A pandemia de COVID que está próxima a chegar ao ano e medio de duración en Europa provocou cambios sociais moi profundos e diversos. Por suposto nun nivel estritamente económico, pero tamén levou xa a importantes modificación nas tendencias migratorias que levabamos anos observando.
A COVID favoreceu o traslado de poboación dende as cidades a concellos da súa contorna e mesmo a localidades da Galicia rural
A estatística definitiva de migracións correspondente ao conxunto do ano 2020 amosa tres grandes mudanzas en Galicia: por unha banda, diminúe notablemente a chegada de poboación migrante procedente do estranxeiro, aínda que o saldo migratorio externo de Galicia continúa a ser moi positivo. En segundo lugar, incrementa a chegada (ou o retorno) de poboación procedente doutras comunidades autonómas, ao tempo que diminúe as saídas cara a outros territorios do Estado español, facendo que o saldo migratorio de Galicia co resto de España sexa o máis positivo dende o ano 2009.
O terceiro cambio afecta aos movementos de poboación no interior de Galicia. Como xa se viña apuntando en estatísticas provisionais e nos datos do padrón correspondente ao pasado ano, a COVID favoreceu o traslado de poboación dende as cidades a concellos da súa contorna e mesmo a localidades da Galicia rural. Un cambio de grande importancia que haberá que comprobar durante os vindeiros anos se é temporal ou se consolida.
O resultado global para Galicia destes cambios é un saldo migratorio menos positivo que no ano 2019. Mentres que nese ano houbo un saldo positivo de 16.747 persoas, no 2020 o saldo reduciuse lixeiramente, ata as 14.616 persoas. Galicia converteuse nos últimos anos nunha terra de recepción dunha numerosa inmigración estranxeira, especialmente da procedente de América Latina (encabezada por Venezuela) e no 2020 as chegadas reducíronse dende as 26.932 ata as 14.547.
Destaca o aumento da chegada da poboación que anteriormente estaba empadroada en Madrid, que pasou de 4.193 a 5.506, aínda que tamén se incrementaron as chegadas (ou retornos) dende Cataluña
A mellora do saldo do resto do Estado, que pasou de estar equilibrado (mesmas saídas que entradas), cun saldo negativo moi lixeiro nos tres anos anteriores, a ser netamente positivo, non puido compensar a menor recepción de poboación de fóra de España. Neste indicador destaca o aumento da chegada da poboación que anteriormente estaba empadroada en Madrid, que pasou de 4.193 a 5.506, aínda que tamén se incrementaron as chegadas (ou retornos) dende Cataluña. De igual xeito, reducíronse notablemente as saídas en dirección a Madrid ou Cataluña.
Neste ano 2020 o saldo migratorio de Galicia, no que atinxe á pobación menor de 25 anos, foi menos positivo que en anos anteriores, debido á menor recepción de persoas de fóra do Estado Español
Un factor ao que sempre hai que emprestar atención é a idade da poboación que emigra ou inmigra. Os movementos que realizan as persoas de 20 ou 30 anos teñen características moi distintas que os que realizan os grupo de idade de 60 ou 70 anos. E o seu efecto nas distintas sociedades tamén é moi diferente. Neste ano 2020 o saldo migratorio de Galicia, no que atinxe á pobación menor de 25 anos, foi menos positivo que en anos anteriores, debido á menor recepción de persoas de fóra do Estado Español, unha migración cunha media de idade moi baixa. Aínda así, o saldo migratorio foi positivo para Galicia en todos os grupos de idade.
A principal diferenza entre os movementos migratorios do ano 2019 e os do ano 2020 foi o freo na chegada de poboación procedente de Venezuela, Brasil, Colombia, Cuba ou Perú
A principal diferenza entre os movementos migratorios do ano 2019 e os do ano 2020 estableceuna o freo na chegada de poboación procedente de Venezuela, que pasou de 5.352 a 1.619 persoas. As chegadas procedentes doutros países tamén caeron de forma importante (Perú, de 1.264 a 594; Brasil de 1.751 a 770; Colombia, de 2.384 a 1.074; ou Cuba, de 1.021 a 337). Como curiosidade, un dos poucos países dende o que se incrementaron as chegadas foi do Reino Unido, pasando de 551 a 665.
As comarcas urbanas pasaron de ter saldos migratorios moi positivos a estar case equilibradas ou mesmo a ter máis emigrantes que inmigrantes
Na seguinte gráfica poden observarse os cambios que sufriron os movementos migratorios en cada unha das comarcas galegas. A principal conclusión que se tirar é que as comarcas urbanas pasaron de ter saldos migratorios moi positivos a estar case equilibradas ou mesmo a ter máis emigrantes que inmigrantes. A primeira razón está nos cambios que sufriu o saldo migratorio co estranxeiro, moi recortado polo menos número de chegadas dende fóra de España. Por exemplo, na Coruña o saldo pasou de ser +4210 a ser só de +1.221 e en Vigo baixou de +2.818 a +1.672.
A outra cara da moeda foron un gran número de comarcas non-urbanas, que ata agora tiñan saldos migratorios negativos e que pasaron a ter máis inmigrantes que emigrantes
Ademais, estas comarcas pasaron de ter un saldo interno (co resto de Galicia) moi positivo a ter máis saídas que entradas de poboación procedentes doutras comarcas. Así, A Coruña pasou de +624 a -910, Santiago de +281 a -168, Ourense de +239 a -280 ou Vigo de +155 a -1.206.
En cambio, a maior parte das comarcas urbanas melloraron notablemente o seu saldo con outras comunidades autónomas do Estado español, pasando A Coruña de +17 a +676 ou Vigo de -58 a +326.
Non só mellorou moito o saldo con outros territorios do Estado español senón que -sobre todo- mudaron por completo os movementos 'internos', con relación a outras comarcas galegas, especialmente as urbanas
A outra cara da moeda foron un gran número de comarcas non-urbanas, que ata agora tiñan saldos migratorios negativos e que pasaron a ter máis inmigrantes que emigrantes. Nelas non só mellorou moito o saldo con outros territorios do Estado español (en Muros, Ordes, Barbanza, A Mariña, Terra Cha, Terra de Lemos, O Carballiño, Valdeorras...) senón que -sobre todo- mudaron por completo os movementos 'internos', con relación a outras comarcas galegas, especialmente as urbanas.
Así, por exemplo, Terra de Lemos pasou de ter un saldo migratorio moi negativo co resto de Galicia (-132) a telo positivo (+86), o mesmo que Terra de Celanova, O Salnés, A Limia, Os Ancares, Noia, Fisterra ou A Barcala.
O saldo migratorio co estranxeiro, iso si, empeorou en case todas elas. Anteriormente, era positivo en todas as comarcas e pasou a ser negativo nos Ancares e a estar equilibrado en varias outras.
Ademais de Santiago, Oleiros, Nigrán, Valdoviño, Sada ou Tomiño tiveron os saldos migratorio máis positivos. A Coruña e Vigo, os máis negativos
Estes efectos, con grandes diferenzas entre as comarcas urbanas e rurais, poden comprobarse máis polo miudo nos datos por concellos. O mapa xeral, que amosa os saldos migratorios totais de cada localidade no ano 2020, revela que foron os concellos urbanos os que rexistraron un saldo máis negativo, encabezado pola Coruña, Vigo, Lugo, Ferrol e Ourense, aínda que tamén Ames ou Barbadás (o mesmo que As Pontes, neste caso por mor da súa crise industrial) tiveron saldos moi negativos.
O saldo máis positivo correspondeu a Santiago de Compostela, pero despois aparecen concellos como Oleiros, Nigrán, Valdoviño, Sada ou Tomiño, que puideron recoller poboación procedente da Coruña, Vigo ou Ferrol. Valdoviño, por exemplo, pasou de ter un saldo interno de +25 en 2019 a +306 en 2020.
Vigo ou A Coruña viron marchar a outros concellos galegos a case dúas mil persoas máis que as que se empadoraron procedentes do resto de Galicia
Esta estatística do saldo interno recolle os movementos entre uns e outros concellos de Galicia ao longo do ano 2020. Oleiros, Valdoviño, Nigrán, Bergondo, O Pereiro de Aguiar, Sada, Tomiño, Teo, Sanxenxo, Ares, Miño, A Laracha, Gondomar, Poio e Abegondo son as localidades con máis entradas que saídas de poboación en relación co resto de Galicia. Son concellos situados nos arredores das sete cidades, especialmente da Coruña, Vigo, Pontevedra e Ferrol, que probablemente recibiron poboación anteriormente empadroada nestas urbes.
Vigo, por exemplo, viu marchar a outros concellos galegos a case dúas mil persoas máis que as que se empadoraron procedentes do resto de Galicia. Na Coruña o saldo -anteriormente positivo- tamén foi negativo en case dúas mil persoas. En Ourense, Lugo o saldo negativo achegouse ás mil persoas.