Santiago recupera as festas da Ascensión tras o ano suspendido pola COVID

Música tradicional polas rúas de Santiago no inicio das festas da Ascensión de 2021 © Concello de Santiago

Coas recomendacións de máscara, xel e distancia de seguridade na primeira páxina do programa festivo e con eventos adaptados ás precaucións da pandemia, pero a Ascensión está de volta. As festas máis picheleiras regresan neste 2021 cun programa aínda condicionado pola COVID e tamén pola meteoroloxía, pero así e todo presente tras a suspensión de 2020, obrigada pola propia pandemia.

As gañas de que retornasen as festas que a veciñanza de Santiago considera máis súas observáronse na alta demanda dos convites para os concertos e actividades ao aire libre, con prazas limitadas para cumprir a normativa sanitaria. O concerto da noite do propio Día da Ascensión (este 13 de maio, festivo en Compostela) que encabeza Andrés Suárez, o concerto de De Vacas programado para o día 14 ou o o de Maria Arnal e Marcel Bagés, do día 15, son algunhas das citas festivas que esgotaron a billeteira.

Mentres o Concello compostelán recomenda seguir as súas redes sociais para estar ao tanto das novidades sobre as entradas, veciñanza e visitantes ollan ao ceo para ver se a chuvia respecta unha Ascensión que aínda non pode ter as clásicas atraccións e feira na Alameda, pero na que si están previstas as tradicionais alboradas, o torneo de chave, actuacións de grupos e baile tradicional ou o concerto da Banda Municipal. Tamén se inclúe no programa outros eventos, como a entrega dos premios Follas Novas do libro galego. Todo ata o domingo, día 16.

"Esperamos que esta sexa a última Ascensión que se celebra en condicións de pandemia"

Espazos emblemáticos da cidade como a Praza do Obradoiro ou a Praza da Quintana son os centros dunha festa que este ano leva ao seu cartel unha representación dunha antiga atracción de feira, A sorte do paxariño. Lembra o edil de festas de Santiago, Gonzalo Muíños, que o paxaro "saía da gaiola a petición dos veciños e collía un papeliño cunha pensaxe de boa ventura".

Con este símbolo, sinala, o Concello quere representar o desexo de que "esta Ascensión veña chea de bos desexos" e "sexa a última que se celebra en condicións de pandemia". De ser así, en 2022 volverán citas clásicas como a festas dos maiores e a feira cabalar. Mentres, sinala, o consistorio seguirá "facendo actividades de xeito seguro".

Cartel das Festas da Ascensión deste 2021 © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.