A Xunta busca incrementar o 27% de crianzas vacinadas contra a gripe cunha citación masiva no hospital de Santiago

No primeiro mes da campaña de vacinación da gripe, que este ano busca protexer por primeira vez os nenos e nenas entre 5 e 59 meses, a taxa de cobertura neste grupo foi do 27% Dominio Público Pxhere

Os casos de gripe, máis numerosos e graves que outros anos, unidos á acción doutros virus respiratorios, coma o virus sincitial, están a multiplicar as consultas nos servizos de pediatría

O pasado 10 de outubro comezou a campaña de vacinación da gripe, que este ano por primeira vez incluíu á poboación infantil -entre os 5 e os 59 meses (seis anos) de idade- entre os seus obxectivos, seguindo as recomendacións dos profesionais da pediatría. 

A realidade deste outono estalles dando a razón a estas recomendacións e está xustificando a decisión de incorporar a vacina da gripe de balde no calendario infantil, pois a incidencia desta enfermidade, especialmente entre a poboación máis moza, está a ser moi elevada, despois de dous anos nos que -pola competencia da COVID e polas medidas de protección aplicadas contra o coronavirus- a gripe estivera practicamente ausente. Ademais, nenos e nenas poden trasmitir a gripe a persoas vulnerables, especialmente de idade avanzada.

Vacinación gripe © Xunta

No primeiro mes da campaña a porcentaxe de nenos e nenas entre 5 e 59 meses que recibiu algunha dose da vacina é do 27%, un total de 20.000 nenos e nenas vacinadas

Os casos de gripe, máis numerosos e graves que outros anos, unidos á acción doutros virus respiratorios, coma o virus sincitial, están a multiplicar as consultas nos servizos de pediatría e tamén a atención hospitalaria e os ingresos de nenos e nenas de curta idade, ata o punto de que pediatras e outros profesionais, tanto nos hospitais coma nos centros de saúde, denuncian estar "desbordados" pola elevada demanda, nun contexto de escaseza de persoal. Un estudo publicado esta semana na prestixiosa revista especializada The Lancet Respiratory Medicine e no que participa o Hospital Clínico de Santiago revelou que un de cada 56 nenos e nenas que se infecta co sincitial acaba ingresando no hospital.

Este contexto fai máis necesaria e recomendable a vacinación infantil contra a gripe. Porén, no primeiro mes da campaña a porcentaxe de nenos e nenas entre 5 e 59 meses que recibiu algunha dose da vacina (están indicadas dúas doses para as persoas que previamente nunca foran vacinadas) é do 27%, un total de 20.000 nenos e nenas vacinadas

Trátase dunha porcentaxe reducida, sobre todo se se compara coa da poboación de maior de 65 anos, da que o 71,92% foi vacinada. Por riba dos 60 anos a cobertura é do 65,81%, cun total de 580.000 persoas vacinadas

Trátase dunha porcentaxe reducida, sobre todo se se compara coa da poboación de maior de 65 anos, da que o 71,92% foi vacinada. Por riba dos 60 anos a cobertura é do 65,81%, cun total de 580.000 persoas vacinadas. A estes datos hai que engadir 25.000 profesionais sanitarios e  4.700 mulleres embarazadas que tamén recibiron a súa protección ante a gripe.

As taxas de cobertura de crianzas e de persoas de máis de 60 anos non poden ser comparadas, dado que esta é a primeira vez que nenos e nenas reciben a vacina e, en cambio, as persoas que maior idade contan xa cun hábito de inmunización estendido no tempo. Porén, buscando incrementar a porcentaxe de poboación infantil protexida, a Xunta anunciou este mércores a posta en marcha en Compostela dun "plan piloto" de citación aberta paraun gran número de nenos e nenas de 5 a 59 meses da área sanitaria de Santiago.

Presentación do plan piloto de vacinación infantil contra a gripe, este mércores en Santiago © Xunta

3.293 menores serán citados no Hospital Clínico para vacinarse da gripe este sábado pola tarde e o domingo pola mañá 

Así, 3.293 menores serán citados no Hospital Clínico para vacinarse da gripe este sábado pola tarde (entre as 15:30 e as 21 horas) e o domingo pola mañá (entre as 10 horas e as 14:30). Trátase de nenos e nenas con tarxeta sanitaria dos centros de saúde de Santiago cidade, coma o Concepción Arenal, Vite, Fontiñas, Conxo, Os Tilos, Cacheiras, Bembibre, Vedra, Folgueiras-Calo e Galeras, aos que se suman os de Milladoiro, Bertamirán, Boqueixón, Brión e Oroso.

A proba piloto “pretende facilitar e alcanzar coberturas máis altas en menos tempo, sobre todo polo adianto da gripe esta tempada”

A Consellería de Sanidade cualifica de "alta" a porcentaxe de menores vacinados e vacinadas contra a gripe ata agora en Galicia, pero aínda así busca "incrementala", porque nos casos de nenos e nenas, “ademais de evitar contraer a enfermidade, a vacina actúa de devasa para evitar a súa transmisión entre a poboación adulta”. O xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago, Federico Martinón, destaca que a proba piloto “pretende facilitar e alcanzar coberturas máis altas en menos tempo, sobre todo polo adianto da gripe esta tempada”.

Informe de actividade gripal. A enfermidade chegou antes esta tempada e de forma intensa © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.