Seis sinais para a esperanza na evolución da COVID en Galicia alén da 'foto fixa' de cada día

Un traballador do Sergas prepara unha dose de vacina contra a COVID-19 para a súa inxección CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza Pública

Se ollamos a foto fixa dos datos de evolución da COVID-19 en Galicia notificados este domingo, 30 de maio, poderiamos afirmar que o Sergas rexistrou 124 casos novos, o que supón un incremento a respecto do día anterior. Tamén que a cifra de hospitalizacións, 117, empeora con relación á xornada previa. Mesmo sería posible afirmar que o descenso no número de casos "positivos activos" se estanca, porque diminúe en 50 por segundo día consecutivo.

A 'foto fixa' do domingo pode falar de empeoramento se a comparación se realiza unicamente coa xornada previa. Pero a observación das cifras con contexto falan de xusto o contrario, con bos sinais nos principais indicadores de evolución da pandemia

Sendo todo isto certo, non o é menos que esa foto fixa, baseada na comparación do dato puntual dun día coas cifras da xornada previa, cada vez é menos informativa e pode actuar como distorsión se é observada sen contexto. E o contexto, neste caso, segue falando de tendencias estables e mesmo á baixa entre diversos sinais que, dende a necesaria cautela tras máis dun ano de pandemia, convidan á esperanza. Velaquí media ducia deles:

Media de diagnósticos á baixa

Os devanditos 124 casos novos notificados este domingo polo Sergas, os rexistrados entre as seis da tarde do venres e a mesma hora do sábado, son efectivamente dez máis que no anterior ciclo de vinte e catro horas. Pero tamén é certo que na mesma xornada de hai sete días -unha comparación máis precisa- foran 173. E tamén o é que, en termos de días naturais, a media diaria de diagnósticos de infección activa transita polo seu período máis estable dende o verán de 2020, retomando ademais unha liña descendente nas últimas xornadas.

Coa información do último día completo dispoñible (o venres, día 28), en Galicia vénse diagnosticando unha media diaria dunhas 125 infeccións activas por COVID-19 nos últimos sete días. Unha semana antes, ese dato situábase en 147 e dúas semanas antes, en 163. Esta mellora, paseniña pero continua, prodúcese ademais en pleno proceso de levantamento gradual das restricións tras a fin do Estado de Alarma que o Goberno de España mantivo vixente dende outubro de 2020.

A menor hospitalización en nove meses

Tampouco é preciso ler o devandito incremento puntual das hospitalizacións sen o seu contexto. As 117 persoas ingresadas nos hospitais galegos con test positivo do coronavirus ás seis da tarde do sábado eran, efectivamente, dez máis que vinte e catro horas antes. Pero tamén é certo que é frecuente que durante as fins de semana os hospitais tramiten menos altas. E non o é menos que esta cifra total diminúe en 21 os pacientes ingresados coa COVID-19 que había unha semana antes. No caso das UCI, as 28 persoas ingresadas o sábado eran dúas menos que unha semana antes.

Abrindo un chisco máis o foco, as cifras de hospitalización de pacientes coa COVID da última semana son as máis baixas dende finais de agosto de 2020. Así e todo, as diferenzas con aqueles días son dúas, ambas relevantes: a capacidade diagnóstica do Sergas era daquela moito menor e ademais, naquel momento a presión hospitalaria emprendera xa unha tendencia ascendente; agora, sucede xusto o contrario aínda que o ritmo sexa máis pausado. 

Incidencias acumuladas contidas e volvendo baixar

O acougo nas cifras de casos novos detectados tras o lixeiro incremento posterior á Semana Santa reflíctese nuns indicadores de incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) que, igualmente, avanzan nunha liña descendente calma, pero continuada. A incidencia acumulada a 14 días rolda agora os 71 casos novos por cada cen mil habitantes e a 7 días sitúase arredor dos 32, menos da metade, o que apunta a esa tendencia descendente.

Ao compararmos as incidencias acumuladas coas dos mesmos días da semana anterior, os sinais tamén volven ser bos. A coñecida como "razón de taxas" indica tendencia descendente se o resultado da división é inferior a 1, e ascendente se é superior. Tanto a incidencia a 14 días como o indicador a 7 días son agora menores que hai unha semana.

Gromos locais, pero uns 150 concellos sen casos e estabilidade urbana

A boa evolución dos datos globais de Galicia prodúcese malia aos gromos detectados nas últimas semanas. Aqueles sobre os que as autoridades sanitarias manifestan agora maior preocupación son, por exemplo, os que atinxen a concellos da Mariña e da Terra Chá como Viveiro e Vilalba e cadansúas áreas de influencia, os de municipios como A Pobra do Caramiñal -cun encontro festivo privado como foco- ou Mos -cun bo número de casos ligados cun centro de ensino-. No caso do gromo mariñao, ademais, o Sergas alertou do feito de que un paciente de 35 anos tivo que ser atendido na UCI.

Alén de focos locais, como os máis recentes na Pobra do Caramiñal, Mos, Viveiro ou Vilalba, o número de concellos sen casos mantense estable e a incidencia nas sete principais cidades tamén segue contida

Malia estes e outros focos (como os que atinxen á contorna de Ordes, a puntos de Ourense ou do sur da provincia de Lugo), o número de concellos sen casos novos da COVID-19 nos últimos 14 días veuse mantendo estable entre os 130 e os 140 dende hai semanas e na última mesmo acadou os 150. Os datos deste sábado, 29, reflicten que son 149 e que, ademais, en 186 non houbo casos novos nos últimos sete días.

Os concellos libres de COVID son, maioritariamente, municipios pouco poboados. Pero nos de maior poboación, as sete principais cidades, os sinais tampouco son malos. En termos de incidencia acumulada a 14 días, a estabilidade segue sendo a tónica dominante nas sete principais cidades, con tendencias á mellora nas de máis habitantes (Vigo e A Coruña). A tendencia relativamente peor é nos últimos días a de Pontevedra, que pasa a ser a de maior incidencia acumulada a 14 días en cifras moi semellantes ás de Vigo; ambas sitúanse, así e todo, na contorna dos 100 casos novos por cada cen mil habitantes.

Menos dun falecemento ao día

Toda esta evolución reflíctese tamén nas cifras de falecementos oficialmente ligados á pandemia, cun total actual de 2.417. Dende o mes de abril, Galicia volveu rexistrar días sen mortes de persoas que contraeran a COVID-19 e mostra disto é que só contra finais de maio, durante uns poucos días, a media de falecementos a sete días volveu ser superior a 1 por xornada.

Neste cambio de tendencia inflúe de xeito moi notable a mudanza da situación nas residencias de maiores e persoas con discapacidade dende o remate da vacinación. Así, dende o mes de marzo non se produciron falecementos de persoas coa COVID que vivisen nestes centros. Seguen sendo, daquela, un total de 790.

Avance na vacinación

A vacinación é clave nas cifras de falecementos e de persoas con enfermidade grave por mor da COVID-19, e algúns estudos sinalan que tamén na transmisión. O proceso de administración das vacinas segue a avanzar e, malia ao ritmo máis irregular da última semana, Galicia xa atravesou o limiar do 50% da poboación diana, a maior de 16 anos, con cando menos unha dose administrada e máis da cuarta parte deste grupo de habitantes xa completou a pauta, que consiste en dúas doses agás na vacina de Janssen, cunha soa.

Máis de 1,2 millóns as persoas que recibiron cando menos unha dose de vacina e case 670.000 as que xa teñen posta a pauta completa

Os datos actualizados pola Consellería de Sanidade este domingo (os balances de vacinación do Ministerio só se actualizan de luns a venres) indican que xa son algo máis de 1,2 millóns as persoas que recibiron cando menos unha dose de vacina e case 670.000 as que xa teñen posta a pauta completa. Deste xeito, é posible afirmar que na primeira metade do mes de xuño máis da metade do total da poboación (contando tamén á menor de 16) terá xa recibido polo menos unha dose.

Por franxas de idade, os últimos avances máis significativos sitúanse nas segundas doses da poboación de 70 a 79 anos e nas primeiras de quen teñen entre 60 e 69. Tamén é relevante que máis da metade da poboación de entre 50 e 59 xa recibiu cando menos unha dose. Os seguintes chanzos relevantes serán a administración de segundas doses ás persoas entre 60 e 69 anos e o inicio da vacinación á poboación menor de 50 anos, que a Consellería de Sanidade sitúa xa para a primeira semana de xuño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.