Galicia rexistrou en maio un 35% menos de novos casos da COVID que en abril malia á fin do Estado de Alarma

Cribado da COVID en Forcarei, nunha imaxe de arquivo, e evolución de casos novos en abril e maio de 2021 CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Forcarei | Montaxe: Praza Pública

A Consellería de Sanidade completou este 2 de xuño os datos da COVID-19 correspondentes ao derradeiro día de maio, o que permite observar a evolución do mes completo. Ese mes, que transcorreu dende o día 9 xa sen o Estado de Alarma vixente dende o pasado outubro, rematou con 3.334 novos casos do coronavirus rexistrados en Galicia, isto é, unha media duns 146 ao día.

En maio o Sergas rexistrou pouco máis de 3.300 novos casos da COVID-19 e en abril foran case 5.200

A fin do Estado de Alarma foi o fito máis destacable de maio no que ao réxime de restricións para conter o virus se refire. Chegou tras un mes de abril marcado no seu inicio pola Semana Santa, con algunhas relaxacións de medidas e máis encontros que se traduciron, en boa parte do territorio, en leves repuntas de novos casos da COVID-19. Nese mes, o Sergas rexistrou 5.165 casos novos, algo máis de 172 de media diaria. Daquela, maio rematou cun 35% menos de casos novos que abril.

Esta evolución epidemiolóxica en abril e maio, que corre paralela ao avance do proceso de vacinación, dá paso a un mes de xuño que comeza con aínda máis acougo nas cifras de casos novos, sempre falando en termos globais para toda Galicia. Este 2 de xuño, o Sergas informa de 82 casos novos, os detectados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes. É o terceiro ciclo de vinte e catro horas consecutivo por baixo do centenar tras sete días completos cunha media de 110 novas infeccións diagnosticadas ao día.

Xuño comezou con menos de cen casos novos ao día e as incidencias a 7 e 14 días descendendo aos poucos para o global de Galicia

A situación de estabilidade e mesmo leve descenso é aínda máis significativa ao abrirmos máis o foco e observarmos a serie completa de incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a 7 e 14 días para o conxunto de Galicia. A tendencia a unha mellora paseniña segue sendo evidente mesmo malia á ralentización do decrecemento da incidencia a 7 días, que con 28 casos novos por cada cen mil habitantes é o dato máis baixo dende mediados de agosto de 2020, cando a capacidade diagnóstica do Sergas era moito menor que a actual.

Tamén a incidencia acumulada a 14 días segue baixando lentamente. Sitúase agora arredor dos 68 casos novos por cada cen mil habitantes e o feito de que este valor sexa máis do dobre que o dato a 7 días reforza tamén a tendencia á baixa. O dato global a 14 días é semellante ao acadado a principios do pasado abril, se ben daquela volveu ascender un chisco tras a Semana Santa.

Sobre o mapa, a incidencia acumulada a 14 días segue sendo desigual e continúa, a grandes trazos, acougando aos poucos. Concellos como A Pobra do Caramiñal e Mos -que seguirán en nivel máximo de restricións ata, cando menos, finais da semana que vén- seguen marcando os valores máis elevados xunto con outros como Xove ou Viveiro. Así e todo, resulta significativo que un único concello galego, Mos (algo máis de 15.000 habitantes) supera os 500 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días, cando en anteriores vagas foron moitos os municipios que, tras empeoraren con rapidez, superaban o limiar dos mil neste mesmo indicador.

Na banda contraria seguen situándose un bo número de concellos libres da COVID, cuxa cifra total segue transitando por cifras estables. Nun total de 140 non houbo casos novos en 14 días -en días pasados chegaron a ser 150- e en 184 non se rexistrou ningún nos últimos sete días.

Un cento menos de hospitalizacións que hai un mes

Mentres todo isto sucede, tamén segue acougando aos poucos a presión nos hospitais. As 111 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 nos hospitais galegos son dúas máis que vinte e catro horas antes, pero 27 menos que hai unha semana e un centenar menos que a principios de maio. Delas están na UCI un total de 21. Hai unha semana eran dez máis e hai un mes, trinta máis.

Neste escenario, a media diaria a 7 de falecementos de persoas coa COVID-19 en Galicia segue sendo inferior a 1. Tras a notificación dun novo falecemento datado no 31 de maio, o total sitúase en 2.420.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.