Medra a intensidade da vaga de gripe, cun 40% máis de consultas en atención primaria

Sala de espera dun centro de saúde galego © Xunta

O impacto da gripe segue a aumentar pero, de momento, a súa intensidade segue a ser baixa e a súa difusión "espallada". O número de consultas aumentou un 40% na última semana e a gravidade da epidemia achégase ao nivel medio

A intensidade da onda epidémica de gripe segue a medrar en Galicia, segundo revelan os distintos indicadores que manexa o Sergas para vixiar a evolución da enfermidade, como o número de consultas en atención primaria, a taxa de positividade das probas realizadas ou a venda de antigripais en farmacias. 

O impacto da gripe segue a aumentar pero, de momento, a súa intensidade segue a ser baixa e a súa difusión "espallada". Con todo, a tendencia é ascendente e o Informe de Actividade das Infeccións Respiratorias Agudas que elabora a Dirección Xeral de Saúde Pública amosa que esta intensidade está xa preto do seu nivel medio

A epidemia de gripe chegou no 2025 moito antes que o ano pasado, cando practicamente non se percibiu ata o mes de xaneiro e, en cambio, segue un desenvolvemento máis semellante ao que tivera na tempada 2023-24, cando o pico -intenso e curto- chegou na derradeira semana de decembro.

Evolución das consultas en atención primaria por gripe © Sergas

A epidemia de gripe chegou no 2025 moito antes que o ano pasado, cando practicamente non se percibiu ata o mes de xaneiro e, en cambio, segue un desenvolvemento máis semellante ao que tivera na tempada 2023-24, cando o pico -intenso e curto- chegou na derradeira semana de decembro

O último informe publicado indica que a taxa de consultas por gripe en atención primaria está a aumentar en todos os grupos de idade, especialmente no grupo de 0 a 4 anos (+78%). A taxa tivo un incremento global na última semana de máis do 40% e sitúase en 72,1 consultas por 100.000 habitantes. O grupo coa maior taxa de consultas seguen a ser o de 0 a 4 anos con 188,4 consultas por 100.000 habitantes.

No que atinxe ás áreas sanitarias, incrementáronse as consultas en todas elas, duplicándose o valor na área de Vigo e rexistrando un aumento das súas taxas as áreas de Ourense (96,6%) e de Lugo (79,3%). O Sergas recomenda o uso da máscara ao acudir a centros de saúde, aínda que non se teñan síntomas de infección respiratoria.

Na última semana ingresaron no hospital 223 persoas con gripe confirmada, especialmente persoas de máis de 80 anos

Obsérvase unha predominancia e tamén un aumento da porcentaxe de positividade para o virus tipo A, que adoita afectar con maior frecuencia á poboación de maior idade e, polo tanto, causar un maior número de hospitalizacións. Na última semana ingresaron no hospital 223 persoas con gripe confirmada, un 4 % menos que na semana anterior (232 ingresos). O grupo de 80 e máis anos foi o que presentou a taxa máis elevada con 38,1 ingresos por 100.000 habitantes (se ben descendeu un 7% en relación á semana anterior).

Por área sanitaria, a taxa de ingresos descendeu en todas elas agás nas de Vigo, Lugo e sobre todo na de Pontevedra, que duplicou o seu valor. No que vai de temporada da gripe notificáronse 1.056 ingresos, a maioría deles con virus tipo A.

A vaga epidémica de gripe chegou este ano moito antes que no 2024 e segue un desenvolvemento máis semellante ao da tempada 2023-24, que tivo o seu pico a finais de decembro © Sergas

A Xunta lembra así mesmo a necesidade de vacinarse para reducir as complicacións da enfermidade en caso de contaxio. E lembra que a poboación diana que fose citada por SMS e non teña acudido pode volver solicitar día e hora con enfermería para vacinarse no seu centro de saúde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.