A idade vén sendo nos últimos 14 meses de pandemia de Covid-19 o principal factor de risco ante a enfermidade. As persoas de 80 anos e máis representan ao redor do 70% das persoas falecidas en Galicia (1.681 de 2.382) e máis do 31% das ingresadas nos hospitais (4.082 de 12.992).
Nos últimos dous meses a inmunización da poboación de 80 anos e máis limitou moito o número de defuncións, pero tamén os ingresos hospitalarios e mesmo o número de positivos detectados
Por este motivo o proceso de vacinación centrou dende o comezo os seus esforzos na protección das persoas de maior idade: primeiro as de 80 anos e máis (que están a piques de completar a administración da segunda dose da vacina), posteriormente as de 70-79 anos (case todas xa coa primeira dose e comezando a recibir a segunda) e agora das de 60-69 anos, aínda iniciando o proceso na súa maior parte.
Nos últimos dous meses a inmunización da poboación de 80 anos e máis (o 98% recibiu cando menos unha dose e máis do 70% a pauta completa) reduciu de forma moi importante o impacto da epidemia neste grupo, limitando moito o número de defuncións, pero tamén os ingresos hospitalarios e mesmo o número de positivos detectados, como se pode ver nas series de datos que publica o Instituto de Saúde Carlos III, con información segmentada por data e por grupo de idade. O efecto da vacinación comeza a percibirse tamén no grupo de 70 a 79 anos. Esta maior protección fai que -en termos relativos- os pacientes de idades máis novas representen agora unha proporción maior que nos últimos meses.
As persoas de 80 anos e máis foron sempre maioría entre o total de persoas con Covid-19 hospitalizadas en Galicia. Na segunda onda da pandemia, entre o 30% e o 35% dos ingresos correspondían a este grupo de idade, unha porcentaxe que na terceira vaga tamén roldou o 30%. Na última semana de xaneiro cada día ingresaban nos hospitais galegos ao redor de 40 persoas de máis de 80 anos enferma de Covid-19.
Nos 21 primeiros días de abril houbo 56 ingresos de persoas de máis de 80 anos e, por exemplo, 64 ingresos de persoas entre 50 e 59 anos
A mellora da situación sanitaria, grazas ás restricións impostas, fixo que estas cifras descendesen rapidamente ao longo de febreiro e marzo, de xeito que o mes de marzo comezou cunha media de 7 ingresos hospitalarios de maiores de 80 anos e rematou cunha media de 3; nos 21 primeiros días de abril foron 56 os ingresos.
Con todo, os datos amosan que o descenso no número de hospitalizacións foi moito máis rápida entre os maiores de 80 (xa inmunizados na súa maioría) que no resto de grupos de idade. De feito, nestes 21 primeiros días de abril o número de ingresos das persoas entre 70 e 79 anos foi de 75; igualmente, houbo 62 ingresos de persoas entre 60 e 69 anos e 64 ingresos de persoas entre 50 e 59 anos.
En termos porcentuais o descenso é aínda máis claro: a porcentaxe de persoas hospitalizadas maiores de 80 anos, que entre outubro e mediados de febreiro se moveu entre o 30% e o 40%, é hoxe de pouco máis do 10%. A proporción de persoas hospitalizadas entre 70 e 79 anos mantense estable (sempre se moveu ao redor do 20%), o mesmo que a das persoas entre 60 e 69 anos.
Máis da metade dos ingresos corresponden a persoas de menos de 60 anos, unha porcentaxe que ata mediados de febreiro nunca superara o 30%
En cambio, aumenta -en termos relativos- a cantidade de persoas hospitalizadas de menor idade. Dende mediados de abril, máis da metade dos ingresos corresponden a persoas de menos de 60 anos, unha porcentaxe que ata mediados de febreiro nunca superara o 30%. O grupo de pacientes entre 50 e 59 anos pasou do 10% ao 15%, o de 40 a 49 anos pasou de representar menos do 10% a achegarse ao 20% e tamén aumenta a proporción de ingresos de pacientes por debaixo de 40 anos
No que levamos de mes de abril as persoas de máis de 80 anos son o grupo de idade con menos positivos, por debaixo mesmo dos nenos e nenas de menos de 10 anos
O efecto das vacinacións percíbese tamén no número de positivos detectados en cada grupo de idade. No primeiro gráfico obsérvase a evolución xeral ao longo da pandemia. Neste caso os maiores de 80 anos só foron maioría nas primeiras semanas, cando a capacidade de detección era moito menor e só se tiña constancia dos casos máis graves. Dende entón, as persoas deste grupo de idade viñeron representando ao redor do 10% dos positivos notificados, fronte ao 15% correspondente a cada un dos grupos entre 30 e 39, 40 e 49 e 50 e 59 anos.
Esta distribución só se modificou en momentos puntuais, como o mes de xuño do pasado ano, cando a cifra de positivos totais ficou reducida ao mínimo, ou o mes de xullo, cando os mozos entre 20 e 29 anos foron os máis afectados polos gromos que apareceron nesas semanas de verán na Mariña ou na Coruña.
Con todo, nos últimos tres meses o proceso de vacinación si está a modificar estas proporcións, reducindo considerablemente a cantidade de persoas de máis de 80 anos contaxiadas ou cando menos que desenvolven síntomas e son polo tanto diagnosticadas como enfermas de Covid-19. No que levamos de mes de abril, a porcentaxe próxima ao 10% que viñan representando quedou reducida ata o 4%, moi por debaixo doutros grupos de idade e, de feito, por debaixo do grupo de idade de 0 a 9 anos.
O incremento de casos que se está a rexistrar nas últimas semanas parece estar concentrado entre as persoas menores de 60 anos, sendo o grupo de idade entre 40 e 49 anos o que rexistra máis contaxios
Entre o 1 e o 21 de abril detectáronse en Galicia 155 casos de Covid-19 entre as persoas de 80 anos e máis, 242 entre as persoas de 70 a 79 anos, 354 entre as de 60 a 69 anos, 517 entre as de 50 a 59 anos, 631 entre as de 40 a 49 anos, 462 entre as de 30 a 39 anos, 408 entre as de 20 a 29 anos, 404 entre as de 10 a 19 e 302 entre as menores de 10 anos.
De feito, o incremento de casos que se está a rexistrar nas últimas semanas parece estar concentrado entre as persoas menores de 60 anos, sendo o grupo de idade entre 40 e 49 anos o que rexistra máis contaxios, como se ve con claridade no segundo gráfico desta serie.
Nos datos abertos publicados polo ISCIII podemos observar tamén a evolución das defuncións e dos ingresos en UCI, nos que tamén se observan melloras que afectan en maior medida aos grupos de idade nos que a vacinación está máis avanzada, como xa destacabamos a pasada semana.
No que levamos de mes de abril as mortes de persoas de máis de 80 anos representan o 50% do total, fronte ao 70% anterior
As persoas de 80 anos e máis representaran ata agora a gran maioría das defuncións relacionadas coa Covid-19, por riba do 70% do total. O número diario de mortes neste grupo de idade foi especialmente elevado na primeira e na terceira onda, pero mantívose en todo momento moi por riba do resto de grupos. Con todo, nos últimos dous meses a cifra de falecementos de maiores de 80 anos reduciuse notablemente, o que determinou a caída na cifra total de defuncións que estamos a ver dende comezos do mes de marzo. Entre o 1 e o 21 de abril houbo 19 mortes de persoas por riba de 80 anos e 18 por debaixo desa idade, cifras moi próximas ao 50%, cando nos meses anteriores adoitaba superar o 70%.
No que levamos de abril houbo tan só un ingreso na UCI de persoas de máis de 80 anos sobre un total de 54 en toda Galicia
O mesmo sucede cos ingresos en UCI, un apartado no que os maiores de 80 anos nunca foron maioría (a maior cantidade de ingresos nestas unidades correspondía a persoas entre 60 e 80 anos), pero no que tamén descenderon rapidamente as cifras nos últimos dous meses. No que levamos de mes de abril houbo tan só un ingreso na UCI de persoas de máis de 80 anos sobre un total de 54 en toda Galicia.