Mil persoas nas verbenas, ata dez mil en festivais: o plan da Xunta para 'desescalar' na música ao vivo no exterior

Concerto nas festas da Ascensión de Santiago, o pasado maio, co público sentado e coas distancias obrigadas para cumprir as restricións da pandemia © Concello de Santiago

As últimas modificacións das restricións da Xunta pola COVID-19 trouxeron consigo algunhas relaxacións de medidas en ámbitos como as atraccións de feira. Non obstante, unha actividade colateral a esta, a das orquestras, segue pendente do que acontecerá coas limitacións de capacidade e medidas de seguridade que o Goberno galego disporá para poderen actuar. O mesmo acontece coas entidades promotoras de concertos e festivais, dende as pequenas asociacións e colectivos culturais e veciñais ata as grandes empresas do sector.

Os plans da Xunta aínda non están plasmados no Diario Oficial de Galicia, pero tras semanas de globos sonda en declaracións de Alberto Núñez Feijóo, a pasada fin de semana o vicepresidente Alfonso Rueda -a quen corresponden as competencias en materia turística- e os conselleiros de Cultura e Sanidade, Román Rodríguez e Julio García Comesaña, concretaron cal é o plan, aínda sen data. A grandes trazos: ata mil persoas nas verbenas e ata dez mil en concertos e festivais.

Concerto na semana cultural que substituíu o San Froilán de Lugo en 2020, adaptado ás restricións da pandemia © Concello de Lugo

Mil persoas nas verbenas e "contacto físico" só entre conviventes

Coa estabilidade epidemiolóxica e o avance da vacinación como pano de fondo, a Xunta sinala que nese protocolo haberá un primeiro apartado para "espectáculos ao aire libre con baile" co que denomina "afluencia media". Esta sería a categoría das "festas populares con verbenas, orquestras ou concertos con asistentes de pé". Neles, a Xunta prevé aplicar estas medidas específicas:

  • Asistencia máxima de mil persoas.
  • Público en pé, con máscara e distancia de seguridade
  • Ata o 33% da superficie do recinto.
  • Sen contacto físico entre non conviventes.

Sempre segundo o avanzado pola Xunta, a estas normas específicas engadiríanse outras xerais que tamén afectarían aos eventos de maiores dimensións. Entre elas, destaca o feito de que só se poidan celebrar en concellos "cunha baixa incidencia acumulada" da COVID-19, indica sen ofrecer unha cifra orientativa, polo momento. Tamén a necesidade de poñer á disposición do público elementos como dispensadores de xel desinfectante.

Cinco mil ou dez mil persoas en concertos e festivais ao aire libre

Para o que o Goberno galego denomina "espectáculos ao aire libre de grande afluencia", como concertos de gran formato ou festivais, o plan pasa por que poidan asistir ata 5.000 persoas ou mesmo "ata as 10.000, en función das características do recinto". Este segundo limiar foi o sinalado por Feijóo para o compostelán Monte do Gozo. Neles, a Xunta di prever aplicar estas medidas específicas:

  • Asistencia máxima de 5.000 ou 10.000 persoas, en función do recinto.
  • Ata o 50% da capacidade do recinto.
  • Público sentado, con máscara e distancia de seguridade.
  • Venda e reserva de etradas "por adiantado" e asentos "preestablecidos".
  • Rexistro de asistentes para rastrexo no caso de positivos por COVID.
Concerto no Vive Nigrán do 2020, adaptado ás restricións da pandemia © Vive Nigrán

Sinala a Xunta que estas medidas serán probadas en "cinco probas piloto en cinco concellos diferentes" o vindeiro 19 de xuño. Sobre a mesa quedan aínda, un bo número de incógnitas; unha das máis salientables, as condicións nas que se permitirá comer ou beber nestas actividades. Segundo a Xunta, este é un dos "diferentes aspectos" que segue a "tratar" co sector.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.