A pandemia de COVID, que en Galicia sufrimos dende hai 14 meses, pasou por varias fases. Ondas nas que os contaxios, hospitalizacións e mortes se dispararon e tamén períodos de redución da incidencia. Durante todos estes meses as persoas de maior idade foron as máis afectadas polo virus, que sumou entre os as as maiores de 80 anos máis do 70% das vítimas mortais.
Os positivos detectados entre a poboación de 80 anos e máis supoñen só o 3,92% do total, cando entre decembro e febreiro representaban ao redor do 8% e en novembro superaran o 10%
Porén, dende hai tres meses o avance do proceso de vacinación está conseguindo reducir de forma evidente os peores efectos da COVID entre os colectivos nos que a vacinación acadou porcentaxes maiores. Dende hai semanas, a porcentaxe de persoas maiores de 80 anos entre os ingresados nos hospitais diminuiu notablemente e tamén o número de defuncións.
Podemos velo nas series de datos que publica o Instituto de Saúde Carlos III, con información segmentada por data e por grupo de idade. O mes de abril pechouse en Galicia con case o 80% dos casos de COVID concentrados entre as persoas de menos de 60 anos. Os positivos detectados entre a poboación de 80 anos e máis supoñen só o 3,92% do total, cando entre decembro e febreiro representaban ao redor do 8% e en novembro superaran o 10%.
Entre setembro e xaneiro as persoas de 80 anos ou máis supuñan entre o 31% e o 38% dos ingresos en Galicia. En marzo esa porcentaxe caeu ata o 25% e en abril supuxo unicamente o 14%
O efecto é aínda máis claro nas hospitalizacións de persoas cunha proba positiva de COVID. Entre setembro e xaneiro as persoas de 80 anos ou máis supuñan entre o 31% e o 38% dos ingresos en Galicia. En marzo esa porcentaxe caeu ata o 25% e en abril supuxo unicamente o 14%. En cambio, incrementouse a proporción dos ingresos de persoas máis novas, de xeito que en abril máis do 45% dos ingresos corresponderon a persoas de menos de 60 anos, cando entre setembro e xaneiro nunca pasaran do 30%.
Nos últimos tres meses medrou a proporción que representan os ingresos en UCI de persoas de menos de 60 anos, que xa son o 45% do total, cando antes se movían entre o 25% e o 30%
Nas estatísticas das UCI, o efecto é menos claro entre as persoas de máis de 80 anos, porque a porcentaxe de camas ocupadas por elas nas unidades de críticos nunca foi elevada, acadando un máximo do 11% en setembro e novembro. En abril, foi tan só do 1%. En cambio, nos últimos tres meses medrou a proporción que representan os ingresos en UCI de persoas de menos de 60 anos, que xa son o 45% do total, cando antes se movían entre o 25% e o 30%.
A redución do número de vítimas mortais entre as persoas de 80 anos e máis (28 defuncións en abril, fronte ás 47 de marzo ou as 284 de febreiro e 288 de xaneiro) é o que explica a maior parte do descenso nas cifras totais de defuncións
En canto ás mortes, as defuncións de persoas de 80 anos e máis seguen a ser maioritarias (51% en marzo, 57% en abril), aínda que con proporcións inferiores ás dos meses anteriores, cando se movían entre o 69% e o 76%. A redución do número de vítimas mortais entre as persoas de 80 anos e máis (28 defuncións en abril, fronte ás 47 de marzo ou as 284 de febreiro e 288 de xaneiro) é o que explica a maior parte do descenso nas cifras totais de defuncións.
Na serie do ISCIII figuran dous falecementos pola COVID de persoas entre 10 e 19 en Galicia durante o mes de abril, no que podería tratarse dun erro, dado que non figuran nas estatísticas da Consellaría de Sanidade, que non recolle ningunha morte por debaixo dos 30 anos dende o inicio da pandemia.
As series por idades que publica o ISCIII permiten observar tamén as cifras de incidencia acumulada en cada grupo de idade. Estes datos amosan que as persoas de menos de 20 anos son, de forma clara, as que máis contaxios de COVID están a rexistrar en Galicia nos últimos dous meses, ou cando menos os que máis se detectan.
Nos últimos dous meses as maiores incidencias da COVID corresponden aos menores de 30 anos
Nos últimos días, as maiores incidencias acumuladas corresponden ao grupo de idade entre 10 e 19 anos e entre 0 e 9 anos, con valores próximos aos 140 casos por cada 100.000 persoas en 14 días, moi por riba da media galega (96). O grupo de idade entre 20 e 29 anos, que chegou a ser o de maior incidencia durante boa parte do mes de abril, reduciu nas últimas dúas semanas os seus datos.
Por riba da media galega tamén se atopan os grupos de idade entre 30 e 39 anos e entre 40 e 49 anos e por debaixo, os maiores de 60. Na gráfica pode observarse, ademais, como as persoas entre 70 e 79 anos experimentaron un incremento moi pequeno na denominada "cuarta onda" da pandemia, de efectos moito máis limitados que as anteriores. E, sobre todo, que os maiores de 80 anos veñen reducindo o seu número de casos de forma clara dende o 1 de marzo, un efecto máis do efecto da vacinación.