O Goberno de España di á UE que vai obrigar ás autonomías a reducir a temporalidade do persoal sanitario

Protesta de enfermeiras de Eventuais en Loita nun hospital galego © Eventuais en Loita

O plan de reformas enviado a Bruxelas prevé reformar o estatuto marco da sanidade “antes de finalizar 2023” e facer máis atractivas as prazas en zonas rurais

A crise da COVID-19 ten unha orixe sanitaria e na sanidade tamén propón reformas o Goberno de España no Plan de Recuperación que enviou a Bruxelas para obter os fondos comunitarios habilitados pola pandemia. Xunto coa dixitalización e transición verde da economía, reformas tributarias ou medidas máis ou menos polémicas como o posible “pago por uso” das autovías, o plan contempla no eido sanitario investimentos de máis de mil millóns de euros, principalmente en alta tecnoloxía.

Tamén reformas legais fundamentalmente no eido dos recursos humanos. Entre elas, o Executivo de Sánchez sinala que quere obrigar ás autonomías, as competentes no sistema descentralizado, a reducir a temporalidade do persoal, problema contra o que en Galicia se vén mobilizando especialmente a enfermaría.

Fragmento do Plan de Recuperación do Goberno de España enviado a Bruxelas CC-BY-SA Praza Pública

O documento enviado a Bruxelas [aquí o PDF do capítulo dedicado á sanidade] sinala que “a pandemia de COVID-19 puxo de manifesto que os profesionais da sanidade constitúen o activo máis valioso co que conta o Sistema Nacional de Saúde” e considera preciso “reforzar as dotacións de médicos e enfermaría, reducir a súa temporalidade, mellorar as súas condicións laborais e potenciar a súa formación e desenvolvemento profesional”. 

Para iso o plan sinala o obxectivo de reformar a lei estatal de 2003 que fixa o estatuto marco do persoal sanitario “para transformar os contratos temporais en contratos fixos aos profesionais que leven máis dun período de tempo ocupando de maneira temporal postos de traballo de carácter estrutural (pendente de determinar o período concreto de tempo)”. “Posteriormente, establecerase a obriga de que as Comunidades Autónomas convoquen concursos anuais ou bianuais para a provisión de prazas de carácter fixo no ámbito sanitario”, engade a continuación o texto. 

O plan quere mellorar a cobertura sanitaria no rural con incentivos económicos, asignación de méritos extra ou facilidades para acceder a proxectos de investigación

Nesas dúas fases de redución da temporalidade, di o plan, “simplificarase o sistema de selección, pasando dun sistema que inclúe un exame e valoración do curriculum vitae a outro no que unicamente se valore o curriculum vitae de especialistas en Ciencias da Saúde, posto que xa son avaliados en fases previas, por exemplo, para obter o título de especialista”. Segundo o plan, “a supresión do exame permitirá axilizar notablemente os procesos de estabilización no emprego e reducir con maior celeridade as taxas de temporalidade”.

O documento tamén aposta por “asegurar unha cobertura suficiente de prazas en zonas rurais e outras zonas con carencias de persoal”, un problema do que sinala que “afecta especialmente á atención primaria”. Para iso, di, a reforma do estatuto marco “incluirá medidas de incentivo de carácter económico, de asignación de méritos extra ou de facilitación de acceso a proxectos de investigación para favorecer a mobilidade cara a estas zonas”. 

Centro de Saúde de Folgoso do Courel © PSdeG-PSOE

O Goberno prevé ter a comezos de 2022 un real decreto para mellorar a formación especializada pero a reforma legal para reducir a temporalidade non estaría aprobada ata 2023

Ademais, engade o documento, o Ministerio de Sanidade “continuará aumentando o número de prazas acreditadas e ofertadas de formación sanitaria especializada, sobre todo na especialidade de medicina familiar e comunitaria”. Nese eido, o plan tamén prevé a aprobación dun real decreto para mellorar a formación sanitaria especializada. Porén, se ese real decreto para a formación se prevé para comezos de 2022, os prazos do Goberno para a reforma legal do estatuto marco do persoal sanitario apuntan a un longo proceso de debate cos colectivos profesionais e as comunidades autónomas de xeito que “se prevé a súa aprobación no Parlamento antes de finalizar 2023”.

O propio plan, no apartado que Bruxelas estableceu para que os estados lle comuniquen os “principais impedimentos” que prevén para as reformas que propoñan, sinala que “poden xurdir discrepancias no alcance e efectos dalgunhas reformas por parte das rexións ou de organizacións profesionais e axentes sociais”.

O plan tamén recolle un aumento da carteira común estatal de servizos bucodenais, de medicina xenómica, prestacións ortoprotésicas e atención temperá a menores

Por outra banda, no eido dos investimentos o plan sinala que todo os que se canalicen “a través de transferencias ás Comunidades Autónomas, incluirán as correspondentes cláusulas de condicionalidade do gasto para asegurar o cumprimento das finalidades previstas”. Uns investimentos que irán dirixidos principalmente á adquisición de equipamento de alta tecnoloxía, cunha previsión de 792 millóns de euros ata 2023. 

No eido da mellora dos servizos sanitarios, o plan tamén recolle un aumento da carteira común estatal con melloras na atención bucodental, medicina xenómica, prestacións ortoprotésicas e atención temperá de menores de seis anos. Porén, o propio documento sinala que é preciso un acordo previo do Consello Interterritorial no que participan as comunidades autónomas. 

Unha traballadora dun hospital do Sergas, traballando cun equipamento técnico © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.