O pasado ano Galicia tivo o saldo migratorio máis positivo da última década. Case 25.000 persoas chegaron procedentes doutros países, fronte a 8.000 saídas ao estranxeiro; de igual xeito, chegaron máis persoas dende outros lugares do Estado español dos que marcharon dende Galicia. Con todo, este saldo migratorio galego netamente positivo (+17.542) agocha movementos internos máis diversos, que manteñen importantes fluxos dende os concellos rurais ás cidades e grandes vilas, que se detallan na estatística de altas e baixas residenciais publicada polo INE nos últimos días.
A maior partes das migracións que provocan o despoboamento dos concello rurais diríxense cara a outras zonas de Galicia
O rural continúa a despoboarse non só polas baixas taxas de natalidade, senón pola emigración continuada das súas xeracións máis novas a outras zonas de Galicia (o que, ademais, tamén determina o menor número de nacementos nos concellos máis envellecidos). De feito, tan só 16 concellos galegos teñen máis menores de 20 anos que maiores de 65.
Así, aínda que o saldo migratorio galego é moi positivo, case un terzo dos concellos galegos (112) teñen saldos migratorios negativos, encabezados por O Grove, Avión, Coristanco, Lousame, Burela, Trazo e Muros. Isto é así a pesar de que o saldo migratorio co estranxeiro é positivo na maior parte do país (tan só 22 concellos tiveron máis saídas que chegadas dende fóra de España).
E, a pesar da importancia dos fluxos migratorios dende (ou cara a) outros países ou comunidades autónomas, en termos cuantitativos, a maior parte das migracións seguen a ser internas, con movementos no interior de Galicia. Así, as 'baixas residenciais' con dirección ao estranxeiro sumaron nove mil persoas no ano 2019, pero as 'baixas' con dirección a outros concellos galegos acadaron as 62.964 persoas.
A montaña lucense, o Ortegal, a Costa da Morte, o Deza, boa parte do Barbanza, Ordes ou a Baixa Limia perden poboación en dirección a outras zonas da mesma provincia, o mesmo que as grandes cidades
O mapa dos movementos no interior de cada unha das catro provincias galegas amosa varios tipos de movementos poboacionais. Vemos unha Galicia partida en dous, con 160 concellos que perden habitantes en beneficio de localidades próximas e 145 que gañan poboación destes xeito.
Atopamos, por unha banda, un gran número de comarcas con saldos migratorios provinciais negativos; é o caso da montaña lucense, do Ortegal, da Costa da Morte, do Deza, de boa parte do Barbanza, de Ordes ou da Baixa Limia. Vemos, igualmente, como as grandes cidades tamén perden poboación por esta vía (A Coruña, Vigo, Compostela, Ferrol ou Ourense), en beneficio de localidades situadas nas súas áreas urbanas: A Laracha, Sada, Oleiros, Arteixo, Brión, Oroso, Teo, Outeiro de Rei, Nigrán, Gondomar, Ponteareas, O Pereiro de Aguiar ou Barbadás están entre os concellos con saldos provinciais máis positivos.
Vigo, A Coruña e Santiago son os tres concellos con saldos máis favorables dende outras provincias galegas, o que amosa a súa enorme capacidade de atracción de poboación doutras zonas do país
Os movementos migratorios de cada concello coas provincias galegas distintas da súa amosan unha realidade semellante, pero con matices. Neste caso son Lugo, Monforte de Lemos, Lalín e Ferrol os concellos que teñen saldos máis negativos, o que indica importantes movementos migratorios dirixidos a outras zonas de Galicia, probablemente comarcas urbanas. Neste caso, son Vigo, A Coruña e Santiago os tres concellos con saldos máis favorables, o que amosa a súa enorme capacidade de atracción de poboación doutras zonas do país.
O mapa tamén amosa saldos negativos na maior parte dos concellos pontevedreses situados no norte da provincia (o que pode indicar movementos en dirección a concellos da provincia da Coruña) e tamén no sur de Lugo.
Movementos co resto do Estado
As cidades galegas presentan saldos migratorios negativos co resto do Estado
Nos últimos o saldo migratorio de Galicia coas restantes comunidades autónomas do Estado español está practicamente equilibrado, aínda que é lixeiramente positivo (chegan máis persoas das que marchan). En concreto, no ano 2019 o saldo favorable foi de 676 persoas, con 13.493 saídas e 14.169 entradas. Porén, analizando concello a concello a realidade é máis diversa.
Neste caso, son as cidades as zonas de Galicia con saldos migratorios máis negativos co resto do Estado, encabezadas por Ourense, Ferrol, Vigo e Santiago, pero tamén en Lugo e A Coruña, e igualmente en concellos próximos como Cambre ou Ames. Isto podería indicar que as zonas urbanas galegas, que adoitan recibir moita poboación dende as comarcas rurais (por razóns de estudo ou traballo) posteriormente tamén serven de vía de saída en dirección a outras zonas de España. Os principais saldos positivos corresponden, pola súa banda, a Sanxenxo, Boiro, Arteixo, Porto do Son e O Porriño.
Saldo migratorio co estranxeiro
Galicia ten dende hai anos un saldo migratorio cos países fóra de España netamente positivo, coa única excepción do período 2012-14, no peor momento da crise económico. O pasado ano o saldo (+16.866) foi produto da chegada de case 25 mil persoas e da saída de ao redor de 8 mil. As persoas que chegaron a Galicia tiñan maioritariamente idades novas: a maior parte (case 20 mil) tiñan menos de 50 anos e máis de 11 mil menos de 30 anos. En canto ás migracións ao estranxeiro de persoas residentes en Galicia, do total de 7.832 saídas, 2.841 corresponderon a persoas nacidas en España e o resto a persoas nacidas no estranxeiro.
Practicamente todos os concellos galegos, tanto das zonas urbanas coma das rurais, presentan saldos positivos nas súas migracións co estranxeiro
Neste caso, practicamente todos os concellos galegos, tanto das zonas urbanas coma das rurais, presentan saldos positivos. Tan só 22 localidades tiveron no 2019 máis saídas que chegadas, e só O Porriño presenta cifras importantes.
No outro extremo, son as zonas urbanas as que reciben os grupos máis importantes de persoas procedentes doutros países. A Coruña incrementou a súa poboación en case tres mil persoas deste xeito, Vigo en 2.500 e Santiago, Lugo e Ourense e ao redor de mil habitantes.
Migracións xeracionais
Hai varios concellos que a pesar de presentar saldos migratorios positivos, no caso das migracións de persoas de menos de 35 anos o saldo torna negativo
Finalmente, hai outro aspecto importante á hora de analizar os fluxos migratorios: a idade das persoas que marchan ou que chegan. Hai varios concellos que a pesar de presentar saldos migratorios positivos, no caso das migracións de persoas de menos de 35 anos o saldo torna negativo. É o caso de Ordes, Poio, Maceda, Monterrei, A Mezquita, A Baña, Quiroga, Valdoviño ou Celanova. Estas localidades están a perder poboación nova, mentres que en cambio reciben poboación de 55 anos ou máis, pode que polo retorno de antigos habitantes que nalgún momento marcharon vivir e traballar a outras zonas.
A maior parte dos concellos rurais perden poboación de 35 anos ou menos
Neste mapa cos saldos migratorios das persoas de 35 anos observamos un panorama ao doutros mapas relativos ao envellecemento da poboación. As zonas urbanas (tanto as cidades coma as súas áreas metropolitanas) recibindo importantes cantidades de poboación nova, ao igual que comarca como O Barbanza, O Morrazo, O Baixo Miño, A Mariña ou O Salnés. E, pola contra, a maior parte dos concellos rurais, perdendo habitantes de 35 anos ou menos, especialmente nas provincias de Lugo e Ourense, pero tamén en comarcas coma o Ortegal, Costa da Morte e Muros e nas zonas máis montañosas da provincia de Pontevedra.