Sanidade argumenta agora que “a incerteza ante a aparición de novas ondas desaconsella” manter o servizo con procedementos de emerxencia e convoca un concurso por 13,8 millóns ao ano
A Xunta vén de sacar a concurso por primeira vez esta semana a contratación dun centro de seguimento telefónico de contactos da COVID-19 por un importe que estima nuns 13,8 millóns de euros ao ano. Ese rastrexo xeral dos contaxios -á marxe do inicial que comeza o propio persoal sanitario do Sergas e do puntual que como reforzo realizaron as forzas armadas- xa se viña facendo ata agora por empresas teleoperadoras alleas á Consellería de Sanidade a través de contratos de emerxencia autorizados tras estourar a pandemia, pero o Goberno galego non decidiu contratar un sistema estable a través dun concurso público ata que “a situación se complicou” no Nadal.
É a propia Consellería de Sanidade a que sinala no informe co que xustifica a convocatoria do concurso que, tras contratar por emerxencia o servizo de seguimento telefónico, “durante o verán de 2020 o número de casos parecía estar controlado e a situación que se plantexaba era a dunha ‘nova normalidade’ na que a distancia social e a máscara axudarían a controlar a transmisión. Non obstante a partir da entrada do outono a situación complicouse novamente, chegando despois do Nadal ao pico dunha terceira onda cun número de casos significativamente alto. Este gran número de casos e a incerteza ante a aparición de novas ondas desaconsellan continuar utilizando a tramitación de expedientes de emerxencia”.
Por iso, agora a Xunta convoca un concurso público para adxudicar, por un ano prorrogable por outro, o servizo de seguimento telefónico de casos de COVID, algo que fai, admite, porque Sanidade “non dispón de medios materiais nin persoais para afrontar a realización de tarefas obxecto do mesmo”. Un rastrexo que ata agora xa viñan realizando empresas externas con todo tipo de críticas internas e externas. [Eles son os rastrexadores da Xunta: "Un sistema caótico" desde un centro de chamadas de Bergondo].
Segundo resume Sanidade, “a finalidade do servizo é dar cobertura global á realización das enquisas de todos os casos detectados a través do sistema sanitario, identificar os seus contactos estreitos aos que realizará unha nova enquisa e os seguirá de forma telefónica diaria ao longo do período de corentena”.
A Xunta calcula que o seguimento de casos sen complexidade supón 84 minutos de traballo, que lle custarán 25 euros, mentres que os casos complexos polos lugares nos que se rexistran cuantifícaos 72 minutos e 29 euros
O contrato agora a concurso contempla tres grandes tipos de actuacións por parte da empresa, que cuantifica en tempos medios de atención que á súa vez traduce a custo en euros segundo os convenios do sector das empresas teleoperadoras. Para un primeiro tipo de “seguimento de casos sen complexidade” calcula unha única chamada ao caso positivo detectado polo Sergas de 24 minutos, e unha media de 4,5 persoas ás que chamar a continuación como contactos derivados cunha primeira chamada de 11 minutos e outras nove chamadas de seguimento de dous minutos cada unha durante o tempo que dure a corentena desas persoas. A Xunta calcula un tempo medio de traballo para este tipo de seguimento de 84,5 minutos e un prezo de 25,79 euros sen IVE para cada un destes casos sen complexidade.
Un segundo tipo de “seguimento de casos complexos” define estes como os que se producen en centros como os educativos, nos que “a definición de contacto estreito precisa dunha valoración específica e tendo en conta as diferentes contornas nas que puido producirse o contacto”. Nestes casos Sanidade calcula unha primeira chamada de 72 minutos e outra derivada doutros 5 minutos e cuantifica o traballo en 29,12 euros.
Serán as empresas interesadas as que determinen canto persoal precisan e como o xestionan para atender en cada momento o volume de chamadas que lle demande a Xunta
Un terceiro tipo de tarefas a realizar pola empresa serán “programas especiais de control de gromos, viaxeiros e similares” nos que as autoridades sanitarias realicen actuacións de control ou probas a determinados grupos de poboación e “pode ser necesario que a empresa contratista realice algunha actuación sobre as persoas que resulten positivas”. Neste caso Sanidade emprega como unidade de cálculo unha chamada de dez minutos por 3,05 euros.
Agora serán as empresas interesadas as que determinen canto persoal precisan para ofrecer estes servizos á Xunta, que deberán estar activos de 9 a 22 horas de luns a domingo, e incrementalo ou reducilo en función da demanda por parte da Administración, que pagará en función do antedito custo medio por caso.