"Este verán decidimos darlle descanso aos nosos fillos porque levan un tute moi grande cada vez que non teñen colexio, madrugando igual para ir a campamentos por conciliación", conta María
Un neno de seis anos pregunta se xa chegaron esas vacacións longas que sabe que existen, pero que aínda non experimentou. É Semana Santa, e no descanso do Nadal foi a un campamento, polo que a rutina do cole non desapareceu de todo para el. Xa está pensando no verán –aínda que non sexa consciente–. Ten seis anos e sabe o que quere, como moitas crianzas ás que as súas familias non lles poden preguntar o que lles apetece facer nas vacacións, porque o obxectivo é encherlles varias horas do día para lograr que nais e pais concilien cos seus traballos.
“Este verán decidimos darlle descanso aos nosos fillos porque levan un tute moi grande cada vez que non teñen colexio, madrugando igual para ir a campamentos por conciliación”, conta María, nai deste neno de seis anos e doutro que xa ten dez, desde Santiago. Ela e a súa parella son autónomos e poden traballar alí onde leven o ordenador, por iso este verán van experimentar con só 15 días de campamento e o resto do tempo trasladarse á aldea con eles.
“Imos probar a ver se agora son quen de autoxestionarse eles polas mañás, para que estean por alí na horta e xogando mentres nós estamos no ordenador. Temos preto a experiencia de traballar na casa con eles na pandemia, pero agora xa son máis maiores e entenden mellor que temos que traballar”, destaca María. Este é o plan de conciliación ao que chegaron na súa casa para que os seus fillos poidan descansar de horarios estritos e actividades marcadas, e non cheguen esgotados ao próximo curso escolar.
Para Fernando Lacaci, presidente da Confederación Anpas Galegas, partimos dun erro de concepto. “O principal problema que ten a conciliación é que se enfoca onde non se debe: debera estar solucionada nas empresas, nos empregadores. Son eles, coas axudas do Estado ou da Administración que se queira, quen debera fornecer os pais e nais do tempo suficiente para atender os fillos. Así se debera entender a conciliación, pero como a entendemos neste país? Como a forma de ocupar os fillos en algo mentres os pais están traballando. Aínda partindo deste concepto erróneo, o triste é que nin tan sequera isto está cuberto”, revela.
Non existe unha normativa galega que indique os dereitos que ten unha familia para ocupar o seu fillo ou filla durante as horas nas que non hai actividade escolar. Non hai unha estrutura na Administración galega, nin na estatal, que se ocupe da conciliación. Queda en mans de concellos, institucións particulares con e sen ánimo de lucro e familias en sentido amplo. “Para calquera persoa cun menor de 12 anos isto é un calvario”, explica Lacaci, pois no cambio da Educación Primaria á Secundaria está estandarizado popularmente que nenas e nenos comecen a quedar sós.
Agora que a filla maior fixo os 12 anos, e ten un teléfono móbil co que comunicarse cos pais, a súa conciliación é deixalos sós na casa
Unha das historias ás que tivemos acceso para esta reportaxe é a dunha muller que vive no rural coa súa parella e dous fillos. Ambos adultos danse o relevo no coidado dos fillos, pero agora que a maior fixo os 12 anos, e ten un teléfono móbil co que comunicarse con eles, a súa conciliación é deixalos sós na casa. Como a nena xa ten 12 anos non hai un sitio onde poder levalos a ambos e no rural non teñen alternativas. A partir do paso ao instituto, estean preparados ou non, a maioría dos menores comezan a quedar sós na casa nos períodos non lectivos mentres os pais están no traballo. Non hai practicamente alternativas para a conciliación nestas idades, e se as hai é na contorna urbana.
Os concellos levan o peso das actividades ás que recorren as familias para conciliar nas vacacións escolares, tanto no verán como no Nadal ou en Semana Santa. Pero a realidade é que cada concello fai o que pode co orzamento e os medios que ten. Non hai programas específicos e a oferta dun concello e o do lado poden non ter nada que ver. “Depende moito da orientación política e da sensibilidade da persoa responsable”, apunta Fernando Lacaci.
Partindo da base de que todas as familias queren o mellor para as crianzas, os pais e nais consultados para esta reportaxe coinciden en que á hora de buscar un campamento para as vacacións o primeiro que miran son os horarios, despois o prezo, a proximidade do fogar ou do traballo e, por último, queda o asunto de se lle interesará ao neno ou nena o que fan alí. E todo isto asumindo que o fogar deses nenos e nenas pode permitirse investir os cartos nesa actividade, con todos os gastos extra que veñen engadidos.
Reducións de xornada e axuda dos avós
Andrés e Aida son pais de dúas nenas que non pasan dos tres anos, a súa gardería en Santiago só pecha o mes de agosto, que se converte no seu mes “polémico” para conciliar. No seu caso, contan con axuda familiar e poden repartir os coidados. “Sen avós teríamos máis dificultades porque habería que buscar un sitio no que deixalas, e os campamentos de verán, que polas circunstancias da vida actual proliferaron moito, adoitan funcionar a partir dos catro anos”, contan.
Estela é autónoma, ten un bebé de ano e medio no Milladoiro (Ames) e a súa gardería tamén pecha en agosto sen outra alternativa. “Como o horario da nena en xullo é polas mañás, eu tamén traballo polas mañás e estou con ela polas tardes. En agosto collo unha quincena de vacacións e a outra quincena estará o pai con ela. Despois, no período de adaptación en setembro xa faremos o que poidamos...”, avanza.
"A sociedade non acaba de entender que as crianzas son un ben común e, como tal, deberan estar protexidas en todo momento e en todos os ámbitos", di Fernando Lacaci
Gloria ten un bebé que vai facer un ano e un neno de tres. Ela optou por pedir unha excedencia porque traballa nunha empresa privada na que as súas quendas poden comezar ás tres ou catro da mañá e rematar ás doce da noite e a súa parella está embarcado no mar varios meses o ano. “Cando vin que me quedaba soa cos dous, e me fixeron fixa descontinua, decidín coller unha excedencia dun ano ao remate da miña baixa por maternidade. Era a única maneira que tiña de conciliar porque non tiña praza en ningunha escola infantil para o pequeno, nin era a miña intención levalo”, relata.
En setembro o pequeno comezará na escola infantil e o maior no colexio. A súa excedencia remata en outubro e ao reincorporarse no seu posto de traballo quere pedir unha redución de xornada de catro horas, “o mínimo para tratar de conciliar cos horarios dos nenos na escola”. Gloria ten trinta anos e os meses que a súa parella está no mar ten máis axuda dos avós das crianzas, pero estes tamén teñen as súas xornadas laborais.
“Por que non se normaliza a necesidade de atender os cativos en horario non lectivo? A resposta témola todos: porque somos un país absolutamente hipócrita que segue vivindo coa idea de que mamá está na casa”, asevera Fernando Lacaci. Non existe unha verdadeira estrutura ou rede de servizos sociais e comunitarios que ampare a conciliación, nin sequera coa crise demográfica que segue agravándose no noso país. “A xente segue pensando que ter fillos é un acto privado –indica o presidente da Confederación Anpas Galegas–. A sociedade non acaba de entender que as crianzas son un ben común e, como tal, deberan estar protexidas en todo momento e en todos os ámbitos”.