados pola pandemia da COVID ten como fío central a dixitalización e transición verde da economía. Organiza as actuacións nunha trintena de áreas ou “compoñentes” que van desde as reformas tributarias ou a posibilidade de introducir un “pago por uso” nas autovías á mellora da sanidade, con medidas como a promesa de reducir a temporalidade do seu persoal. Entre eses trinta “compoñentes”, e máis alá dos que se centran na descarbonización da enerxía, hai dous dedicados expresamente á conservación dos valores naturais. 

Distribución do investimento nos 30 capítulos do Plan de Recuperación remitido polo Goberno de España á UE para obter os fondos comunitarios © Goberno de España

No apartado dedicado a “conservación e restauración de ecosistemas marinos e terrestres e a súa biodiversidade” [aquí ese capítulo en PDF] o documento aposta por unha mellora das masas forestais para facilitar a súa “adaptación e resiliencia” ao cambio climático. Para iso, di, apostarase polas especies autóctonas “con compromisos de mantemento a longo prazo”. E engade que “cumprir con este obxectivo require evitar a utilización expresa de especies produtoras formando monocultivos (Eucalyptus sspp)”. Noutro punto o documento sinala tamén que a medida que propón de xestión forestal sostible “evitará e excluirá explicitamente o apoio ás plantacións de monocultivos, especialmente de eucalipto, para minimizar o estrés hídrico e os riscos de incendio”. [Viveiros de eucalipto confirman o auxe nas plantacións a un mes da 'moratoria' da Xunta, criticada polo seu "efecto chamada"]

O plan propón para as BRIF, como a que ten base en Laza, “tarefas diferentes á extinción e prevención de incendios forestais, como poden ser a erradicación de especies exóticas invasoras”

Para a loita contra eses incendios, o plan di querer modernizar “renovando e ampliando as súas bases” as brigadas estatais de reforzo na loita contra os lumes forestais, as coñecidas como BRIF, dez en todo o Estado das que unha ten base en Laza (as outras dúas máis próximas a Galicia son a asturiana de Tineo e a leonesa de Tabuyo). Ademais de renovar a flota de avións estatais de loita contra os incendios e de axudar ás comunidades autónomas a renovar o seu parque de vehículos terrestres, o plan di querer “ampliar o ámbito de actuación” das BRIF “a un dispositivo integral de protección do patrimonio natural” con “tarefas diferentes á extinción e prevención de incendios forestais, como poden ser a erradicación de especies exóticas invasoras”. 

Edificacións no litoral galego CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

Canto ao capítulo dedicado á “preservación do espazo litoral e os recursos hídricos” [aquí en PDF], o plan fala de xeito xenérico de “garantir o uso público do mar, da súa ribeira e do resto do dominio público marítimo-terrestre, sen máis excepcións que as derivadas de razóns de interese público debidamente xustificadas”. En plena polémica pola reforma da Lei de Costas a través da Lei de Cambio Climático, na que o Senado vén de establecer que non revogará concesións costeiras xa en vigor, o plan agora enviado a Bruxelas nada di de xeito expreso de recuperar concesións máis alá desa referencia a que o uso non público do litoral debe ser unha excepción xustificada por interese público. 

O documento tamén prevé actuacións de control dos recursos hídricos terrestres e de mellora dos encoros, pero tampouco nada di de recuperar concesións nese eido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.