Novo descenso nos casos activos de COVID en Galicia e estabilidade nas hospitalizacións no día no que comeza a vacinación das persoas menores de 50 anos e no que un terzo da poboación a vacinar recibiu xa as dúas doses.
Un terzo da poboación 'diana' foi vacinada xa coa pauta completa
Segundo os datos feitos públicos este domingo pola Consellería de Sanidade, cos rexistros ata as 18 horas do sábado, en Galicia hai 94 casos activos menos de COVID ata quedar nos 1.851, unha cifra que non se alcanzaba desde o mes de agosto.
Galicia mantén varios días de importante tendencia á baixa nos casos activos, cunha redución diaria de arredor dun cento.
Son 333 da área da Coruña, 240 da de Lugo, 158 da de Ourense, 212 da de Pontevedra, 488 da área de Vigo, 324 da de Santiago e 96 da de Ferrol.
Ademais, o número de persoas hospitalizadas por COVID mantense en 84, aínda que son dúas máis na UCI (15) que na xornada anterior.
En canto aos contaxios detectados con probas diagnósticas de infección activa (PDIA), caen ata 74 logo de superar o cento da anterior xornada e desois de que se realizasen case 2.000 PCR menos.
En Galicia hai 94 casos activos menos de COVID, ata 1.851
Xa que logo, Galicia rexistra un total de 2.426 persoas falecidas diagnosticadas con COVID desde o inicio da pandemia, logo dunha xornada na que non se notificaron novos pasamentos.
As últimas mortes por coronavirus foron comunicadas o venres: un home de 73 anos hospitalizado no CHUS de Santiago e unha muller de 67 anos no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, ambos os dous faleceron o pasado 3 de xuño e tiñan patoloxías previas.
O 54,4% da poboación 'diana' foi vacinada polo menos cunha dose
Ademais, as persoas vacinadas con pauta completa contra a COVID en Galicia superaron xa as 786.000, o que supón que o 33,3% da poboación susceptible de recibila xa foi inoculada. Un terzo da poboación diana (a maior de 16 anos), mentres que o 54,4% desta conta con polo menos unha dose.
Así, polo de agora recibiron cando menos unha dose un total de 1.164.322 persoas maiores de 50 anos, un 91,2% da poboación galega a partir desa idade.
En resumo, o 54,4% da poboación a vacinar en Galicia xa recibiu polo menos unha dose. Entre elas, incluiranse as 3.400 persoas de entre 40 e 49 anos que este domingo están citadas no Gaiás, en Santiago, para iniciar a quenda deste grupo de idade, que seguirá desde este luns noutros puntos en toda Galicia.