O Goberno de España acusa a Xunta de deixar sen executar 932 millóns do Plan de Recuperación tras a COVID

O delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, na rolda de presan de balance do Plan de Recuperación que ofreceu este luns 28 de abril de 2025 © Goberno de España

O delegado do Goberno asegura que Galicia non pediu formalmente máis competencias tras a transferencia do litoral malia as declaracións públicas de Rueda reclamando meteoroloxía, permisos de traballo ou ingreso mínimo vital

O 27 de abril de 2021 o Consello de Ministros aprobaba o Plan de Recuperación e Resiliencia tras a crise da COVID-19. Catro anos despois este luns o delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, aproveitou unha rolda de prensa de balance do plan para pasar da defensa ao ataque contra a Xunta, da que lamentou que ten 932 millóns de euros sen adxudicar e asegurou que aínda non pediu ningunha nova competencia ao Executivo central malia as sucesivas declaracións públicas de Alfonso Rueda.

No balance que Blanco fixo do plan de recuperación cifrou en 4.044 millóns de euros os destinados nestes catro anos a Galicia. Deles, dixo, 2.298 millóns foron xestionados directamente polo Goberno de España e 1.746 foron transferidos á Xunta. Máis da metade destes últimos, 932 millóns, segundo Blanco, están aínda sen adxudicar.

Rueda e o ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, na reunión que o 9 de abril acordou o traspaso á Xunta de funcións sobre o litoral CC-BY-SA Xunta de Galicia

O delegado do Goberno salientou na súa intervención que o plan de recuperación foi unha decisión e xestión persoal de Pedro Sánchez, un "éxito da iniciativa do presidente do Goberno", do que dixo que "cumpre cos galegos e galegas". Infraestruturas de transporte, axudas a empresas, vivendas ou escolas infantís foron algunhas das actuacións que Blanco salientou como executadas cos fondos estatais destinados a Galicia, uns millóns que situou á marxe dos Presupostos Xerais do Estado ordinarios. 

O delegado cifra en 4.044 millóns os fondos de recuperación destinados a Galicia en catro anos e dille a Rueda: "execute, execute e execute"

E fronte a eses eloxios situou a xestión da Xunta, da que dixo que, dos 1.746 que destinou o Goberno de España a transferencias, "só lanzou convocatorias por 1.038 millóns e só resolveu 814 millóns". Isto é, "só adxudicou o 46,6% dos fondos que recibiu do Goberno", deixando así 932 millóns sen executar. "Teño unha mensaxe para o presidente da Xunta", dixo Blanco: "Execute, execute e execute".

O delegado do Goberno de España, Pedro Blanco, nunha imaxe de arquivo co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín © Delegación do Goberno de España en Galicia

Na súa comparecencia Blanco tamén se referiu a posibles novas transferencias de competencias a Galicia tras a xestión do litoral agora acordada. Segundo dixo, o Goberno de España está "aberto a aquelas peticións que se formulen", pero asegurou que "nestes momentos non hai ningunha petición máis formulada". Unha afirmación que se produce despois de que Alfonso Rueda veña defendendo en intervencións públicas e o PPdeG nas súas propostas de resolución no recente debate de política xeral que a Xunta quere a transferencia de competencias sobre servizos meteorolóxicos, permisos de traballo para estranxeiros ou ingreso mínimo vital (IMV). Porén, segundo Blanco estas peticións "de momento" foron só lanzadas "publicamente" e aínda non formalizadas ante o Estado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.