- DOCUMENTO | Plan de choque de mobilidade sostible, segura e conectada en contornas urbanas e metropolitanas
O Goberno de España vén de remitir á Comisión Europea, como o resto dos Estados membros da UE, os contidos completos do denominado Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Economía, un amplo compendio de documentos no que o Executivo que preside Pedro Sánchez concreta as reformas e medidas que prevé aplicar en diversos ámbitos, todos asociados á chegada dos fondos europeos de recuperación. Unha das primeiras medidas que transcendeu e que máis balbordo político e mediático a causar en plena resaca das eleccións rexionais madrileñas é a implantación de portaxes polo uso de vías de comunicación como as autovías, que ata agora non implican pago por parte da persoa usuaria no momento de circular por elas.
O documento exemplifica que a implantación do "pagamento por uso" comezaría eventualmente "unicamente" en vías "de alta capacidade" como as autovías e "a implantación efectiva poderíase realizar no ano 2024"
Na documentación remitida ás autoridades comunitarias, o Goberno de España bosquexa a medida de maneira xeral, no marco da descrición da futura Lei de Mobilidade e Financiamento do Transporte, parte do "plan de choque de mobilidade sostible, segura e conectada en contornas urbanas e metropolitanas". A lei, sinala, "prevé o posible desenvolvemento dun modelo predicible de financiamento para a conservación e mantemento" das infraestruturas.
"En concreto -especifica- prevese establecer un sistema de pagamento por uso na rede de estradas do Estado" que "pode ser ampliable ao resto de vías". "Esta reforma -continúa o texto- introduce en España os principios de 'o que contamina, paga' e 'o que usa, paga'". A continuación, o documento traza algúns horizontes temporais e de aplicación da eventual medida, escasamente concretos.
"A implantación efectiva deste mecanismo de pagamento por uso poderíase realizar no ano 2024", sinala, antes de especificar que "de acordo coa experiencia internacional", cómpren "de 2 a 3 anos" como "mínimo" para "desenvolver os instrumentos normativos e crear a estrutura precisa" para implantalo.
O documento, de escasa concreción, apunta como "principais impedimentos" o rexeitamento no sector do transporte e apunta á "necesidade de chegar a un acordo" co sector. Menciona tamén, sen concretar a extensión do pagamento, posibles "reducións ou bonificacións"
No apartado no que o Goberno debe definir os "principais impedimentos" para cada reforma e "estratexias de solución para os mesmos", a respecto desta medida indica que "o principal risco de rexeitamento é por parte dos transportistas por estrada" e apela á "experiencia doutros países, principalmente Francia", que "advirten da necesidade de chegar a un acordo con este colectivo profesional". A "estratexia", agregan, pasaría por que "sexa o cargador o que faga fronte a este pago por uso". Este treito do proxecto, o máis concreto, bosquexa un sistema semellante á euroviñeta xa vixente noutros Estados europeos, que grava os transportes de mercadorías por autovías.
"Tamén -admite- é esperable certo rexeitamento inicial da poboación en xeral", polo que "a determinación dunhas tarifas asumibles pola poboación a nivel global", que ao mesmo tempo "garantan un financiamento" sería "fundamental". "Así mesmo, mediante campañas de concienciación atenuarase este efecto" e "para unha mellor aceptación", a pretensión gobernamental sería "que a implantación do pagamento por uso poida ser escalable e progresiva".
O plan non menciona que papel xogarían as actuais modalidades de 'peaxes na sombra', baseadas nun pagamento por uso polas que, por exemplo, a Xunta ten comprometidos máis de 2.000 millóns de euros
Isto exemplifícao indicando que, "por exemplo", podería "tarificarse unicamente a rede de alta capacidade", caso por exemplo de autovías, cunha "extensión a outras redes de forma progresiva". Nada máis concreta ao respecto. "Ademais -agrega- pódense formular reducións ou bonificacións a certos colectivos menos favorecidos economicamente ou usuarios habituais en certos treitos".
O plan non apunta indicacións ningunhas a respecto da extensión territorial da medida. Tampouco se eses pagamentos serían directos por parte das persoas usuarias en todo caso ou que papel xogarían, por exemplo, as actuais modalidades de peaxes na sombra. Eses modelos aplícaos tanto o Goberno de España como a Xunta e que implican un pagamento fixo ás empresas concesionarias en función do tráfico soportado, aínda que non son os condutores quen o abonan no momento do uso. A Xunta, por exemplo, ten comprometidos uns 2.000 millóns de euros por este concepto, a pagar ata 2073.