55 nenos e nenas galegos menores de 12 anos participan nun ensaio internacional coa vacina de Pfizer para a COVID

Unha enfermeira carga unha dose da vacina contra a COVID-19 CC-BY-SA Xunta

Xa recibiron a primeira dose no Hospital Clínico de Santiago, que participa neste estudo para valorar a seguridade e o funcionamento da vacina nos rapaces

Arredor de 55 galegos e galegas menores de 12 anos participan nun ensaio clínico internacional que proba por primeira vez a vacina de Pfizer-BioNTech contra a COVID-19 nesta poboación pediátrica. O Hospital Clínico de Santiago de Compostela é o único centro galego que forma parte deste estudo do que van formar parte 4.644 nenos e nenas menores de 12 anos de todo o mundo, 557 deles en España.

"O obxectivo é obter a información necesaria para completar a ficha técnica destas vacinas e dispoñer de todo o rigor e seguridade do seu funcionamento para que, chegado o caso, cando se indique e se é necesario, poder vacinar á poboación pediátrica tamén coas mesmas garantías coas que o estamos a facer na poboación adulta", asegura Federico Martinón, xefe do servizo de Pediatría da área sanitaria de Santiago e Barbanza.

Viais nun centro de vacinación CC-BY-SA Xunta

A primeira fase do estudo vai dos 5 aos 12 anos, pero preténdese chegar a nenos e nenas de 6 meses de idade

Os primeiros voluntarios recibiron este luns a primeira dose da vacina ou do placebo en Santiago e o Sergas informa de que está previsto que ao longo da semana se completen as 25 inmunizacións previstas na primeira fase para nenos de entre os 5 e ata os 12 anos. En fases posteriores, o ensaio clínico pretende chegar a nenos de 6 meses de idade.

Trátase dun estudo chamado de "dobre cego", que consiste en que a unha parte dos rapaces subministraráselles un placebo no momento inicial. Estes menores de 12 anos van recibir unha inxección cun intervalo aproximado de 3 semanas, segundo explica o Sergas, e aqueles que reciban placebo (un terzo dos participantes) terán a oportunidade de recibir a vacina dentro do mesmo estudo.

"Estudamos o comportamento desta vacina para corroborar que o seu perfil é similar ao que estivemos observando en adultos", di o xefe de Pediatría Federico Martinón

"É un estudo clínico coa vacina de ARN mensaxeiro. Estamos especificamente estudando o comportamento desta vacina, en termos tanto de seguridade como de funcionamento, para corroborar que o seu perfil é similar ao que estivemos observando en adultos. A participación de Galicia consistirá na inclusión de arredor duns 55 nenos e nenas a través da unidade de ensaios clínicos", explica Martinón.

O ensaio clínico céntrase "na avaliación da seguridade, tolerabilidade e inmunoxenicidade da vacina Pfizer-BioNTech COVID-19 na prevención desta enfermidade en nenos e nenas sans de 6 meses a 11 anos incluídos". Para levalo a cabo, os menores terán que acudir ao hospital para realizar controis, pois haberá un período de seguimento de cada neno de dous anos. Nais, pais e coidadores disporán dun diario electrónico para rexistrar calquera cambio na saúde dos menores. 

23.000 doses máis e case o 35% da 'poboación diana' vacinada por completo

Mentres a investigación sanitaria pescuda nas seguintes fase da vacinación, a que agora está en marcha para a poboación maior de 16 anos segue avanzando. Os datos actualizados este martes polo Ministerio de Sanidade indican que durante a xornada do luns foron administradas en Galicia algo máis de 23.000 doses de vacina

Case o 60% da poboación maior de 50 anos xa completou a pauta de vacinación en Galicia e máis da metade da poboación total ten polo menos unha dose 

O avance percíbese, sobre todo, no incremento de persoas coa pauta completa  (segundas doses, en todas as vacinas agás a monodose de Janssen) nos grupos de 50 a 59 e de 60 a 69 anos. En total, case 824.000 persoas están xa vacinadas por completo, preto do 35% da poboación diana.  

Sempre segundo a última actualización do Ministerio, ata este luns foran administradas en Galicia 2,09 millóns de doses de vacina, o 92,7% das recibidas. Isto supón algo máis de catro puntos por riba da media estatal. Mentres o Sergas comeza a vacinar a poboación menor de 49 anos (case un 15% recibiu xa polo menos unha dose), entre as persoas que teñen 50 ou máis anos xa están vacinadas por completo case o 60% (uns nove puntos por riba da media estatal) e o 96% recibiron polo menos unha dose.

Mentres, a porcentaxe entre o total de maiores de 16 anos que xa recibiron cando menos unha dose vaise aproximado ao 60%, ao chegar xa a 1,35 millóns de persoas. Isto implica que máis da metade da poboación total de Galicia xa recibiu cando menos unha dose.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.