Reducións de xornada, equilibrios entre pais, nais e avós, actividades extraescolares, comedores, servizos para 'madrugadores', horas extra na escola infantil... Así 'concilian' as galegas e galegos no comezo do curso escolar que recupera a 'normalidade' despois da pandemia
Lucía e Mario teñen dúas nenas menores de tres anos na Coruña. Agora que están as dúas na escola infantil tiveron que adaptar as súas xornadas para poder levalas ás nove –″deixalas antes parecíanos moi cedo para elas (e ademais hai que pagar un extra)″, sinala Lucía–. Así que Mario, que é autónomo, abre a tenda que rexenta media hora máis tarde para poder deixalas a tempo. Ata o momento, precisaron da axuda dos avós xa desde a mañá, pero este curso chega con que as recollan ás catro da tarde, pois os pais non rematan a xornada ata as seis e oito e media. ″O horario da gardería non chega, poderíamos deixalas unha hora máis pagando un extra, e sairían ás cinco, pero igualmente non chegamos. Temos a sorte de que miña nai quere e pode coidalas ata que eu saio do traballo″, aclara Lucía.
″Pensamos na redución de xornada. No caso de Mario non nos encaixa. E no meu, non é factible. É certo que cada día fago menos horas extra porque a realidade obriga e teño que coidar das nenas. Fago cousas como non parar para xantar para saír a tempo. Pero penso que no meu sector cunha redución de xornada non se me esixiría menos produtividade e, iso si, cobraría menos. Non me parece unha opción real para min", debulla esta nai da Coruña.
No comezo dun novo curso escolar, que desta volta recupera a 'normalidade' despois da crise derivada da pandemia da COVID, os datos do Instituto Galego de Estatística sinalan sen lugar a dúbidas quen acaba recorrendo á redución de xornada polos coidados. No segundo trimestre deste ano había 27.400 mulleres nesta situación por atender as crianzas ou a persoas adultas enfermas ou dependentes, fronte a 2.000 homes.
"Vas traballar sentindo que estás fallando, que non fas ben o teu papel de nai e que non cumpres como traballadora", conta Lucía
"Que é o que ten que cambiar? As miñas nenas teñen dous e un ano, e están de 9 a 16 horas nun sitio que non é a súa casa nin o seu entorno. Paréceme máis que suficiente, é moito tempo. Quen ten que coidar as miñas nenas fóra dese tempo? Quen espera a sociedade que as coide? É unha cousa que eu me pregunto, porque penso que non deberan pasar máis tempo na escola infantil senón con xente que lles aporte outras cousas, coa súa familia. É posible unha sociedade na que os seus pais traballen esa xornada de nove a catro? A realidade é que non o sei", asegura Lucía.
"Lembro moito como me sentía cada vez que deixaba as nenas enfermas na casa da miña nai o curso pasado. Estaban en boas mans. Pero ti vas traballar sentindo que un dos traballos máis importantes da túa vida, que é coidar dos teus fillos, non o fas e non o podes facer. Vas traballar sentindo que estás fallando, coas nenas e co traballo, que non fas ben o teu papel de nai e que non cumpres como traballadora", engade.
O certo é que a única axuda directa e asegurada que perciben as persoas con nenas e nenos pequenos neste momento é a gratuidade de todas as escolas infantís. "Para nós é unha axuda real para a conciliación. Porque coa escola 'gratis', aínda temos que pagar o comedor e os extras", detalla esta coruñesa.
"Se houbese políticas de natalidade desde o punto de vista do benestar dos nenos e nenas, verían que hai que incrementar os permisos de maternidade como mínimo ata os seis meses", defende Diana
Porén, Diana Luque, matrona no centro de saúde de Fontiñas (Santiago) defende que é "un parche máis" e que habería que aumentar os permisos de maternidade: ″O mellor sería ter permisos de maternidade de seis meses. Ademais, estou vendo que en moitas familias os pais non están a desfrutar dos permisos de paternidade porque quedan empresas reticentes. Ese medo a perder o posto de traballo segue aí. Polo tanto, hai unha porcentaxe de mulleres que, a pesar de ter unha parella, a efectos prácticos están a ser nais soas. Semella que a sociedade aínda non aceptou a corresponsabilidade dos pais. Se houbese políticas de natalidade desde o punto de vista do benestar dos nenos e nenas, verían que hai que incrementar os permisos de maternidade como mínimo ata os seis meses″.
Neste sentido, Maruxa Diéguez, enfermeira de atención hospitalaria no Sergas, defende que "non hai ningunha infraestrutura a nivel social que che facilite o coidado dun fillo" e destaca a importancia da estrutura familiar para levar a cabo os coidados: "Cando o meu fillo era pequeno traballaba no PAC de Vigo, con gardas de 17 horas, de tres da tarde a oito da mañá, e tiven que recorrer aos avós. Temos a sorte de manter esta vinculación, cousa que non sucede noutras sociedades. Pero é que se non tes apoio familiar, non hai medios".
"Para os que traballamos na pequena empresa ou son autónomos a realidade é que non te podes permitir economicamente unha redución de xornada", lamenta Lucía
Maruxa afirma que a redución dun terzo da xornada que se pode solicitar no Sergas facilitoulle a vida incluso cando o seu fillo cumpriu os 12 anos porque considera que é fundamental que sintan unha "presenza afectiva" neses momentos de inicio da adolescencia. "Tiven moita sorte porque coa redución da xornada, desde que comecei traballar no hospital, chegaba para cear con el ou para levalo a clase. Hai moitas nais que se volven tolas e teñen que deixar aos nenos sós. Ademais, teño a sorte de que miña nai estaba ben para axudarme co neno. Pero temos que pensar en que tamén teremos que conciliar co coidado dos nosos pais, que é algo que acaba chegando", engade.
Esa opción que funcionou para Maruxa dentro do sistema público, non está dispoñible cos mesmos efectos para o conxunto dos traballadores do sector privado. "Salvo as persoas que son funcionarias ou traballan para grandes empresas, para os que traballamos na pequena empresa ou son autónomos a realidade é que non te podes permitir economicamente unha redución de xornada; e en moitos casos, se a pides, a túa carreira profesional acábase aí. Cando o meu marido pechou a tenda pola baixa de paternidade, recibiu comentarios que eu non esperaba a día de hoxe. Non sei se hai moita xente disposta a que se poida exercer a paternidade", lamenta Lucía.
As implicacións dunha redución de xornada, que recaen con total rotundidade nas mulleres, non son só atinxen ao salario. Van acompañadas dunha diminución proporcional da cotización a partir do segundo ano. "É un gran sacrificio o que fai a persoa que pide unha redución de xornada. A min facilitoume a vida e estiven co meu fillo, pero estaba separada e o pai non tivo que asumir nada disto. Isto non deixa de ser unha manifestación máis da desigualdade que existe", argumenta Maruxa, para engadir que no seu traballo as reducións sempre as solicitan as nais –só coñece un médico, que colleu unha excedencia polo coidado dun fillo–.
Para Vanesa a redución de xornada non é unha medida de conciliación no momento no que tes que renunciar a unha parte do teu salario
Vanesa, que traballa no sector público, considera que as nais están ″estigmatizadas″ no mundo laboral. ″Cando precisas unha adaptación horaria é unha odisea e todo o mundo che di que non se necesita conciliar, que os nenos medran e non necesitas dedicarlles máis tempo. Porén, a realidade é que é precisas tempo para coidalos. Ti non podes deitar a un neno ás once da noite porque saes do traballo ás dez″, conta. Para ela, a redución de xornada non é unha medida de conciliación no momento no que tes que renunciar a unha parte do teu salario: ″Cando hai pais que queren pedir esa redución, poñen unha axuda, pero que tampouco está asegurada. A convocatoria non sae ata despois, polo que se realmente precisas deses cartos, non os tes″.
″É como o ′bono coidado′ da Xunta, co que podes pagarlle a alguén para que coide dos teus fillos se están enfermos. Non sería máis lóxico que houbera medidas para que cando o neno non pode ir á escola –debidamente xustificado– ti poidas quedar na casa con el?″, pregúntase Vanesa, quen censura que vivimos nunha sociedade ″adultocéntrica″ que non ten en conta as crianzas.
Estela é profesora autónoma, ten 33 anos e un bebé de oito meses en Compostela. O seu marido colleu a baixa de paternidade enteira para que ela puidera teletraballar desde moi cedo despois do nacemento da nena. Ao principio, cando retomou a presencialidade, levou a nena con ela ao traballo e está en pleno proceso de adaptación para 'separarse' dela. ″Agora vai ir a unha escola infantil unhas horas pola mañá e outras pola tarde –conta–. O meu marido vai entrar un pouco máis tarde polas mañás para deixala porque eu entro antes, e algúns días poderei recollela eu e outros a avoa. Iremos rotándonos entre os tres. A conciliación creo que é un pouco como o dos Reis Magos, que somos os pais facendo malabares para chegar a todo″.
"Cando hai vacacións ou festivos o xefe déixanos entrar un pouco antes para saír máis cedo e poder facer o cambio de nenas", explica Marcos
″A nosa situación non é das peores nin moito menos″, aclara Alejandro Guimarey, que traballa para unha empresa en Vilalba e ten un neno que acaba de comezar no colexio. ″Antes de ter o neno, a miña muller traballaba en Lugo a quendas (mañas ou tardes) e xornada completa de luns a sábado, e eu aquí en Vilalba a xornada completa de luns a venres″, explica. Mais cando souberon que ían ser pais, Alejandro, que ″viaxaba continuamente, case nunca comía na casa e moitas veces ata durmía fóra″, logrou mudar o seu posto de traballo dentro da empresa para comer (con algunha excepción) e durmir sempre na casa.
″Á volta da baixa de maternidade á miña muller concedéronlle a redución de xornada, pero seguía traballando en Lugo a quendas. Tiñamos unha persoa que se quedaba a cargo do neno cando eu marchaba a traballar e ata que miña muller chegaba a casa″, conta Alejandro, quen considera que ″o peor foi a pandemia, xa que nos tivemos que traballar en todo momento e o neno quedaba sempre na casa cunha persoa descoñecida ao principio, pero que agora consideramos da familia″. Hai un ano que a súa muller logrou un traslado a Vilalba, polo que agora, co comezo no colexio, ″os horarios cadran ben para poder levalo eu e recollelo a nai″, celebra Alejandro. ″Co tempo, logramos chegar a unha boa situación de conciliación familiar e laboral″, resume.
No caso de Marcos del Río, que traballa nunha empresa na contorna de Santiago, el e mais a súa parella pediron redución de xornada para coidar das súas dúas pequenas. Traballan para a mesma compañía e lograron coordinar as quendas de tal maneira que ″cando un entra o outro sae″. ″Traballamos de 6 a 14h e de 14 a 22h, polo que cando hai colexio saímos antes que elas e chegamos para recollelas, e cando hai vacacións ou festivos o xefe déixanos entrar un pouco antes para saír máis cedo e poder facer o cambio de nenas″, conta Marcos, que aclara que non poden contar cos avós para o coidado das nenas porque uns viven fóra e os outros aínda traballan e non se poden facer cargo.
"Nós tiramos de 'madrugadores' e do comedor para poder facer unha xornada laboral mínima", conta María
María e mais o seu marido son autónomos e viven en Santiago. Ela ten moi claro que na actualidade fan falta dous soldos para sacar adiante aos nenos. ″Nós tiramos de 'madrugadores' e do comedor para poder facer unha xornada laboral mínima. Así, están de 8 a 16 horas no cole, pero igualmente acabamos tendo que traballar pola noite para que non estean tanto tempo sós. E iso que os meus fillos van a actividades extraescolares porque queren. Agora só podemos levalos ao parque os venres e sábados, non entre semana como cando eran máis pequeniños", di.
Ademais, despois da experiencia da pandemia, considera que ″traballar con nenos na casa é inviable″. "Están moi acostumados a vernos aos dous traballar, mentres, están coas tablets. Saben que estou máis pendente do móbil e do ordenador que de estar xogando con eles... E cando nós xa podemos parar, eles xa teñen que ir para cama. Temos sorte por poder estar na casa con eles, pero por outro lado é unha escravitude″, recoñece María.
Esta compostelá tamén pon o foco en como se xestionan as poucas axudas públicas que hai, pois salienta que tampouco é posible conciliar se che sacan os campamentos de verán 15 días antes de que comecen as vacacións, por exemplo. "A conciliación é unha gran mentira que nos venderon. O peor non é tanto para nós, que somos adultos e sabemos que isto vai ser unha temporada, senón para os nenos, aos que lles falta atención, descanso... un montón de cousas que despois van repercutir na súa vida de adultos. Hai que darlle unha boa volta a todo isto″, argumenta.