Dende vindeiro luns, 26 de abril, case corenta concellos galegos estarán no nivel medio, alto ou máximo das restricións da Xunta pola COVID-19 e os restantes, no baixo. Ata catorce deses municipios están na contorna da ría de Arousa, entre eles, tres dos cinco co nivel máximo de restricións, que implica peche perimetral e clausura da hostalería (A Pobra do Caramiñal e O Grove, aos que dende ese día se engade Vilanova de Arousa. Outra media ducia están bañados polas rías de Pontevedra ou Vigo.
Alén das rías baixas, as comarcas ourensás da Baixa Limia, Valdeorras e Verín concentran outra decena de municipios con máis restricións. O mapa complétase con catro concellos na provincia de Lugo e outros tres na da Coruña, arrodeados no seu caso de municipios en nivel baixo.
Este novo mapa de restricións é reflexo, en boa medida, do mapa de incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) da COVID-19 dos últimos días e mesmo semanas. Cando xa é completo o reflexo dos contaxios que se produciron na Semana Santa e nas xornadas seguintes a eses días festivos, o mapa de incidencia escurece, sobre todo, en áreas das Rías Baixas e do sur de Ourense, na Baixa Limia e na Limia, así como en Valdeorras. Tamén o fai en puntos da provincia lucense e, en menor medida, da coruñesa.
A área sanitaria con maior incidencia segue sendo a de Pontevedra-O Salnés, que tende á estabilidade mentres a de Vigo traza unha liña ascendente
A situación, que en calquera caso segue sendo notablemente máis acougada que en anteriores vagas da pandemia, reflíctese igualmente nos datos de incidencia acumulada por áreas sanitarias. Cos datos do último día completo dispoñible (o mércores, 21 de abril), a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés segue encabezando o dato a 14 días, cuns 137 casos novos por cada cen mil habitantes, aínda que con tendencia á estabilidade. Mentres, a liña máis claramente á alza é agora a da área sanitaria de Vigo, na que inflúe a mala evolución da cidade olívica nos últimos días e tamén a de concellos como Ponteareas, entre outros.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, na banda contraria séguense situando a área sanitaria de Ferrol e tamén a de Lugo, onde a boa situación dun bo número de concellos compensa os peores datos en puntos da Mariña ou da Ribeira Sacra. A área da Coruña-Cee, que contivera a súa incidencia, semella dar tamén sinais dun certo rebote nun contexto no que a incidencia acumulada a 14 días para o conxunto de Galicia se sitúa en 93 casos novos por cada cen mil habitantes e o indicador a 7 días, que comeza a trazar unha liña máis estable, arredor dos 47.
O Sergas engade 253 casos novos ao seu rexistro, a maior cifra en vinte e catro horas dende os primeiros días de marzo
Todo isto sucede nunha xornada na que o Sergas engade 253 casos novos ao seu cómputo, os rexistrados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves, no que supón a cifra máis alta neste período de vinte e catro horas dende comezos de marzo. A media a sete días de diagnósticos mediante probas PCR segue aínda estable, un chisco por riba dos 160 casos.
Contando todos os test (incluíndo os de antíxeno, que o Sergas tamén considera como "de infección activa"), nos últimos días Galicia volveu superar a barreira dos 200 casos novos nun día. Non obstante, como amosa o gráfico baixo estas liñas, seguen existindo notables diferenzas entre áreas sanitarias, tamén en números absolutos. En termos de días naturais, o día con máis casos novos dende a Semana Santa foi o pasado 14 de abril.
Dado que estes incrementos -aínda leves, en comparación con anteriores vagas- se producen tras un período de incidencia moi estable no conxunto de Galicia, os números de casos novos seguen sendo un chisco maiores que os números de altas epidemiolóxicas. Esta é a razón pola que seguen subindo moderadamente os casos considerados activos, que este venres chegan aos 2.939. Hai unha semana eran algo menos de 2.700.
En torno ás 200 hospitalizacións
Neste escenario, alén das oscilacións dun día concreto, o reflexo da pandemia nos hospitais segue estancado en torno aos 200 pacientes co coronavirus ingresados ao mesmo tempo. Os datos actualizados este venres reflicten un descenso no número de ingresos en unidades ordinarias de hospitalización, que quedan en 156 (-7) e que compensan o lixeiro ascenso de pacientes na UCI, 43 (+2). O total fica así en 199, outro día máis na contorna dos 200.
Mentres, as cifras de mortalidade seguen na liña dos últimos días e a media de falecementos de persoas coa COVID-19 nos últimos sete días rolda o 1. Dende o comezo da pandemia, o Sergas xa rexistrou 2.379 mortes de persoas que contraeran a enfermidade provocada polo coronavirus.