Desde hai ben pouco, o regulamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) inclúe por primeira vez a definición do que é un territorio afectado polo declive demográfico, áreas en despoboamento que, desde agora, estarán suxeitas a recibir financiamento prioritario deste Fondo no novo período de programación (2021-2027).
O regulamento dos fondos Feder inclúe por primeira vez a definición do que é un territorio afectado polo declive demográfico, impulsada por un investigador galego
Defínense como aquelas provincias ou entidades locais con menos de 12,5 habitantes por quilómetro cadrado ou que sufriran un descenso demográfico interanual de máis do 1% entre 2007 e 2017. Este cambio de criterio no Feder, que amplía os territorios afectados alén dos máis septentrionais do continente ou de zonas en illas e de montaña, abre unha fiestra de oportunidade para Galicia. Máis de 180 concellos poderán ser beneficiarios directamente por despoboamento dos fondos Feder ao cumprir cos criterios que marca a nova definición. Nun país onde 71 municipios perderon máis de 1 de cada 5 habitantes na última década ou onde as mortes duplicaron os nacementos por primeira vez dende que hai datos comparables no pasado 2020.
As entidades locais con menos de 12,5 habitantes por km2 ou cun descenso demográfico interanual de máis do 1% entre 2007 e 2017 serán prioritarios nos fondos da UE contra o despoboamento
En definitiva, determínase que si se poden gastar os cartos destes fondos --e de maneira estrutural e prioritaria-- nestas áreas afectadas polo despoboamento que antes non eran definidas, o que poñía atrancos para a implicación económica da UE nesta problemática. Un cambio de concepto das zonas afectadas polo declive demográfica que chega grazas ao traballo dun galego que teimou ata implicar varios actores políticos e conseguir unha mudanza que pode ser clave tamén para a súa terra de orixe.
Serafín Pazos Vidal é investigador e actual xefe da Oficina de Bruxelas da Convención de Autoridades Locais Escocesas e foi coordinador do grupo de expertos da Cohesión Territorial do Consello de Municipios e Rexións de Europa. Daquela, elaborou a definición agora incluída como factor clave para a distribución dos fondos de cohesión tras unha "odisea" que vén de explicar nun artigo.
"O que fixemos foi crear un consenso e acabar coa escusa que sempre se poñía na UE para xustificar que os fondos europeos non tivesen como prioridade específica e como obxectivo de financiamento estrutural as zonas despoboadas, xa que non había acordo sobre que era en realidade un territorio en declive demográfico", explica o tamén membro da rede de investigación da Asociación de Estudos Rexionais sobre a Política de Cohesión da UE a Praza.gal.
A nova definición abre a porta a que máis de 180 concellos galegos sexan destinatarios dos fondos Feder específicos para paliar odespoboamento
En base a estudos de varios organismos internacionais, redactou a definición, que achega os criterios para que unha área se inclúa entre as afectadas pola crise demográfica, e implicou a clase política. Primeiro a través do alcalde de Soria, Carlos Martínez, logo a través de eurodeputados de PSOE e PP que lograron a aprobación do texto na Eurocámara e logo a través da europarlamentaria de Ciudadanos Susana Solís, logrando que este novo enfoque sobre o despoboamento fose incluído como prioridade e no regulamento dos fondos Feder para o período 2021-2027.
"O Feder debe abordar os problemas das zonas desfavorecidas, en particular das zonas rurais e das zonas que sofren deficiencias demográficas ou naturais graves e permanentes, incluído o declive demográfico, para acceder aos servizos básicos, incluídos os servizos dixitais, aumentando o atractivo para o investimento, incluso a través de investimentos empresariais e conectividade aos grandes mercadoS”, recolle o texto do regualmento para os fondos.
Aplícase, xa que logo, "un criterio válido para toda Europa". "Presenta e identifica un problema e establece unha gradación... Canto menos te parezas á definición aprobada, mellor estarás; canto máis te parezas, máis problemas de despoboamento terás", explica Pazos Vidal, que aclara que servirá tamén como instrumento xurídico para futuras normativas ou programas de financiamento enfocadas neste problema.
Pero, como aclara Pazos Vidal, esta é só a base. "A normativa europea só define o problema e o que é posible financiar, pero logo teñen que ser plans autonómicos ou estatis os que determinen canto e como nos seus programas dos fondos Feder, que non teñen que ver cos Next Generation, e que se teñen que presentar na UE antes de finalizar este ano", advirte.
Porque non son os concellos os que demandan a Bruxelas acceder a estes fondos, senón que son as políticas concretas do Executivo central, co Plan Operativo Plurirrexional, ou da Xunta, co Programa Operativo Feder 2021-2027, as que determinan os investimentos. E tamén dependerá deles a decisión de se a actuación é a nivel municipal, comarcal ou mesmo provincial (no caso dalgúns territorios do Estado).
O Programa Operativo Feder 2021-2027 da Xunta será a que determina os investimentos da UE e o aproveitamento real dos fondos
Polo momento, e agás algunha información illada, nada de sabe dos plans que a Xunta debe presentar á UE sobre os proxectos para atacar a sangría demográfica a través duns fondos que suporán 20.000 millóns de euros para o conxunto de España nos vindeiros sete anos.
Por iso, Serafín Pazos pide "concreción e colaboración" entre as administracións á hora de presentar as iniciativas, para evitar propostas illadas e limitadas a só algúns municipios. "Precísanse proxectos integrais, con visión de futuro e estratexia e con todo o mundo remando no mesmo barco", explica.
Entre as ideas, a aposta pola banda larga no rural, a asistencia á poboación máis envellecida ou plans de contratación pública, entre outras moitas que deberán plasmarse nun papel e ser aprobadas pola UE. Da Xunta, en boa parte, depende que Galicia aproveite o cheque que vén de estender Bruxelas para afrontar un problema clave para o futuro.