Sanidade permitirá que a empresa de seguimento de casos, que calcula que cobrará 13,8 millóns ao ano, deixe sen atender o 7% das chamadas que reciba
O sistema estable de rastrexo da COVID-19 que a Xunta quere contratar agora, un ano despois do inicio da pandemia e tras encargar eses traballos a través de procedementos de emerxencia ata que “a situación se complicou”, como recoñece o propio Goberno galego, non requirirá que o seu persoal teña “coñecementos” ou “competencias sanitarias” nin no caso dos encargados de xestionar "casos complexos". Así o plasma agora a Consellería de Sanidade nun documento oficial no que vén de dar resposta a varias dúbidas de empresas interesadas no contrato e que pasa a ter similar validez que o resto do prego de condicións do servizo ao que complementa. Unhas aclaracións coas que a Xunta permite que o novo sistema de rastrexo deixe sen atender o 7% das chamadas que reciba.
O concurso para prestarlle á Xunta o servizo de rastrexo da COVID por 13,8 millóns de euros ao ano, cuxas características foron avanzadas por Praza.gal, contempla tres grandes tipos de actuacións por parte da empresa que resulte gañadora: seguimento de casos individuais “sen complexidade” (nos que estima un total de 84,5 minutos de chamadas telefónicas ás persoas afectadas e os seus contactos durante o tempo que dure a súa corentena), seguimento de “casos complexos” como os que se producen en centros colectivos como os educativos (nos que calcula 77 minutos de chamadas), e “programas especiais de control de gromos, viaxeiros e similares” nos que as autoridades sanitarias realicen actuacións de control ou probas a determinados grupos de poboación e “pode ser necesario que a empresa contratista realice algunha actuación sobre as persoas que resulten positivas”.
A propia Consellería de Sanidade admite que hai casos complexos nos que "a definición de contacto estreito precisa dunha valoración específica", pero non require "competencias sanitarias" para o persoal que os xestione
A propia Consellería de Sanidade admite nos seus pregos de condicións que no caso dos casos complexos “a definición de contacto estreito precisa dunha valoración específica e tendo en conta as diferentes contornas nas que puido producirse o contacto”. Sobre o seguimento dese tipo de casos foi preguntada oficialmente por unha empresa interesada na licitación, que inquiriu se o persoal encargado deles “deben ter un perfil de coñecementos e competencias sanitarias”. A resposta oficial da directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, en maiúsculas, ao contrario que no resto de respostas, é simple: “NO”.
O servizo de rastrexo está enfocado fundamentalmente á realización de chamadas para seguimento de corentenas e identificación de posibles contactos, pero tamén contempla que as persoas afectadas poidan chamar ao servizo para “ampliar información sobre os seus contactos”, “agregar contactos” ou “solución de dúbidas”. Sobre esas chamadas entrantes tamén formulou unha empresa interesada unha dúbida non resolta nos pregos de condicións orixinais: “Existe algún requirimento de nivel de atención ou nivel de servizo para estas chamadas?” A resposta da Xunta é que o nivel de servizo debe ser dun 75% das chamadas entrantes atendidas “antes de 30 segundos” e o nivel de atención o 93%. Isto é, que a empresa deberá garantir a atención do 93% das chamadas que reciba, ou o que é o mesmo, pode deixar sen contestar ata o 7% das chamadas.
A Xunta esixe á empresa que sexa quen de atender o volume de chamadas que lle poida encargar, e deixa en mans dela se ten que contratar ou despedir persoal e como
As tarefas de rastrexo que agora a Xunta quere contratar de xeito estable tras facelo durante o último ano con procedementos de emerxencia veñen sendo desenvolvidas por teleoperadores que teñen como contrato máis habitual o temporal por 900 euros brutos por 30 horas á semana. A inestabilidade seguirá manténdose no novo contrato xa que a Xunta esixe á empresa que sexa quen de atender o volume de chamadas que lle poida encargar, e deixa en mans dela se ten que contratar ou despedir persoal e como.