Un de cada 56 nenos e nenas recentemente nados sans que se infecta co sincitial acaba ingresando no hospital. Así o conclúe o estudo internacional de máis de 9.000 bebés durante o seu primeiro ano de vida no que participa o Hospital Clínico de Santiago
"O virus respiratorio sincitial é o inimigo número un dos lactantes", asegura Federico Martinón, xefe do Servizo de Pediatría da área Sanitaria de Santiago e O Barbanza, que xunto ao xenetista Antonio Salas dirixe o grupo de investigación GENVIP do Instituto de Investigación Sanitaria de Compostela (IDIS) que participou nun estudo internacional sobre a afectación deste virus nos nenos e nenas recentemente nados na que se conclúe que un de cada 56 bebés recentemente nados sans que se infecta co sincitial acaba ingresando no hospital, tal e como acaban de publicar na prestixiosa revista especializada The Lancet Respiratory Medicine.
"A razón de que se publique na revista máis importante de infeccións respiratorias e coidados críticos, cun factor impacto superior a 100, é a alta precisión no dato que achegamos, tras o seguimento de máis de 9.000 recentemente nados sans durante polo menos un ano, vixiando especificamente que sucedía co virus respiratorio sincitial", conta Martión sobre a investigación na que participan desde o Hospital Clínico de Santiago.
"Só neste mes ingresaron máis nenos por esta infección en Santiago, que por COVID-19 en toda Galicia no total da pandemia", di Martinón
En concreto, o estudo seguiu a 9.154 bebés nados entre o 1 de xullo de 2017 e o 1 de abril de 2020 durante o seu primeiro ano de vida. "Só neste mes ingresaron máis nenos por esta infección en Santiago, que por COVID-19 en toda Galicia no total da pandemia", defende Martinón para explicar por que é necesario investigar sobre os tratamentos a levar a cabo cando este virus respiratorio sincitial (VRS) comeza a circular entre a poboación, como xa está sucedendo esta temporada.
"Levamos moitos anos traballando en VRS, pero o salto cualitativo foi nestes últimos anos. Só no Hospital Clínico de Santiago traballamos no desenvolvemento clínico de máis dunha ducia de solucións, entre antivirais, anticorpos monoclonais e vacinas para a muller embarazada, o lactante ou as persoas de idade avanzada", salienta o especialista en Pediatría.
"En contornas máis desfavorecidas a cousa aínda é peor, de feito, aí prodúcese a maioría dos 60.000 falecementos que cada ano causa o VRS en lactantes"
De feito, no artigo publicado en The Lancet Respiratory Medicine indican que "a inmunización de mulleres embarazadas ou bebés sans nados a termo durante a súa primeira tempada de inverno podería ter un efecto importante na carga de atención médica causada polas infeccións polo virus respiratorio sincitial".
Neste estudo participan cinco países, forma parte do consorcio europeo RESCEU, e está financiado polo programa europeo de investigación. "Son datos para países de alto nivel económico, e ratifican a enorme carga de enfermidade e sufrimento que o VRS supón para os nenos, e é que VRS é a verdadeiro COVID-19 dos nenos. En contornas máis desfavorecidas a cousa aínda é peor, de feito, aí prodúcese a maioría dos 60.000 falecementos que cada ano causa o VRS en lactantes", di Federico Martinón, quen asina o artigo xunto á doutora Ana Dacosta Urbieta como parte do RESCEU.
Federico Martinón celebra que "a recente aprobación pola Axencia europea do medicamento dun anticorpo monoclonal para prevención do virus respiratorio sincitial en todos os lactantes, e a inminente chegada de vacinas para as embarazadas co mesmo obxectivo, marcan un antes e un despois, unha revolución necesaria para poñer fin á infección máis temida nos lactantes", subliña Federico Martinón, tamén xefe do Servizo de Pediatría da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.