No confinamento da pasada primavera as zonas rurais incrementaron o seu atractivo fronte ás áreas urbanas: menores aglomeracións, máis espazos abertos polos que pasear sen risco, menos peches perimetrais nos concellos menos poboados. En moitos lugares aumentou o interese por mercar casas e terreos fóra das cidades. Pero estes movementos teñen xa unha tradución real nos datos de empadroamento e nas cifras oficiais de poboación?
Cinco das sete cidades galegas perderon poboación no primeiro semestre do ano, todas agás Santiago e Ferrol. No 2019 seis das sete (todas menos Ferrol) gañaran habitantes
A pasada semana o IGE publicou as Cifras poboacionais de referencia correspondentes ao 1 de xullo do ano 2020, con datos para cada concello. Este primeiro indicador amosa cambios nalgunhas localidades que mudan as tendencias que se viñan rexistrando nos últimos anos. Iso si, cómpre ter en conta que os datos son aínda provisionais e que haberá que agardar a coñecer as cifras do segundo semestre para ter unha imaxe fiel da situación e dos efectos do primeiro ano de pandemia.
Cae a poboación nas cidades
O primeiro que chama a atención nos datos é que cinco das sete cidades galegas perderon poboación no primeiro semestre do ano, todas agás Santiago e Ferrol. O descenso foi especialmente importante na Coruña (-1.534) e Vigo (-911), pero tamén en Pontevedra (-394), Lugo (-357) e Ourense (-270). A caída chama máis a atención se se ten en conta que durante o ano 2019 seis das sete cidades (todas agás Ferrol) incrementaron notablemente o seu número de habitantes, con aumentos no seu padrón que rozaron as dúas mil persoas en Vigo e A Coruña.
Valdoviño, O Grove, Xove, Barreiros, que no 2019 perderon poboación, incrementaron notablemente o seu padrón nos seis primeiros meses de 2020
Unha das explicacións para este cambio de tendencia está na brusca diminución dos fluxos migratorios externos durante o primeiro semestre do ano, cun efecto moi claro nas cidades galegas, que nos últimos anos veñen gañando poboación grazas á inmigración externa. En calquera caso, sexa este ou outro o motivo, os primeiros meses de pandemia invertiron a tendencia poboacional na Coruña, Vigo, Ourense, Lugo, Pontevedra e tamén en Ferrol, aínda que neste caso levan a unha suba no seu número de habitantes. Haberá que agardar aos datos completos e definitivos do ano para comprobar se se mantén esta evolución.
Increméntase o número de habitantes nalgúns concellos non urbanos
Outro dos datos que chama a atención é o incremento da poboación que se produciu nalgúns concellos fóra dos núcleos urbanos. É o caso, por exemplo, de Valdoviño, próximo a Narón e a Ferrol, e que no primeiro semestre gañou 233 habitantes (un 3,58%), mentres que no 2019 perdera 20. Ou tamén do Grove, que aumentou o seu padrón en 203 persoas, fronte a un descenso de 134 no ano anterior.
Tomiño, Tui, Abegondo, Bergondo, Teo, Miño, Soutomaior, Vedra, Oza-Cesuras, Baiona, Trazo ou Mondariz-Balneario tamén gañaron habitantes
Sucedeu o mesmo noutros concellos litorais, neste caso da Mariña, como Xove e Barreiros, que gañaron en seis meses 86 e 79 habitantes, fronte aos descensos de 5 e 7 no ano 2019. Tomiño ou Tui aumentan tamén a súa poboación moi por riba do que o viñan facendo, o mesmo que outras localidades situadas nos arredores de cidades, como Abegondo, Bergondo, Teo, Miño, Soutomaior, Vedra, Oza-Cesuras, Baiona, Trazo ou Mondariz-Balneario.
Seguen sendo maioría os concellos que no primeiro semestre do ano perderon poboación (178), fronte aos 132 que gañaron habitantes. Iso si, no 2019 só 89 incrementaron o seu padrón
Ademais das cidades, algúns concellos destacaron no primeiro semestre do 2020 por perder poboación. O Porriño, que gañara 79 habitantes no ano 2019, perdeu 560 entre xaneiro e xullo; e situacións semellantes déronse tamén en Ames (pasou de gañar 246 a perder 95), Ponteareas (de +167 a -72), O Carballiño (de +77 a -294), Silleda (de +114 a -273) ou Redondela (de +99 a -91).
Prodúcese un cambio xeral de tendencia no rural galego? Os datos non indican iso e seguen sendo maioría os concellos que no primeiro semestre do ano perderon poboación (178), fronte aos 132 que gañaron habitantes. Iso si, durante o ano 2019 esta diferenza fora moi superior e, de feito, só 86 incrementaran o seu padrón, mentres que 224 perderan poboación.