Federico Martinón detalla que as persoas que participaron na primeira fase do GalFlu presentaron taxas de ataque de infección por gripe máis baixas en comparación coa poboación non vacinada
"A vacina da gripe xa funciona, queremos probar se pode facelo mellor", asegura Federico Martinón, investigador principal do estudo GalFlu e xefe do servizo de Pediatría na área sanitaria de Santiago e O Barbanza. O ensaio clínico GalFlu comeza a súa segunda fase para probar a eficacia da vacina de alta carga contra a gripe en 70.000 galegos e galegas de 65 a 79 anos, coincidindo co inicio da vacinación fronte á gripe e a COVID nos grandes recintos toda en Galicia.
O que se pretende con esta iniciativa en marcha é analizar se a vacina antigripal de protección reforzada, que é a que xa se está a aplicar a maiores de 80 anos, é igualmente beneficiosa para as persoas de menor idade, entre os 65 e 79 anos. As persoas dese rango de idade –450.000 en todo o país– que acudan a vacinarse nos grandes recintos habilitados en todas as áreas sanitarias poderán participar voluntariamente neste estudo.
Federico Martinón explicou os resultados acadados na primeira fase do ensaio clínico, no que colaboraron 59.490 cidadáns galegos de entre 65 e 79 anos, recrutados entre o 26 de outubro e o 26 de novembro do pasado ano. A taxa media de participantes diaria foi de 2.480 persoas, sendo a máxima diaria 4.136 persoas.
Martinón detallou que as persoas que participaron na primeira fase do GalFlu presentaron taxas de ataque de infección por gripe máis baixas en comparación coa poboación non vacinada, sendo a positividade da gripe de 10,30% de media na cohorte de GalFlu, fronte a 14,6% en galegos de 65 a 79 anos non vacinados.
Esta menor taxa de ataque da gripe entre quen participa en GalFlu resalta o impacto da vacinación contra a gripe a nivel de saúde pública, destaca Federico Martinón
Segundo o investigador, esta menor taxa de ataque da gripe entre quen participa en GalFlu resalta non só o valor de participar no estudo senón, tamén, o impacto da vacinación contra a gripe a nivel de saúde pública. "As vacinas da gripe salvan vidas", recalcou.
Pola súa parte, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, informou de que no que respecta á gripe no colectivo de persoas de 80 ou máis anos a porcentaxe de vacinación é do 70%, mentres que nos nenos e nenas menores de cinco anos sitúase no 35%. No relacionado coa COVID a vacinación está xa no 65% no grupo de 80 ou máis anos e, no virus respiratorio sincitial, a porcentaxe de vacinación é do 88%.
Tanto a directora xeral de Saúde Pública como o conselleiro de Sanidade animaron a cidadanía a que se vacine, sobre todo a poboación máis vulnerable, posto que se agarda a gripe cunha sintomatoloxía "complicada", segundo apuntou Carmen Durán.