Setembro é mes de volver, aínda que non foses a ningures. Aínda que non marchases moi lonxe, aínda que non tiveses vacacións ou as vacacións che queden tan lonxe que xa, nin as lembras.
Case todo comeza ou recomeza, unha caste de aninovo ás portas do outono que neste 2022 veu acompañado, se cabe, por máis ruído do habitual e teimando nesa lóxica da última hora permanente da que nos gusta fuxir todo o que podemos. Porque se todo é última hora, nada é última hora.
E como case todo volve, tamén volve o Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao. Comezamos segunda temporada en días nos que, en moitas familias, o estrés non vén tanto pola xeopolítica ou polo inicio dun novo ciclo electoral como pola volta aos malabares diso que lle chaman conciliación da vida laboral e familiar.
Con Ana G. Liste, que hai poucos días nos achegou nunha reportaxe a experiencia de varias familias e os seus intentos por cadrar a vida persoal, laboral e familiar, coñecemos por que unha das entrevistadas deu en resumir que "a conciliación é unha gran mentira". Repasamos datos que nos levan a evidenciar que as reducións de xornada para coidar da familia seguen sendo, sobre todo, cousa de mulleres (27.000 fronte a 2.000 homes, segundo os datos máis recentes para Galicia) e tamén deixamos preguntas abertas. A principal, se é posible traballar menos para vivir máis… para vivir mellor.
Esta e outras preguntas compartímolas neste vixésimo segundo episodio do Fálase falando con Sabela Losada, escritora, politóloga experta en igualdade e en políticas de coidado con enfoque de xénero, tamén impulsora de proxectos como o Grupo de Maternidades Feministas e, moi recentemente, gañadora do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela por un artigo publicado en Praza punto gal que fala tamén de criar, de coidar... E que ten un título que nos pregunta Que nos sorprende da tristura da mocidade?. Con ela conversamos sobre conciliación, sobre coidados e tamén sobre todo o que a sociedade esixe, directa ou indirectamente, ás mulleres que deciden ser nais.
Historias da mocidade lucense en VINTE
Na volta do Fálase volve tamén o espazo de VINTE no podcast informativo de Praza.gal. Coa súa directora, María Yáñez, comprobamos como VINTE cumpriu cos plans que tiña xa antes do verán e saíu á rúa tras as restricións da pandemia. Comeza saíndo ás rúas de Lugo, a barrios coma os da Milagrosa ou da Tinería, para falar con xente moza sobre a cidade e o que se move nela, a comezar polo eido cultural.
Cóntannos en VINTE que "algo se está a mover en Lugo", unha cidade que "acolle unha nova fornada de creadoras e axentes culturais que, tras a pandemia, decidiron regresar ou simplemente quedar a vivir na cidade" e "atoparon un Lugo diferente, con máis xente nova e máis oferta de cultura e lecer, pero tamén o Lugo de sempre visto agora con outros ollos". VINTE achéganos aos seus testemuños a través de reportaxes, de vídeos nas redes e das fotografías d'O Novo Normal.
Con VINTE coñecemos o que se está a mover en Lugo a través de moitas historias da súa xente moza
Ademais desas historias da mocidade lucense, que continuarán nas vindeiras semanas, en VINTE a final do verán e o comezo do outono vén con moita música. Música como a das Miudiño Sessions da man d'A Regueifa Plataforma 2.0, con bandas e artistas como Chicharrón ou Filloas. María Yáñez adiántanos, ademais, que en breves haberá novidades en VINTE... Haberá que estar atentas e atentos.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.