A Xunta aposta por permitir máis "mobilidade" a quen porte un certificado de vacinación da COVID

Vacinación contra a COVID-19 este 21 de abril na Coruña e modelos de certificados de vacinación divulgados pola UE e pola Xunta CC-BY-NC-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Dende principios deste 2021, a Comisión Europea está a desenvolver o denominado Certificado Verde Dixital, un documento destinado a servir en toda a UE -e terceiros países con acordos coa Unión- como acreditación de vacinación contra a COVID-19, así como para xustificar que se dispón dun test recente con resultado negativo. Naceu coa intención declarada de "facilitar a circulación segura e libre na UE durante a pandemia".

Nas últimas semanas, o Ministerio de Sanidade do Goberno de España manifestou a súa intención de ter o certificado "operativo" a finais de xuño e "a pleno funcionamento, para a campaña de verán". Segundo o secretario xeral de Saúde Dixital do Ministerio, Alfredo González, este certificado "non é un pasaporte, non é un documento de viaxe e non é un requisito para viaxar", senón "un mecanismo que facilite a mobilidade".

O Ministerio de Sanidade prevé ter implantado en xuño o certificado de vacinación impulsado pola UE e a Xunta, que presentou un modelo de seu, promove que o documento sirva, por exemplo, como excepción ante o peche perimetral de Galicia pola COVID

Alén destes matices lingüísticos e políticos, González tamén evidenciou a pasada semana que a emisión destes certificados corresponderá ás comunidades autónomas, en aplicación das súas competencias. Paralelamente, a Xunta vén reiterando que dispón de capacidade técnica para emitir certificados de seu e mesmo divulgou un modelo con deseño moi semellante ao bosquexado na Unión Europea, que será o que se implante con validez para todo o continente.

Con este pano de fondo, este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalaba en resposta á prensa que a aposta do Goberno galego é que contar con este certificado poida "empezar a facilitar a mobilidade" ás persoas vacinadas. Esta postura, sinala, foi xa defendida pola Xunta no Consello Interterritorial de Saúde -composto polo Ministerio e as comunidades autónomas-, "pero non tivemos ningunha resposta", láiase.

Modelos de certificados de vacinación divulgados pola UE (esquerda) e pola Xunta CC-BY-NC-SA Praza Pública

"Nós cremos que o certificado pode introducir elementos que axuden á mobilidade", abonda o conselleiro, que pon un exemplo concreto. Na actualidade, ilustra, o peche perimetral de Galicia inclúe "varias excepcións", como o retorno de persoas con residencia no país que volven doutros puntos do Estado. "Ter un certificado" podería ser "un motivo de excepción" para poder entrar, indica.

Incidencia global estable en Galicia e preocupación polas Rías Baixas

A Xunta avanzou as súas intencións a respecto do certificado de vacinación na rolda de prensa onde Comesaña detallou os asuntos tratados na sesión do comité clínico celebrada o pasado martes. Ese comité abordou os cambios de nivel de restricións en varios concellos, co mantemento da Pobra do Caramiñal, do Grove , de Carballeda de Valdeorras de Cualedro no nivel máximo e o ascenso da cidade de Vigo ao nivel medio como novidades máis reseñables [Consulta aquí sobre o mapa o nivel no que estará cada concello a partir do venres e as restricións aplicadas].

O propio mapa de restricións é reflexo da situación epidemiolóxica xeral do país que, como admite Sanidade, é estable en termos globais, pero aínda con ascensos e incidencias que, nalgúns puntos, preocupan ao Sergas. É o caso de varios municipios das Rías Baixas e tamén da propia cidade de Vigo.

En calquera caso, Sanidade amosa relativa satisfacción na que os ascensos de novos casos detectados seguen sendo "moi lixeiros", apunta a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán. Nesta liña, este mércores o Sergas incorporou ao seu rexistro 188 casos novos, os detectados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes. Deles, 179 son diagnósticos mediante probas PCR. Na última semana, a media diaria de diagnósticos da COVID-19 mediante este tipo de test rolda os 160.

Aínda que boa parte dos concellos coas incidencias máis elevadas tras a Semana Santa se sitúan en áreas turísticas, a Xunta di desligar estas cifras deses movementos nas xornadas festivas

Sobre o mapa, boa parte dos concellos e comarcas con maiores incidencias seguen situándose ao sur da ría de Muros e Noia. É o caso da comarca da Barbanza -a cal Sanidade coida que comeza a transitar por unha situación de estabilidade tras os pronunciados incrementos de novos casos das últimas semanas- e mais do Salnés. tamén seguen destacando as incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) a 14 días no Baixo Miño, na Mariña ou varios concellos de Valdeorras e do sur da provincia de Lugo. 

Aínda que boa parte destas contornas coas incidencias máis altas se atopan en áreas especialmente turísticas, Sanidade asegura non atopar relación entre os gromos detectados e os desprazamentos da Semana Santa. Nestes días, dado o período de incubación da COVID-19, os datos epidemiolóxicos están a reflectir os contaxios que se produciron nesas xornadas festivas.

Mentres isto sucede, o número de concellos que non rexistraron casos novos nas últimas dúas semanas segue sendo elevado, cun total de 134 (+2). En 176 (sen cambios) non houbo novos casos nos últimos sete días.

O número de municipios libres da COVID mantense relativamente estable e o mesmo sucede, a grandes trazos, coa situación epidemiolóxica da maioría das sete principais cidades. Neste punto destaca por riba a cidade de Vigo, con 143 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e, ademais, cun número de casos novos na última semana (247) que fai prognosticar unha evolución desfavorable. Na banda contraria, Santiago retomou a liña descendente e achégase aos 40 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días.

Outra volta por riba das 200 hospitalizacións

Aínda que lonxe das cifras disparadas de anteriores vagas, nos últimos días tamén se percibe un relativo empeoramento nas cifras de hospitalización vinculadas á pandemia non tanto polo seu incremento, pero si polo seu estancamento. Galicia volve rexistrar máis de 200 hospitalizacións de pacientes con test positivo do coronavirus, catro máis que un día antes e 18 máis que na mesma xornada da semana anterior. Delas, 40 están en coidados intensivos, a cifra máis alta dende finais de marzo.

O rexistro que segue amosando unha clara moderación é, ao tempo, o de mortalidade. A media de falecementos de persoas coa COVID-19 dos últimos sete días segue sendo inferior a 1 por xornada e o total sitúase en 2.376.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.