A Comisión Europea investiga os posibles "abusos" na contratación temporal de enfermeiras na sanidade

Unha enfermeira, cun cartel reivindicativo contra a precariedade e temporalidade no Sergas © Facebook

A Comisión Europea investiga se as administracións públicas, entre elas a Xuntan violan a normativa comunitaria pola utilización constante da contratación temporal na sanidade pública. Así o confirmou en resposta á Comisión de Peticións da Eurocámara, que advirte da pescuda na posible existencia de "abusos" en canto á temporalidade e a precariedade logo da denuncia presentada hai un ano en Bruxelas polo colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita da man da portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda

A Comisión Europea investiga se a Xunta viola a normativa comunitaria logo de que a Eurocámara recoñecese prácticas abusivas na contratación do Sergas

“Que a Comisión de Peticións recoñeza a existencia de abusos na contratación pública que realiza o Sergas supón un tirón de orellas ao modelo de xestión de Feijóo, ao incumprir a normativa comunitaria”, destaca Miranda. Foi a eurodeputada quen organizou en decembro de 2019 unha xornada de traballo na que as enfermeiras eventuais entregaron á vicepresidenta da Comisión de Peticións, Tatjana Zdanoka, abundante documentación sobre a precariedade laboral existente na profesión de enfermería, "consecuencia das prácticas abusivas e a contratación en fraude de lei que leva realizando o Goberno galego durante anos, con casos escandalosos de sucesivos contratos de duración determinada para cubrir servizos permanentes". 

Na resposta á denuncia, a Comisión de Peticións non atopa "ningunha diferenza de trato entre os traballadores con contrato temporal e os fixos" a respecto do desfrute de determinados dereitos, pero si asegura estar "investigando se existen medidas suficientes para evitar os abusos derivados do recursos sucesivo a contratos ou relacións laborais temporais"

Enfermeiras Eventuais en Loita entrega a denuncia á eurodeputada Tatjaza Zdanoka CC-BY-NC-SA BNG

Ana Miranda (BNG) destaca que a Comisión de Peticións e a de Emprego da Eurocámara advirten da vulneración da normativa comunitaria por parte da Xunta

Segundo destaca Miranda, a probable existencia desta "práctica abusiva na contratación" é tamén sinalada pola Comisión de Emprego, que tamén foi consultada sobre a denuncia de Eventuais en Loita e que advirte de que "o uso da contratación temporal para cubrir necesidades permanentes supón un abuso e vulnera a normativa comunitaria”.

Así o asegurou na súa "contundente resposta" por parte da presidenta da Comisión de Emprego, Ďuriš Nicholsonová, á presidenta da Comisión de Peticións, Dolors Montserrat, sobre a denuncia do BNG e as Eventuais en Loita, que se fixo pública este xoves. 

O documento sinala que esta abusiva utilización dos contratos temporais incumpre a cláusula 5 do Acordo Marco sobre o Traballo de Duración Determinada do anexo da Directiva 1999/70, así como a Resolución do Parlamento Europeo sobre a precariedade laboral aprobada en de maio de 2018. Incumprimentos do Estado e do Sergas que agora invesitaga a Comisión Europea. 

E sinala, precisamente, que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea xa sentenciou en marzo de 2020 que esa cláusula 5 “oponse a unha normativa e a unha xurisprudencia nacionais en virtude das cales a renovación sucesiva de relacións de servizo de duración determinada se considera xustificada por razóns obxectivas”, polo que asume que non hai "medidas suficientes" na lexislación española para evitar os "abusos" que se derivan desta temporalidade continua. 

Ana Miranda amosa a resposta da Comisión Europea á denuncia de Eventuais en Loita CC-BY-NC-SA BNG

Segundo destaca Miranda, a presidenta da Comisión de Emprego tamén asegura que a enfermaría "está sufrindo, enriba de condicións laborais abusivas, altos niveis de risco para a súa propia saúde e un cansazo excesivo neste contexto de loita contra a pandemia", polo que considera urxente o tratamento da súa situación.

"Galiza precisa 8.000 profesionais de enfermería máis, especialmente tendo en conta o envellecemento da poboación e a redución de servizos públicos sanitarios en determinadas zonas, e a emigración de profesionais causada pola propia precariedade laboral”, sinalou Ana Miranda. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.