A posibilidade de que a cuarta vaga da pandemia da COVID-19 poida ficar en ondiña vai gañando enteiros en Galicia. A incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a 7 días, indicador ao que o Servizo Galego de Saúde concede cada vez máis importancia por servir para detectar con máis inmediatez posibles gromos explosivos, tende á estabilidade ou mesmo descende en todas as áreas sanitarias agás na de Vigo, o que permite que o dato global galego siga contido un chisco por baixo dos 50 casos.
A incidencia a sete días rolda os 50 casos novos por cada cen mil habitantes no conxunto de Galicia
A principios do pasado marzo, a pandemia entrou nunha fase de marcada estabilidade en Galicia tras a virulenta terceira vaga. Un mes despois, a comezos de abril, o reflexo dos contaxios da Semana Santa elevou as cifras de contaxios pero, como amosan os gráficos baixo estas liñas, non sucedeu de maneira homoxénea en todo o país nin dun xeito tan pronunciado como en anteriores vagas.
Así, tras varias semanas nas que os incrementos máis pronunciados se produciron na contorna das Rías Baixas, as áreas sanitarias nas que se integran un maior número destes concellos, Pontevedra-O Salnés e Vigo, son as que presentan unha incidencia a 7 días máis elevadas. Non obstante, a área pontevedresa está a estabilizarse arredor dos 72 casos por cada cen mil habitantes a 7 días mentres a viguesa aínda traza unha liña ascendente arredor dos 80. O resto de áreas, con incidencias máis moderadas, tenden a estabilizarse e mesmo unha delas, a de Lugo, debuxa unha liña descendente na súa incidencia a sete días unha vez controlados os focos da Mariña.
Neste contexto, cos datos do último día completo dispoñible (o sábado, día 24), a incidencia acumulada a 7 días para o conxunto de Galicia sitúase un chisco por baixo dos 50 casos novos por cada cen mil habitantes e o indicador a 14 días, algo por baixo dos 100. O feito de que a incidencia a sete días tenda a situarse en torno á metade da incidencia a 14 días é tamén un sinal de estabilidade.
A estabilidade percíbese tamén no número de concellos sen casos en 14 días (139) e na última semana (185)
Esa estabilidade amósana tamén as cifras de concellos onde non se rexistraron casos novos nos últimos 14 días, que agora son 139 (catro máis que hai unha semana). En 185 (8 máis que hai sete días) non se rexistraron casos novos na última semana.
Neste contexto, o maior número de concellos con incidencias elevadas seguen concentrándose canto máis ao sur e ao leste: as Rías Baixas, o Baixo Miño ou a Baixa Limia destacan no mapa de incidencia a 14 días. Tamén o fan outros concellos do sur da provincia de Ourense ou da comarca de Valdeorras e, xa con incidencias a 14 días máis moderadas, municipios das comarcas de Ordes ou Bergantiños.
Entre as sete principais cidades, como no caso das áreas sanitarias, tamén destaca a incidencia acumulada a 14 días de Vigo, que volve ascender e rolda os 171 casos por cada cen mil habitantes. No resto tamén se impón a estabilidade agás na cidade de Lugo, que supera os 93 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días, aínda que o dato a 7 días xa apunta a unha lixeira moderación.
O Sergas suma este luns 159 novos casos do coronavirus
Estas incidencias acumuladas son produto dunhas xornadas de lixeiro incremento nas cifras de casos novos. Este luns, o Sergas suma 159 (os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo), 141 diagnósticos mediante PCR. Como sucede cos datos de incidencia, o número medio a 7 días de diagnósticos a través destes test tamén tende a estabilizarse un chisco por baixo dos 180 por xornada. A finais de marzo e principios de abril chegaron a baixar dos 120, pero tamén nesta variable o incremento é moi inferior ao das anteriores vagas comparables (a segunda e a terceira, por dispoñer xa daquela o Sergas de capacidade diagnóstica comparable).
Como viña sucedendo en anteriores semanas, o feito de que estes incrementos chegasen despois dun período de gran estabilidade segue a provocar que as cifras de novos casos sexan superiores ás de novas altas. Esta é a razón pola que nos últimos días continuaron aumentando, aínda que levemente, os rexistros do total de casos activos, que este luns se sitúan en 3.015. [Podes consultar aquí a serie completa de casos activos por áreas sanitarias dende o comezo da pandemia]
Dúas semanas de lixeiro ascenso nos hospitais
Como sucedeu en anteriores vagas, e igualmente cun efecto moito máis atenuado, as últimas variacións epidemiolóxicas percíbense tamén nos hospitais. Nas últimas dúas semanas, o número de pacientes coa COVID-19 nos hospitais galegos traza unha liña lixeiramente ascendente ata volver superar os 200. Ás seis da tarde do domingo eran 214, 15 máis que unha semana antes. Deles, 45 estaban na UCI; unha semana antes eran pouco máis dunha trintena.
Os indicadores que si manteñen unha senda máis clara de moderación son os de mortalidade. Nun contexto marcado polo avance da vacinación, especialmente entre a poboación de maior idade, son xa sete os días completos do último mes no que non se rexistraron falecementos de persoas infectadas polo coronavirus en Galicia. No que vai de mes de abril, o Sergas notificou 38 mortes oficialmente ligadas á pandemia. Nos primeiros vinte e cinco días de marzo foran 79 e nos primeiros vinte e cinco de febreiro, 392. Dende o comezo da pandemia, o número de falecementos de persoas coa COVID-19 en Galicia chega xa ás 2.382.