As traballadoras das escolas infantís van de novo á folga por melloras no convenio dun dos sectores máis precarizados

Manifestación do persoal das escolas infantís, esta fin de semana en Compostela © CIG

As catro xornadas de folga que tiveron lugar entre outubro e novembro continúan este martes cun novo paro, convocado por CIG-Ensino, CCOO Ensino, UGT e SNEP

As traballadoras das escolas infantís de 0 a 3 anos levan meses mobilizadas en defensa dunha mellora no seu convenio colectivo. Trátase de dúas mil mestras (a inmensa maioría son mulleres), tanto de escolas privadas como de xestión indirecta que traballan nun dos sectores máis precarizados, con soldos que en moitos casos non superan o Salario Mínimo Interprofesional. As catro xornadas de folga que tiveron lugar entre outubro e novembro continúan este martes cun novo paro, convocado por CIG-Ensino, CCOO Ensino, UGT e SNEP.

As catro centrais denuncian o "inmobilismo das patronais" na negociación do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil. Neste senso CCOO sinala que as empresas deixaron claro que non teñen "vontade de chegar a ningún acordo que lles permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos", acordes á responsabilidade do labor educativo.

Manifestación do persoal das escolas infantís, esta fin de semana en Compostela © CIG

En Galicia hai máis de 200 escolas reguladas por este convenio colectivo, de ámbito estatal, cuxas táboas salariais, conxeladas dende 2021, xa se atopan por debaixo do salario mínimo na maioría das categorías

En Galicia hai máis de 200 escolas reguladas por este convenio colectivo, de ámbito estatal, cuxas táboas salariais, conxeladas dende 2021, xa se atopan por debaixo do salario mínimo na maioría das categorías. "As patronais néganse a asumir melloras laborais (propoñendo incluso retrocesos nalgunhas materias), e incrementos que permitan recuperar o poder adquisitivo e garantir uns soldos dignos e xustos para o persoal", sinala a CIG, que alerta de que "desde o inicio das negociacións en 2022, as propostas salariais e as condicións laborais en cada nova reunión foron diminuíndo".

Os sindicatos critican que as empresas non teñen "vontade de chegar a ningún acordo que lles permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos", acordes á responsabilidade do labor educativo

Este sábado as traballadoras levaron a cabo unha nova manifestación, desta volta en Santiago de Compostela, na que participaron centos de persoas. Na marcha, que transcorreu desde a Alameda ata a praza de Praterías, con parada fronte á sede da Confederación de Empresarios, na Rúa do Vilar, tiveron un protagonismo relevante os cartaces e as faixas nas que se podían ler reivindicacións como: “Convenio xusto, salarios dignos”; “Non coidamos, educamos”; “Se sobe o IPC, os salarios tamén” ou “A miña vocación non paga facturas”.

Ao remate da marcha, as delegadas sindicais de todos os sindicatos con representación no sector leron un manifesto no que instaron ás patronais a acceder ás súas demandas xa que, do contrario, continuarán coas mobilizacións.

Manifestación do persoal das escolas infantís, esta fin de semana en Compostela © CIG

As negociación iniciáronse hai máis dun ano e desenvolvéronse ao longo de dez xuntanzas nas que -denuncian CIG, CCOO e SNEP- "as patronais non mostraron vontade de chegar a ningún acordo que permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas". 

As centrais convocantes da folga esixen un "urxente" cambio de rumbo "que garanta o futuro do sector e valore e recoñeza o labor socioeducativo que realizan as traballadoras"

Na última mesa de negociación, que tivo lugar o 24 de novembro, rexeitáronse as propostas salariais que, ademais, non permiten recuperar o poder adquisitivo perdido (máis do 10% do IPC acumulado, o que supón máis de 100 euros ao mes). Ademais a CIG-Ensino levou a esta mesa, ao igual que ás anteriores, demandas históricas das traballadoras e que tamén estiveron moi presentes nas mobilizacións: o establecemento diferenciado da xornada (lectiva e non lectiva como mínimo), melloras nas licenzas e permisos (dado que non teñen apenas ningún dereito de conciliación), e a aplicación de novos dereitos sociais como as excedencias.

As centrais convocantes da folga esixen un "urxente" cambio de rumbo "que garanta o futuro do sector e valore e recoñeza o labor socioeducativo que realizan as traballadoras". E fan un chamamento á "responsabilidade das patronais para que reconsideren a súa postura e negocien de forma xusta e construtiva coas traballadoras do sector".

Manifestación do persoal das escolas infantís, esta fin de semana en Compostela © CIG

Este martes, ademais da folga, están convocadas manifestacións en Vigo (ás 11.30, dende o MARCO ata a Porta do Sol) e na Coruña (ás 11.30, dende a Praza de Pontevedra e ata o Obelisco)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.