Galicia conta nestes momentos co 44% da súa poboación adulta vacinada contra a COVID, cando menos cunha dose. Ao redor da metade (o 22% do total das persoas maiores de 16 anos) ten xa a pauta completa e o resto agarda pola segunda dose. As cifras, aínda lonxe do desexado obxectivo da inmunidade de grupo, son moito máis elevadas das que se rexistraban hai un mes ou dous, e son o resultado dun importante incremento no ritmo de vacinación nas últimas semanas. Nos últimos 30 días administráronse case 800.000 doses, ao redor da metade do número total de doses aplicadas dende decembro.
Nos últimos 30 días administráronse case 800.000 doses, ao redor da metade do número total de doses aplicadas dende decembro. O 44% da poboación adulta recibiu cando menos unha dose
Esta aceleración no proceso, derivado do incremento do número de doses enviadas ao Estado Español polos distintos fabricantes, podería permitir que no comezo do verán, a finais de xuño, o groso da poboación maior de 40 anos estea xa vacinada, cando menos cunha dose. Semella que a práctica totalidade das persoas por riba de 50 anos si que o estarán, mesmo coa pauta completa (dúas doses na maioría dos soros, agás no de Janssen, monodose).
A única excepción serán as persoas entre 60 e 69 anos ás que lles foi administrada nas últimas semanas unha primeira dose de AstraZeneca e que en principio deberán agardar a setembro pola segunda dose. De igual xeito, as persoas entre 40 e 49 anos, que en teoría comezarán a recibir a mediados de xuño a primeira dose da vacina que lles corresponda (probablemente Pfizer ou Moderna), deberán agardar a xullo para ter a pauta completa.
Esta aceleración no proceso podería permitir que no comezo do verán, a finais de xuño, o groso da poboación maior de 40 anos estea xa vacinada, cando menos cunha dose
O avance do proceso de vacinación está tendo un efecto moi claro nas cifras de hospitalizacións de persoas enfermas de COVID e de mortes, en claro descenso nos grupos de idade cunha maior porcentaxe de poboación protexida, especialmente os e as maiores de 80 anos. Espérase que no comezo do verán, aínda que se sigan a producir contaxios entre as persoas de menos de 50 anos (as xeracións máis novas son as que presentan nestes momentos unha maiores cifras de incidencia), estes casos positivos impliquen poucos casos graves (mortes e hospitalizacións). Cómpre lembrar, en todo caso, que as persoas que sofren casos asintomáticos ou con síntomas leves si poden sofrer as duras secuelas do denominado 'COVID prolongado'.
Galicia leva mes e medio recibindo ao redor de 150.000 doses semanais, unha cifra que chegou a ser de 237.000 a semana pasada. Este incremento baséase na constancia da distribución da vacina de Pfizer, que mesmo aumentou ata consolidarse por riba das cen mil doses semanas. Ademais, aínda que de forma máis irregular, en abril e maio aumentaron tamén os envíos de Modera e AstraZeneca e comezaron a chegar os de Janssen, aínda que en números moito máis reducidos.
O proceso de vacinación está centrado na administración das primeiras doses ao grupo de idade entre 50 e 59 anos e da segunda dose ás persoas entre 70 e 79
Neste semana o proceso de vacinación está centrado na administración das primeiras doses ao grupo de idade entre 50 e 59 anos e na aplicación da segunda dose ás persoas entre 70 e 79. Por riba de 60 anos a porcentaxe de persoas que recibiron cando menos unha dose da vacina supera o 95%. Porén, as porcentaxes de persoas coa pauta completa aínda varían moito, sendo moi reducidas entre as persoas entre 60 e 69 anos (apenas o 5%).
Hai aínda 300.000 persoas entre 50 e 59 anos que non recibiron ningunha dose e case 800.000 entre 25 e 49 anos
O proceso é longo e aínda é moita a poboación pendente de recibir as súas vacinas, especialmente por debaixo dos 60 anos. O camiño percorrido e pendente de percorrer pódese observar con claridade no seguinte gráfico. O proceso está xa próximo ao 100% entre os maiores de 80 anos e achégase tamén a esa porcentaxe no grupo de idade seguinte.
Porén, hai aínda 300.000 persoas entre 50 e 59 anos que non recibiron ningunha dose e case 800.000 entre 25 e 49 anos. Quedan aínda varios meses para acadar a desexada inmunidade de grupo.
Cantos meses? É imposible predicilo, pois o avance do proceso non é lineal e depende de moitos factores, comezando polo ritmo de chegada ao Estado Español e a Galicia das doses comprometidas das distintas vacinas. En principio este ritmo debería continuar aumentando e de feito Pfizer xa a anunciou un aumento dos seus envíos no mes de xuño.
Co ritmo de vacinación do último mes, ao redor do 21 de xuño poderíase chegar ao 70% da poboación vacinada con cando menos unha dose, acadando a pauta completa dese 70% a finais de agosto
Pódese facer unha proxección baseada no ritmo actual de avance da vacinación, aínda que cómpre ter en conta que en cada momento o número de primeiras doses e de segundas doses administradas é distinto. E, igualmente, que a maior administración das vacinas de Janssen (monodoses) aceleran o incremento das persoas coa pauta completa.
En base a isto, e atendendo ao ritmo de crecemento do número de persoas con cando menos unha dose e coa pauta completa nos últimos 30 días, a gráfica amosa que ao redor do 21 de xuño se podería chegar ao 70% da poboación vacinada con cando menos unha dose e que mantendo o ritmo un hipotético 100% (da poboación maior de 16 anos) se podería acadar a comezos de agosto. En canto á pauta completa, que é a que asegura a total eficacia das vacinas e a completa protección ante os efectos graves da COVID, o 70% da poboación podería tela a finais de agosto.
Máis contaxios entre as persoas novas e moitas menos hospitalizacións e mortes
E cal é a situación epidemiolóxica neste momento? A Incidencia Acumulada da enfermidade (número de casos detectados por habitante) atópase nunha meseta dende hai máis de dous meses. Despois do descenso dende os picos acadados na terceira vaga da pandemia, o número diario de casos mantense estable ao redor dos 100 positivos por cada 100.000 habitantes en 14 días, cunha cuarta onda motivada polos desprazamentos da Semana Santa que finalmente foi unha 'ondiña'.
O grupo de idade con máis positivos detectados por habitante é o de entre 10 e 19 anos, seguindo do de 30-39
Con todo, advírtense grandes diferezas no número de positivos en función do grupo de idade. As persoas de 50 anos ou menos superan amplamente as cifras xerais de contaxios, con incidencias que se moven entre os 113 e os 136 casos por cada 100.000 habitantes, fronte a unha media galega que rolda os 90. O grupo de idade con máis positivos detectados é o de entre 10 e 19 anos, seguindo do de 30-39.
Pola contra, os grupos de maior idade veñen reducindo progresivamente o seu número de contaxios detectados. As persoas de 80 anos e máis (completamente vacinadas) teñen unha incidencia de ao redor de 22 casos por cada 100.000 habtiantes en 14 días, 4,5 veces por debaixo da media galega e 7 veces por debaixo das xeracións máis novas.
O efecto máis claro do avance do proceso de vacinación está na redución do número de hospitalizacións, de ingresos en UCI e de mortes provocadas pola COVID. O efecto é evidente entre os grupos de maior idade, que ao mesmo tempo eran os que rexistraban un maior número de casos graves de COVID (con resultado de ingreso hospitalario ou defunción) e tamén son os que en maior medida están protexidos polas vacinas.
Nos últimos 30 días houbo 131 ingresos hospitalarios de persoas de 70-79 anos, 578 de persoas de 60-69 anos, 106 de persoas de 50-59 anos, 93 de persoas de 40-49 anos. E só 60 de persoas de máis de 80 anos
Nos últimos 30 días producíronse 19 mortes de persoas de 80 anos ou máis, cando en marzo foran 47 as defuncións e en xaneiro e febreiro foran 288 e 284, respectivamente.
Sucede o mesmo nas hospitalizacións. Nos últimos 30 días producíronse 60 ingresos hospitalarios de persoas de 80 anos e máis con COVID, fronte ás 898 de xaneiro, ás 514 de febreiro e ás 150 de marzo. De feito, as persoas de maior idade xa non son as que máis teñen que ser hospitalizadas por complicacións relacionadas con esta enfermidade. Todo o contrario: nos últimos 30 días houbo 131 ingresos de persoas de 70-79 anos, 578 de persoas de 60-69 anos, 106 de persoas de 50-59 anos, 93 de persoas de 40-49 anos e mesmo 42 de persoas de 30-39 anos.