Todas as partes evidencian o feito e só varía a súa presentación política. A Xunta, como puido confirmar Praza.gal a pasada semana, vai devolver 22,3 dos 34,9 millóns de euros de fondos europeos de recuperación que o Goberno de España lle adxudicara para crear ata 3.417 novas prazas públicas de educación infantil de 0 a 3 anos co 31 de decembro de 2025 como prazo máximo.
A cuestión saíu á palestra mediante unha denuncia pública do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Este xornal puido acreditala a través de fontes coñecedoras dos contactos entre a Consellería de Política Social, responsable das escolas infantís en Galicia, e o Ministerio de Educación, que xestionou a asignación de fondos e posteriormente confirmou tamén a Praza.gal que existira notificación formal da Xunta ao respecto.
A devolución pon o foco na decisión política da gratuidade das matrículas nas escolas infantís, implantada polo Goberno galego no curso 22-23. Pero tamén na determinación de estendela, sobre todo, a través de centros privados e non mediante unha ampliación substancial da rede pública galega, que só chegou de maneira parcial a través, fundamentalmente, de transferencias destes fondos a concellos (os 12,54 millóns que si foron empregados).
Fronte ás 3.417 previstas, os fondos europeos si utilizados pola Xunta darán lugar a arredor dun milleiro de novas prazas públicas en escolas infantís, a maioría a través dos concellos
Así, por exemplo, os Orzamentos Xerais de 2025 prevén empregar 4,4 millóns destes fondos: 4,2 directamente para concellos, uns 163.000 euros para o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar -no que tamén participan os gobernos locais- e apenas 81.000 euros para a Axencia Galega de Servizos Sociais. En total, as novas prazas públicas logradas por esta vía serán unhas 1.139 fronte ás 3.417 previstas.
A rede pública galega está conformada polos 28 centros dependentes da Axencia e mais polos do Consorcio, as case 150 escolas da Galiña Azul, antigas Galescolas. A xestión de ambos entes depende da Consellería de Política Social. Malia afirmaren a aposta política de seguiren os ditados legais encamiñados a asumir a etapa 0-3 en clave educativa e non só asistencial ou de conciliación, hai anos que a Xunta renunciou ao seu propio plan de transferir todas as escolas infantís á Consellería de Educación.
Unha nova rede de escolas concertadas
Con este pano de fondo, a extensión da gratuidade supuxo crear, de facto e instantaneamente, unha nova rede de escolas infantís concertadas, a conformada por todas as privadas con acceso ás subvencións do Goberno galego para o 100% de matrícula. Ao contrario que no ensino obrigatorio, esta concertación de prazas non implicou que as escolas privadas subvencionadas tivesen que equiparar os seus requisitos de acceso ás públicas -con criterios como a renda das familias-. Tras múltiplas demandas de familias e das propias escolas, isto deixará de suceder no curso 25-26, cando os baremos de acceso serán os mesmos.
O Goberno galego sustenta a devolución dos fondos europeos en que Galicia xa "supera a barreira do 60%" de escolarización na infancia de 0 a 3 anos, mais tamén en que non lle permitiron dedicalos a financiar prazas "tanto públicas como privadas" xa existentes no seu modelo de gratuidade
Esta equiparación asentará de vez a extensión da gratuidade da matrícula nas escolas infantís por vía privada sen que a concertación de prazas implique, non obstante, universalidade na oferta. É dicir, a Xunta non garante que todas as crianzas de 0 a 3 anos vaian poder contar cunha praza de escola infantil se as familias así o desexan. Así e todo, Política Social pon o foco en que Galicia xa "supera a barreira do 60%" de escolarización nesta etapa, "cumprindo sobradamente o obxectivo" do 50% fixado pola UE para 2030 e que aínda non acada a media do Estado.
A alta taxa é tamén o argumento empregado pola Xunta para argumentar a devolución dos fondos europeos. "Foron deseñados para aumentar a taxa neta de escolarización" e "había comunidades autónomas que precisaban máis estes fondos" por teren taxas "moi inferiores á galega", sostivo o departamento que dirixe Fabiola García en resposta a este diario, alén de lamentar que o Goberno de España "non permitirse utilizalos para financiar o programa de gratuidade que ten Galicia".
O razoamento reiterouno tamén o pasado luns o presidente da Xunta. "Pediamos que non viñesen condicionados pensando en comunidades que teñen unha taxa de escolarización de poboación infantil moi inferior á que ten Galicia", xa que perseguen "elevar esa taxa" e "en Galicia non é necesario". Aquí, sostén Alfonso Rueda, serían "proveitosos" para financiar a matrícula "nas garderías tanto públicas como privadas" e por iso "cedémolos para outras comunidades que non teñan esa gratuidade e poidan aproveitalos, se é que son capaces".
Críticas da oposición
As razóns esgrimidas por Política Social e polo propio Rueda non convencen os grupos da oposición, que ven na devolución a constatación de que a Xunta prefire ampliar as prazas de educación infantil pola vía privada aínda que implique renunciar a 22 millóns. Así o sostiña Besteiro a pasada semana ao sinalar a renuncia e nesa interpretación coincidiu tamén a deputada do BNG Olalla Rodil. Devolver os fondos "alegando que non poden dedicar os cartos a pagar as matrículas en centros privados" é "unha mostra máis de como o Goberno do Partido Popular elixe o modelo privatizador en detrimento do público para favorecer o negocio privado", sostén a parlamentaria do Bloque.
O PSdeG volve rexeitar a devolución ante unha escola pública na que "decenas de familias" quedaron sen praza para este curso: "Non queren cartos para prazas públicas porque só lles interesa o sector privado"
A xustificación do presidente causou contrariedade no PSdeG no que atinxe a que en Galicia "non é necesario" crear as novas prazas públicas ás que estaban condicionados os fondos devoltos. Os socialistas quixeron amosalo ante unha das escolas infantís da Xunta onde "decenas de familias" quedaron sen praza para este curso, a coruñesa As Mariñas, á que "a principios de setembro veu a conselleira" García "a vender as bondades do seu modelo" pero fíxoo "antes de que comezasen as clases, non fose que atopase os pais e nais de nenos e nenas que quedaron sen praza".
Ante este centro, a deputada do PSdeG Silvia Longueira "traduciu" o que ao seu xuízo implica que as condicións dos fondos europeos "non se adapten" ao modelo da Xunta. "Rueda non quere cartos para crear prazas públicas porque só lle interesa o sector privado" e "cando o PP di que garante a gratuidade universal, o que di é engordar o sector privado e restarlle peso ao público", toda vez que "das arredor de 32.000 prazas en escolas infantís que existen en Galicia", unhas 13.000 son privadas, o cal xa "supera ás 12.000 que ofrece a Xunta". As restantes 7.000, especifica, son dos concellos, aos que o Goberno galego achega "pouco máis de 90 euros por alumno ao mes" mentres ás privadas achegas "unha media de case 310".