Encontros de ata dez non conviventes no exterior na nova fase da 'desescalada' mentres a COVID segue contida en Galicia

Cribado da COVID en Ourense e restricións previstas pola Xunta a partir do 29 de maio CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

A incidencia acumulada da COVID-19 en Galicia transita polo seu período máis estable dende o verán de 2020 e continúa nunha paseniña contención que a sitúa na contorna dos 76 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días. O indicador a 7 días, malia experimentar lixeirísimos incrementos nas últimas xornadas, segue por baixo dos 40 casos (39,48) e en menos da metade que a 14, o que amosa que a tendencia levemente descendente continúa.

A Xunta prevé manter o veto xeral ás reunións de non conviventes entre a 1 e as 6 da mañá e, nos concellos en nivel medio e baxio, ampliar a capacidade do comercio e eventos culturais do 50% ao 75% dende o sábado 29

Este é o contexto no que a Xunta vén de confirmar que, dende o vindeiro sábado 29, prevé relaxar un chisco as restricións aínda vixentes sobre os encontros entre non conviventes e tamén sobre actividades coma o comercio ou eventos culturais. Agás nos concellos en nivel máximo de restricións -dende esa data serán A Pobra do Caramiñal, Mos e Lobios-, o número máximo de persoas non conviventes que se poderán xuntar pasará de 6 a 10 ao aire libre e de 4 a 6 en espazos interiores.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmaba este mércores que o que si se manterá sen cambios, cando menos de momento, é o veto aos encontros entre non conviventes entre a 1 e as 6 da madrugada (cadrando co peche da hostalería). Estes cambios nas medidas terán que ser ratificados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia -que xa ratificou as impostas na mesma liña dende a fin do Estado de Alarma-, pero agora con carácter previo á súa entrada en vigor, en virtude da nova doutrina do Tribunal Supremo. A Xunta prevé, non obstante, poder aplicalas dende as 00:00 do sábado.

Alén desas restricións que requiren visto e prace da Xustiza por atinxiren a dereitos fundamentais, a Xunta prevé incluír nesas mudanzas unha relaxación dos límites de capacidade "nos establecementos comerciais, reunións profesionais" e "actividades culturais ou académicas". A norma xeral pasará do 50% ao 75% da capacidade do local ou recinto sempre que sexa posible manter a distancia de seguridade dun mínimo de 1,5 metros e sempre que o local se atope nun concello en nivel medio ou baixo de restricións.

O permiso para que as persoas residentes en centros de maiores poidan saír ata catro horas todos os días se a residencia está nun concello en nivel medio ou baixo completa as novidades -á espera da súa publicación no Diario Oficial de Galicia- nunha desescalada que continúa mentres o acougo das cifras epidemiolóxicas é evidente. Este mércores, o Sergas notifica 130 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes (son apenas 2 máis que o mesmo día da semana anterior).

En termos de días naturais -das 00:00 ás 23:59 de cada xornada-, nos últimos sete con datos completos (ata o luns, 24) rexistrouse unha media de 152 casos diarios -contando todos os test- e nos sete anteriores, uns 144 ao día. Tendo en conta que na anterior semana se inclúe a ponte festiva das Letras Galegas, coa conseguinte diminución de probas diagnósticas, é posible afirmar que estas cifras reflicten estabilidade e que non se albiscan repuntas a nivel xeral galego, alén dos gromos e focos locais nalgúns concellos con maior incidencia.

Esas diferenzas xeográficas amósanas os datos de incidencia acumulada a 14 días por áreas sanitarias. Así, tras semanas nas que a contorna do Salnés situara a área sanitaria de Pontevedra á cabeza deste indicador, hai xa días que traza unha curva claramente descendente e baixa xa dos 90 casos novos por cad acen mil habitantes.

A área con maior incidencia acumulada a 14 días é agora a de Vigo (influída, entre outros aspectos, polos gromos detectados en Mos, que entra en nivel máximo de restricións dende o sábado). É a única que supera os 100 casos novos por cada cen mil habitantes e, así e todo, mantense relativamente estable.

Na banda contraria segue, dende finais de abril, a área sanitaria de Ferrol. Esta área segue lonxe do nivel dos 50 casos novos por cada cen mil habitantes que as autoridades sanitarias fixan como obxectivo para dar pasos máis longos na desescalada e marca uns 39. A única tendencia claramente ascendente nos últimos días veu sendo a da área sanitaria de Santiago, polo empeoramento no Barbanza, e máis recentemente a de Lugo, polos focos detectados en concellos como Vilalba ou Viveiro.

A menor presión hospitalaria dende agosto

Este é o escenario no que o número de pacientes coa COVID-19 que precisan asistencia hospitalaria segue sendo o menor dende finais de agosto do pasado ano. As 138 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus ás seis da tarde deste martes son vinte e catro menos que hai unha semana. Delas están na UCI un total de 31 e sete días antes eran sete máis.

Ao tempo, os indicadores de mortalidade tamén seguen en mínimos da pandemia. Na última semana rexistrouse menos dun falecemento diario de persoas coa COVID-19 (cómpre ter en conta que non todas estas mortes son directamente atribuíbles ao virus) e o total sitúase en 2.413.

O 50% da 'poboación diana' con cando menos dose de vacina

Tras a administración de algo máis de 17.000 novas doses, o 25,9% ten xa a pauta completa

Mentres todo isto sucede, a campaña de vacinación volve recuperar aos poucos un maior ritmo. A información actualizada polo Ministerio de Sanidade este 26 de maio reflicte algo máis de 17.000 doses máis administradas en Galicia e ratifica que este mércores o país atravesa o limiar do 50% da poboación diana (a maior de 16 anos) con cando menos unha dose posta, toda vez que os datos pechados o martes quedaron no 49,5%.

As 1,76 millóns de doses que leva administradas o Sergas supoñen o 96,2% das recibidas ata agora (uns 3 puntos por riba da media estatal). Nos últimos días, boa parte dos avances foron en segundas doses, as que dan a pauta completa nas vacinas de Pfizer-BioNTech, AstraZeneca e Moderna. As máis de 612.000 persoas con pauta completa son o 25,9% da poboación diana en Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.