0 Gardados para despois

O 85% dos concellos galegos perden poboación

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O INE vén de publicar os datos do Padrón municipal correspondentes ao 1 de xaneiro do 2017, que confirman o forte devalo demográfico que sofren unha parte importante dos concellos galegos. En concreto no último Padrón só 48 gañaron poboación, mentres que 264 -ao redor do 85%- perderon habitantes.

Unha ollada ao mapa destas subas e baixas debuxa un panorama que é ben coñecido: en termos xerais as áreas urbanas próximas ás sete cidades, así coma algunhas cabeceiras comarcais gañan poboación, que descende no resto do país, nomeadamente nos concellos rurais. Porén, cómpre sinalar que o descenso é xeneralizado en toda a comarca de Ferrolterra (agás pequenas alzas en Cabanas e Moeche) e que cidades como Lugo ou Ourense tamén perden habitantes nesta ocasión (compensados polos ascensos de Barbadás ou San Cibrao das Viñas no caso da cidade das Burgas).

Cómpre salientar, pola contra, os ascensos que se producen nos concellos próximos a Santiago (Ames, Brión, Oroso...) e na propia cidade de Compostela e tamén nas áreas metropolitanas da Coruña e Vigo, nas que practicamente todas as localidades gañan poboación. Santiago, Culleredo, Arteixo, Ames e Cambre son os cinco concellos que gañan máis habitantes. Mentres que A Estrada, Marín, Ourense, Lugo e Ferrol encabezan os descensos.

Analizando os datos con máis perspectiva, dende o ano 1998, son algúns máis (72) os concellos que gañan poboación. Porén, neste período de case 20 anos faise máis evidente a diferenza entre a Galicia que aumenta o seu número de habitantes e a Galicia que mingua. Así, atopamos localidades que duplicaron a súa poboación, como Ames, ou que case o fixeron, como Barbadás. E outras como Culleredo, Oroso, San Cibrao das Viñas, Salceda de Caselas, Cambre, Arteixo e Sada que incrementaron os seus empadroados e empadroadas nun 50%.

Pola contra, medio cento de vilas perderon máis dun terzo dos seus habitantes dende 1998 e o descenso foi superior ao 20% en 162 concellos, máis da metade do país. Agolada, A Teixeira, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río e Dozón encabezan esta lista, con perdas próximas ao 45%.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Consulta aquí a evolución da poboación no teu concello