Sen cartos por diante non hai material ortopédico

O secretario xeral do Sergas (centro), antes de presentar a orde © Xunta

"Dentro de pouco veremos polas cidades galegas xente con muletas ou pernas de pau, é unha situación escalofriante que xera unha tremenda desigualdade". "Galicia establece para a ortoprótese o sistema de financiamento que se aplica no resto de España". Estas dúas afirmacións describen, dende cadansúa óptica, a mesma realidade. A primeira pronunciouna, en declaracións a Praza Pública, o voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, tras coñecer o contido da orde da Xunta que de agora en diante vai rexer as prestacións ortoprotésicas. A segunda encabeza o comunicado co que o Goberno difunde o contido desa mesma orde.

Ópticas aparte, o feito é que a Xunta vén de facer efectivo un xiro de cento oitenta graos neste tipo de prestacións sanitarias, que afectan a artigos tan necesarios para os pacientes como dispares na súa tipoloxía e prezo. A partir do vindeiro día 15 as persoas ás que o médico lles prescriba, por exemplo, a utilización dunha cadeira de rodas, un bastón, unha muleta, unha media de compresión ou un coxín antiescaras, entre outros moitos artigos, terán que desembolsar integramente o prezo do artigo, con independencia da súa renda ou situación socioeconómica. Máis adiante, arredor de cinco meses despois, a Xunta devolveríalle os cartos ao paciente.

Nunha cadeira de rodas o prezo oscila entre pouco máis de 200 euros e máis de 3.000

Isto quere dicir que, sen importar que o paciente dispón ou non dos cartos, se quere acceder ao artigo que o médico lle recomenda e que, nos máis dos casos, é imprescindible para desenvolver un ritmo de vida ordinario, terá que facer fronte a un anticipo que apenas supera os 200 euros, no caso das cadeiras de rodas máis convencionais, pero que supera os 3.000 nas cadeiras automáticas con maiores funcionalidades, as que, segundo o propio Sergas, se lles prescriben a "pacientes con limitacións funcionais graves do aparello locomotor por enfermidade, malformación ou accidente". Sesenta e seis euros para un andador, 1.600 para unha máscara de silicona, 354 para unhas medias ortopédicas ou máis de 600 dun corpiño para lesións cervicais son outros dos prezos, aos que cómpre engadirlle o IVE, que reflicte a orde publicada polo Goberno.

 SOS Sanidade: "Veremos xente con muletas ou pernas de pau, é escalofriante"

Neste contexto o departamento que dirixe Rocío Mosquera só deixa aberta unha vía para que os doentes non teñan que adiantar os cartos: que "a solicitude de reintegro, se así se acorda, sexa realizada absolutamente polo establecemento ortoprotésico e que sexa este quen perciba o importe directamente por parte da administración". Traducido, isto quere dicir que se as empresas que venden estes produtos poden ou queren facelo, lles poderán facilitar aos pacientes os artigos que precisen para, posteriormente, seren elas as que agarden pola devolución de cartos da Xunta. E, se o establecemento se nega ou a súa economía non lle permite facelo? O secretario xeral do Sergas, Antonio Fernández-Campa, asegura non ter "noticias" de que isto aconteza noutras comunidades. Senón, resolve, aos pacientes sempre lles queda a opción de "elixir outro establecemento".

Este sistema funcionará así á espera de que o Ministerio de Sanidade remate de concretar, mediante orde, o plan de recortes que puxo en marcha o pasado decembro. A partir dese momento o Sergas xa non reembolsará todos os cartos da prestación ortoprotésica, senón que os doentes se terán que enfrontar a un copagamento semellante ao da prestación farmacéutica, cuns topes de achega que aínda están por definir.

 

O secretario xeral do Sergas (centro), antes de presentar a orde © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.